Galicia suma un diagnóstico de coronavirus noutra xornada de datos á baixa e sen sinais de rebrotes

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Na xornada en que o Goberno central publicou a serie histórica do coronavirus, os datos diarios continúan a ser moi favorables en Galicia. Segundo o informe do Ministerio de Sanidade, este mércores rexistrouse un só diagnóstico positivo de coronavirus, na liña das últimas xornadas. Nos últimos sete días foron unicamente 12 os positivos, 25 nos últimos catorce días. 

A incidencia acumulada nestas últimas dúas semanas está por debaixo de un caso por cada 100.000 habtiantes, a taxa máis baixa en todo o Estado Español, que presenta unha media de 10,36 casos por cada 100.000 habitantes.

Os datos do Ministerio non amosan ningún indicio de novos brotes en Galicia, con moi poucos casos rexistrados nas últimas semanas e menos aínda con síntomas iniciados recentemente

Despois de seis días sen mortes, este mércores o Sergas rexistrou un novo falecemento dun paciente con coronavirus, o que eleva a conta da Consellería de Sanidade ata 619. Nos últimos sete días os hospitais galegos só rexistraron un novo ingresdo de doentes coa covid-19, ningún en UCI.

O número de 'casos activos' de coronavirus (o indicador de referencia que segue empregando o Sergas) tamén segue en descenso. Este mércores ás 20 horas eran 465. Mentres, o que o Sergas presenta como "curacións" ou "casos resoltos" chega a 10.356 persoas. O total de persoas que deron positivo nalgún momento chegaría así a 11.440, resultado de sumar os casos activos, os resoltos e os falecementos comunicados pola Consellería de Sanidade. 

Dos casos activos, 454 están en seguimento nos seus domicilios e os outros dez corresponden aos pacientes ingresados nos hospitais.

O Sergas indica que xa foron realizadas en Galicia 155.048 probas PCR, ao redor de 1.400 máis que o día anterior.

Non hai ningún paciente con Covid-19 nas UCI, mánténdose a situación que ae acadou onte por primeira vez dende o 10 de marzo. Ademais só hai 11 persoas ingresadas nos hospitais galegos coa enfermidade.

Dos 465 casos activos contabilizados polo Sergas, 105 son da área sanitaria da Coruña, 29 da de Lugo, 31 da de Ourense, 11 da de Pontevedra, 184 da área de Vigo, 92 da de Santiago, e 13 da de Ferrol. A área viguesa é dende hai varias semanas a que acumula un maior número de positivos, que vai reducindo moi lentamente. Con todo, este xoves é A Coruña a única ára no que se incrementaron os positivos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.