Renfe desviou os pasaxeiros á estación de Guixar e di que o incendio se produciu no interior do longo túnel das Maceiras que comunica con Redondela, cuestión que nega Adif, que pouco despois das catro da tarde restableceu a circulación
Un incendio nun transformador eléctrico situado na praza fronte ao centro comercial e estación Vialia de Vigo-Urzais interrompeu este xoves a circulación ferroviaria no Eixo Atlántico ao sur de Pontevedra. Inicialmente Renfe informou de que o incendio se producira “no Túnel das Maceiras”, o longo subterráneo de 8 quilómetros que cruza a cidade de Vigo ata Redondela, pero Adif desmentiuno a Praza.gal e desligou o incendio da explotación ferroviaria.
En todo caso, a empresa xestora da rede ferroviaria admite que o incendio tivo efectos sobre os seus sistemas e paralizou o tráfico ferroviario. Posteriormente, algo despois das catro da tarde, Adif daba por restablecida "a circulación normal".
En distintas comunicacións oficiais Renfe sinalou que a circulación de trens, tanto de media distancia como Alvia, resultou afectada entre as estacións de Vigo-Urzaiz e Redondela-Alta Velocidade. Ou, segundo outra versión, entre Vigo-Urzaiz e Pontevedra.
A empresa pública operadora dos trens instou os pasaxeiros a dirixirse á estación de Vigo-Guixar, de onde sae a antiga vía férrea que bordea a ría e que en Redondela se bifurca cara ao Miño e Ourense para as conexións coa Meseta ou cara Arcade onde pode conectar co resto do Eixo Atlántico.