En total existen en Galicia 43.314 piscinas, a maior parte descubertas. Son tres mil máis das que había dous anos antes (40.356)
Durante a emerxencia sanitaria provocada pola COVID especulouse coa posibilidade de que o escenario creado pola pandemia favorece un certo éxodo dende as cidades aos concellos da contorna. O efecto existiu e tivo un certo impacto nas cifras de empadroamento, aínda que este foi moi cativo e posiblemente temporal en moitos casos, pois os últimos datos de variacións residenciais amosan un gran crecemento poboacional nas urbes, mentres que as poboacións das zonas periurbanas e rurais regresaron ás tendencias anteriores á pandemia.
Dende o ano 2022 o Catastro ofrece publicamente datos sobre o número de piscinas privadas existentes en cada concello, unha estatística que permite constatar a proliferación que nos últimos anos está a rexistrar este equipamento, ata o punto de que en moitos momentos -especialmente nos meses anteriores ao verán- a demanda excede á oferta de piscinas e ás posibilidades de instalación.
Entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 1 de xaneiro de 2024 o número de piscinas existentes en Galicia aumentou un 7,5%
Entre o 1 de xaneiro de 2022 -xusto no momento en que deixamos atrás a pandemia grazas á vacinación masiva- e o 1 de xaneiro de 2024 o número de piscinas existentes en Galicia aumentou en case tres mil, un 7,5%. É imposible afirmar con certeza que a emerxencia sanitaria foi un dos efectos que provocou este forte incremento, pero o fenómeno está aí: Galicia é un territorio cada vez con máis piscinas, cun incremento concentrado especialmente en certas áreas do país.
En total existen en Galicia 43.314 piscinas, a maior parte descubertas. Son tres mil máis das que había dous anos antes (40.356). Son unhas 16 por cada mil habitantes, unha ratio notablemente inferior á doutros territorios do Estado, especialmente aqueles interiores. Porén, hai concellos galegos que superan amplamente esa relación e que concentran o maior número de piscinas instaladas.
O Pereiro de Aguiar, con 105 piscinas por cada mil habitantes, é o concello galego con máis instalacións deste tipo en termos relativos, seguido de Amoeiro, Bergondo, Toén, Coles, Oia, Nigrán e Taboadela
O Pereiro de Aguiar, con 105 piscinas por cada mil habitantes, é o concello galego con máis instalacións deste tipo en termos relativos, seguido de Amoeiro, Bergondo, Toén, Coles, Oia, Nigrán e Taboadela. Esta relación está encabezada por concellos situados nos arredores das grandes cidades, como Ourense (O Pereiro de Aguiar, Toén, Amoeiro...), A Coruña (Oleiros, Sada, Abegondo...) e Vigo (Nigrán, Gondomar...), pero tamén Lugo (O Corgo e Outeiro de Rei) ou Compostela (Ames ou Teo).
En xeral, os concellos ourensáns sitúanse por riba da media, e a ratio tamén sobe de forma importante no Baixo Miño. Nas cidades, os datos son máis reducidos, situándose todas por debaixo da media galega: Pontevedra, Ourense, Vigo e Lugo achéganse ás dez piscinas por cada mil habitantes e a ratio é moito máis baixa en Santiago e Ferrol e cae ao mínimo na Coruña.
Porto do Son (+73%), A Laracha (+50%), Salvaterra (+40%), Moaña (+32%) e Miño (+26%) son as localidades nas que máis aumentaron este tipo de instalacións
Vigo (+175), Oleiros (+168) e Nigrán (+137) son os concellos nos que máis aumentou o número de piscinas nos últimos dous anos. En Tomiño, Salvaterra e Moaña o seu número tamén aumentou en máis dun cento.
En termos relativos, Porto do Son (+73%), A Laracha (+50%), Salvaterra de Miño (+40%), Moaña (+32%) e Miño (+26%) son as localidades nas que máis aumentaron este tipo de instalacións.