Os graves incendios que azoutaron -e aínda azoutan- o Courel e Valdeorras "interactuaron claramente". A forte intensidade do lume na serra lucense na tarde do domingo creou unhas condicións que acabaron por facilitar e impulsar a propagación errática, veloz e descontrolada dos focos que parecían xa controlados no val ourensán do Sil, a uns 40 quilómetros en liña recta.
Juan Picos estuda como o lume no Courel provocou unha nube de convección que mudou o vento e impulsou a propagación imprevista do incendio en Valdeorras
É a conclusión á que chega Juan Picos, director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra e un dos maiores expertos nos incendios en Galicia, logo da análise que xunto con outros compañeiros e mesmo brigadistas da zona realizou dos datos meteorolóxicos, fotos e vídeos que chegaban das dúas comarcas máis afectadas pola vaga de lume, que arrasou xa unhas 14.000 hectáreas entre O Courel e Valdeorras.
"Na tarde do domingo, a intensidade do lume no Courel forma un pirocúmulo [nube de fogo] bastante importante que coincide coa propagación repentina e errática, e en contra do que estaba previsto, do incendio en Carballeda", advirte Picos en conversa con Praza.gal. O conxunto de focos na serra lucense, engade, e a enorme cantidade de calor xerada polo combustible acumulado no monte elevou a altas capas de atmosfera enormes columnas de vapor de auga, cinzas e fume.
"A combustión foi tan grande que creou pirocúmulos de milleiros de metros de altura que mudaron o réxime de ventos e propagaron de maneira caótica o lume"
"A combustión foi tan grande que creou estes pirocúmulos, detectados polos radares, que alcanzan milleiros de metros de altitude, columnas que absorben o osíxeno e acaban comportándose como o tiro dunha cheminea, alcanzando tal intensidade que nalgúns casos chegaron a mudar o réxime de ventos previsto polas predicións meteorolóxicas nas proximidades, provocando refachos incontrolables en Valdeorras e a propagación intensa e caótica do lume que alí semellaba xa controlado", explica.
Esta nube de convección é un fenómeno que se dá en incendios extremos nos que as enormes cantidades de calor xeradas afectan a atmosfera circundante, creando as súas propias condicións meteorolóxicas. O ambiente de lume, nestes casos, pode espallarse varios quilómetros en horizontal, pero tamén milleiros de metros en vertical, creando esa columna convectiva, derivada de violentas correntes de aire ascendentes.
Estes fenómenos piro-convectivos foron os que, unidos á baixa humidade e as altas temperaturas, agravaron os incendios en Valdeorras, provocando a súa rápida expansión e velocidade. Foi un fenómeno que Picos non lembra "ter visto nunca en Galicia", aínda que si hai experiencias próximas. De feito, hai catro anos, o informe que a Asemblea de Portugal encargou tras os graves incendios que no outono de 2017 azoutaran o país e o norte luso concluíra que a gran nube de convección que intensificara as lapas ao sur do Miño evitara unha catástrofe maior en Galicia.
Fenómenos así ocorren cando a enerxía liberada polo lume supera a enerxía do vento xeral, provocando estes pirocúmulos que desencadean fortes refachos nas proximidades, de maneira independente e que poden mesmo elevarse ata a alta troposfera ou estratosfera.
"Vendo todos os datos, parece claro que algún pirocúmulo foi tan intenso que xerou un cambio nos ventos, provocando unha propagación rápida e caótica do lume baixando o val do Sil... O que sería o camiño máis lento para o avance das lapas acabou por ser un percorrido rápido e errático, que levou o lume a abrirse como un abano", explica Picos graficamente. A entrada de ventos de poñente na tarde do luns, engade, provocan que "o que era o flanco lateral do incendio pase a ser a cabeza, varrendo cara ao oriente".
