Galicia rexistra un diagnóstico de coronavirus nas últimas 24 horas, e só 22 nas últimas dúas semanas

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Galicia rexistrou nas últimas 24 horas un único diagnóstico novo de coronavirus, segundo os datos diarios feitos públicos esta tarde polo Ministerio de Sanidade. Os indicadores amosan que a situación epidemiolóxica segue a ser favorable e sen indicio de rebrotes. Na última semana houbo en Galicia 14 novos positivos, e 22 nas últimas dúas semanas

A incidencia acumulada mantense por debaixo de 1 (0,81 casos por cada 100.000 habitantes), fronte aos 9,43 casos por cada 100.000 habitantes que se rexistran no conxunto do Estado español. Madrid e Cataluña suman dous de cada tres casos rexistrados nas últimas dúas semanas.

Este sábado non se rexistraron novos falecementos, polo que a conta oficial do Sergas mantense nos 619. Dende o inicio da crise 2.934 persoas tiveron que ser ingresadas nos hospitais galegos por mor do coronavirus, dúas delas na última semana. 336 persoas pasaron pola UCI dende marzo.

O número de 'casos activos' de coronavirus (o indicador de referencia que segue empregando o Sergas) segue en descenso. Este sábado ás 20 horas eran 351. Mentres, o que o Sergas presenta como "curacións" ou "casos resoltos" chega a 10.486 persoas. O total de persoas que deron positivo nalgún momento chegaría así a 11.456, resultado de sumar os casos activos, os resoltos e os falecementos comunicados pola Consellería de Sanidade. 

Dos casos activos, 343 están en seguimento nos seus domicilios e os outros oito corresponden aos pacientes ingresados nos hospitais. 

O Sergas indica que xa foron realizadas en Galicia 158.324 probas PCR, ao redor de 1.250 máis que o día anterior.

Dos 351 casos activos contabilizados polo Sergas, 109 son da área sanitaria da Coruña, 21 da de Lugo, 27 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 140 da área de Vigo, 34 da de Santiago, e 12 da de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.