Homenaxe do Estado a Dolores Vázquez un cuarto de século despois do seu encarceramento inxusto

Dolores Vázquez, durante a homenaxe que recibiu en marzo de 2025 en Betanzos © Concello de Betanzos

A betanceira acusada falsamente do asasinato da filla da súa ex-parella recibirá a Medalla á Promoción dos Valores da Igualdade no marco do Día da Visibilidade Lésbica un ano despois do primeiro acto de reparación pública que lle brindou o Concello da súa vila

"No meu corazón aínda necesito un perdón do Goberno". Dolores Vázquez expresouse deste xeito en marzo de 2025 cando, ante un ateigado auditorio, recibiu a homenaxe oficial e una petición de perdón institucional por parte do Concello da súa vila, Betanzos. No marco dos actos polo 8M, o goberno betanceiro outorgáralle o premio Úrsula Meléndez de Texeda, que homenaxe a memoria dunha benefactora da vila no século XVII. Esa homenaxe reproducirase agora, pero a nivel estatal.

"Facemos algo que debiamos ter feito hai moito tempo: recoñecer, honrar e, sobre todo, pedir perdón a unha muller que sufriu unha das maiores inxustizas da nosa historia recente", resumira a alcaldesa de Betanzos, María Barral. Explicaba así o sentido dun acto que chegaba 25 anos despois de que Vázquez fose acusada falsamente e inxustamente detida e condenada polo asasinato na provincia de Málaga de Rocío Wanninkhof, filla da súa ex-parella.

Cartel anunciador da homenaxe estatal a Dolores Vázquez, elaborado polo Ministerio de Igualdade © Ministerio de Igualdade

Será o vindeiro 27 de abril cando, no marco do Día da Visibilidade Lésbica, a ministra de Igualdade, Ana Redondo, entregue a Dolores Vázquez a Medalla á Promoción dos Valores da Igualdade. Será nun acto na sede do seu departamento, en Madrid, no que tamén participará o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, e que inclúe un coloquio centrado na lesbofobia a cargo das activistas Paula Iglesias e Beatriz Gimeno.

"No meu corazón aínda necesito un perdón do Goberno", expresaba hai un ano Vázquez, cuxa inocencia quedou plasmada nunha sentenza xudicial pero a quen os tribunais lle denegaron a indemnización polos máis de 500 días que estivo na cadea

Porque, como é coñecido, a homofobia foi unha das claves da persecución a Dolores Vázquez, quen chegou a pasar ano e medio no cárcere como resultado da despois acreditada inxustiza policial e xudicial. Nun clima tamén marcado polo sensacionalismo mediático, o sinalamento como asasina mantívose ata que o verdadeiro culpable do crime, un británico chamado Tony Alexander King, matou outra moza e os seus restos biolóxicos o sinalaron tamén como autor do crime atribuído á galega.

Cando, o ano pasado, recibiu a homenaxe en Betanzos -onde agora vive tras anos residindo no Reino Unido para poder sentirse "libre", expresara-, Dolores Vázquez asegurara acoller o recoñecemento con "ilusión" e "sen rancores", mais tamén coa esperanza dun recoñecemento estatal. Porque en Betanzos "son os meus veciños e me coñecen" pero "isto vai máis alá". 

Dolores Vázquez, tras recibir o premio Úrsula Meléndez de Texeda de mans da alcaldesa de Betanzos, María Barral, en marzo de 2025 © Concello de Betanzos

A inocencia de Dolores Vázquez ficou acreditada nunha sentenza xudicial pero, non obstante, a Audiencia Nacional denegoulle en 2012 a indemnización que solicitaba aludindo cuestións formais. En 2015 o Tribunal Supremo ratificou esa denegación cunha sentenza que contara cun voto particular dunha das maxistradas da Sala que resolveu o asunto, a actual ministra de Defensa, Margarita Robles, que defendeu que a betanceira si tiña dereito a esa compensación económica polos 519 días que pasou inxustamente encarcerada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.