Ademais, e segundo explica Picos, a creación destas columnas convectivas, que poden alcanzar os dez quilómetros de altura, supoñen un risco que pode explicar a evacuación masiva de veciñanza e que a Xunta puxese en marcha "un dispositivo extraordinario" para atendela. "É a primeira vez que se organiza un operativo destas características tendo en conta a situación extraordinaria derivada dunha situación climatolóxica anómala", explica o Goberno galego nun comunicado.
"A derruba de golpe dalgunhas desas columnas de convección pode causar graves danos, unha especie de furacán, unha bomba que leva todo por diante, como o que aconteceu no grave incendio de Pedrógão Grande", explica Picos. Non ocorreu, pero a importancia do pirocúmulo foi tal, lembra, que provocou cambios na temperatura e na presión "e mesmo chuvia durante un par de minutos".
Os raios iniciaron focos en lugares inaccesibles; a calor e a seca dispuxeron un combustible vexetal que axudou a propagar os incendios
A peculiaridade do fenómeno, explica este experto, levou mesmo a erguer o interese de investigadores portugueses atentos ao comportamento do lume en Galicia nestes últimos días. "O obxectivo da ciencia, neste caso, é estudar a situación, entender as causas e intentar adiantarnos para a próxima vez que suceda así e lograr que se dea con menor intensidade ou previr para protexer o mellor posible", engade. "A única maneira de enfrontarse a algo así é saber moi ben as regras do xogo, senón estes incendios son caóticos e impredicibles e aí só quedaría rezar", explica.
O conselleiro de Medio Rural, José González, corroboraba que "estes incendios teñen un comportamento que nunca se vira en Galicia", que fan que "queden fóra de capacidade de extinción" e que "non funcionen" as técnicas aplicadas ata agora.
Porque a vaga de lume que azouta Galicia si pode incluírse entre os denominados incendios de nova xeración, aqueles que por unha concatenación de factores son moi difíciles de controlar e poñen en maior perigo núcleos de poboación e veciñanza. "Houbo varios pequenos eventos singulares que sumados provocaron un escenario tremendo e grave", conta.
O primeiro deles, o feito de que os incendios fosen provocados polos raios e unha tormenta seca -a da noite do pasado xoves- nada habitual en Galicia. "Iso fai todo especialmente complicado porque, a diferenza dun lume intencionado ou provocado por unha neglixencia, estes focos poden empezar en lugares pouco accesibles aos que é difícil que cheguen os medios de extinción", di Picos respecto ao medio cento de focos que provocaron as descargas eléctricas.
"Gustaríame dicir que son o peor que veremos, pero a experiencia dinos que non... O combustible vexetal pode seguir secando cara a agosto ou setembro"
Ademais, o lume deu cun combustible vexetal nos montes presto para arder con facilidade e para propagar as lapas. O clima seco e a ausencia de chuvias nas últimas semanas, co claro influxo de fondo do cambio climático, dispuxo unha vexetación "con moi pouco contido en auga". Así, os incendios avanzaron cunha rapidez inusual, moito máis naqueles terreos abandonados ou sen o coidado requirido. "Se a iso lle engadimos que moitos deles empezaron en zonas con moitas aldeas dispersas ou preto de núcleos de poboación e infraestruturas importantes, as consecuencias son importantes", resume Picos.
Con todo, advirte, episodios como o destes días sempre "poden ir a peor". "Gustaríame dicir que son o peor que veremos, pero a experiencia dinos que non... O combustible vexetal pode seguir secando cara a agosto ou setembro", advirte sobre o que define como "bombas de biomasa". Terreos que antes eran prados, que se pastoreaban ou se cultivaban forestalmente e que agora están abandonados porque hai menos actividade gandeira, agrícola ou de silvicultura.
"Co cambio climático e estes eventos de calor e seca, esa vexetación pasa a ser combustible dispoñible que aumenta a intensidade dos incendios e a súa velocidade de propagación e dificultan a súa extinción", conclúe Picos, que advirte do "risco de que situacións que consideramos excepcionais se normalicen e pasen a ser máis frecuentes". Parece que xa o van sendo.