Galicia rexistra o día con menos diagnósticos de coronavirus e sen novas hospitalizacións

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O 12 de maio pasa a ser, ata o momento, o día con evolución xeral máis favorable da epidemia do coronavirus en Galicia. É o que cabe concluír á luz da combinación dos datos do Ministerio de Sanidade cos que divulga o Servizo Galego de Saúde -a fonte de ambos é a Consellería de Sanidade-. A información actualizada este mércores, día 13, indica que os novos diagnósticos da covid-19 no país mediante probas PCR foron só 10, o menor número dende o comezo da pandemia, nunha xornada na que ademais non se rexistraron novas hospitalizacións en Galicia por esta causa, informa o Ministerio. [Galicia, á cabeza do Estado en opacidade na difusión de datos sobre o coronavirus]

Os dez novos diagnósticos mediante proba PCR converten esta xornada na que rexistra unha evolución máis favorable da pandemia en Galicia ata o momento; o país suma tamén 35 de test de anticorpos

Eses dez novos diagnósticos mediante PCR producíronse nunha xornada na que o número destas probas, as máis precisas, remontou levemente tras tocar fondo no día anterior. Foron realizadas 1.664 máis -no día previo foran 857, o menor número dende finais de marzo- para un total de 118.665, especifica o Sergas. A eses 10 novos positivos por PCR engádense outros 35 a través de test de anticorpos, que indican que a persoa puido ter contacto co virus nas últimas semanas pero que nin sequera se corresponden, necesariamente, con probas feitas nesta xornada.

Con esta boa evolución, a incidencia acumulada da covid-19 en Galicia nos últimos 14 días -novos casos por cada 100.000 habitantes- volve estar por baixo da media estatal tras superala durante a pasada semana. Agora é de 23,19 casos positivos novos en Galicia e a media estatal sitúase no 25,71.

A incidencia acumulada da pandemia en Galicia volve situarse por baixo da media estatal e os falecementos son dous máis, para un total de 597 no que o 45% seguen sendo residentes de centros de maiores, que non rexistraron mortes nestas vinte e catro horas

Estas favorables cifras prodúcense nun contexto no que o incremento dos falecementos ligados á pandemia tende tamén a moderarse, segundo os datos tanto da Xunta como do Ministerio -este indicador si é o mesmo e cadra a diario-. Faleceron xa pola pandemia 597 persoas en Galicia, dúas máis que o día anterior, o que supón que nos últimos catro días o aumento de mortes está a ser o menor dende o comezo da pandemia. 

Ningunha destas dúas mortes da última xornada foron de persoas que viviran en residencias de maiores ou dependentes. Así e todo, o peso destes centros sobre o total de falecementos segue sendo determinante: a suma total continúa nas 269, o 45% do total.

Mentres o Ministerio se dispón a aplicar un novo protocolo de datos que inclúa aínda máis detalles na información que lle deben subministrar as comunidades autónomas [O Estado divulga datos da evolución do coronavirus en Galicia que a Xunta lle transmite pero non fai públicos], o Sergas segue a manexar como indicador principal os denominados "positivos activos". Esa cifra sitúase este 13 de maio en 2.179 casos, 143 menos que o día anterior. Non obstante, a ausencia dunha serie histórica completa impide comparar este valor con todos os publicados antes do 28 de abril, cando a Xunta introduciu 3.552 "curacións" dun golpe sen referencia temporal ningunha.

O que a Xunta segue indicando como "curacións" e que o Ministerio detalla como "infeccións resoltas", xa que tamén inclúen casos de persoas que pasaron por test de anticorpos positivos e non chegaron a estar enfermas, volve aumentar un día máis a maior ritmo do que diminúen os devanditos "positivos activos". Así, mentres os positivos activos son 143 menos, eses casos resoltos aumentan en 176 e chegan en Galicia aos 7.996.

Sen novas hospitalizacións e con 25 persoas menos ingresadas con positivo por COVID-19

O enlentecemento na aparición de novos casos da covid-19 en Galicia cadra nesta xornada unha mellora no que atinxe á presión da pandemia nos centros hospitalarios. O Ministerio de Sanidade detalla que o Sergas non reportou novas hospitalizacións pola pandemia en Galicia nas últimas vinte e catro horas -a Xunta non ofrece esta información-. Aínda que si foi preciso pasar á UCI a unha persoa que estaba ingresada nunha unidade ordinaria, o total da hospitalización de persoas con test positivo do coronavirus volve experimentar unha forte baixada.

O Ministerio non rexistra novas hospitalizacións en Galicia, que rexistrou o paso á UCI dun só paciente mentres o global de ingresos con test positivo baixa un 13%

Os datos do Sergas para este 13 de maio indican que permanecen ingresadas con test positivo (as persoas que pasan a dar negativo desaparecen da lista, aínda que non sexan dadas de alta) pola covid-19 un total de 166 pacientes, o que supón un descenso do 13%, o maior en termos porcentuais dende o comezo da pandemia por segundo día consecutivo. Delas, di Sanidade, 22 están na UCI -tres menos que o día previo- e 144, en unidades ordinarias. Combinando ambas fontes estatísticas cabe deducir que hai vinte e dúas persoas menos en planta que un día antes e delas, 21 pasaron a dar negativo mentres que outra, pasou á UCI.

Nesta xornada tamén descenden as persoas illadas a domicilio con positivos "activos" por coronavirus. Agora son 2.013, un 5,54% menos, e nelas inclúense 289 persoas usuarias de residencias de maiores e dependentes -no día previo eran 314-.

Descenso en seis áreas, leve ascenso na da Coruña

Por áreas sanitarias a única referencia de datos segue sendo a Xunta, xa que a información do Ministerio só chega ao nivel autonómico, polo que os datos dispoñibles refírense só aos devanditos positivos activos, coas consecuentes limitacións. Tendo presente esta cautela, os datos do Sergas para este 13 de maio indican unha redución de positivos activos en todas as áreas sanitarias agás nunha, a da Coruña, que suma dous casos, ata os 532.

A área de Ourense é agora a única que supera os 100 casos activos por cada 100.000 habitantes

Ao non ser pública a distribución dos novos diagnósticos por áreas sanitarias, para calcular a incidencia da pandemia por cada unha delas o único indicador dispoñible segue sendo tamén o dos positivos activos. A maior incidencia segue sendo a da área sanitaria de Ourense, que agora é xa a única con máis de 100 casos activos por cada 100.000 habitantes e continúa moi notablemente por riba da media galega, que xa rolda os 81.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.