A ordenanza orixinal aprobárase no ano 2012 por unanimidade e co visto bo da asesoría xurídica. Porén, Galicia Bilingüe decidiu presentar un recurso, que foi atendido polo TSXG e polo Supremo
O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publicou este martes a nova nova ordenanza de uso do galego do Concello da cidade da Muralla, unha norma que o Goberno local se viu obrigado a adaptar á sentenza do Tribunal Supremo de 2019, que avalou o ditame negativo do TSXG que no ano 2016 anulara varios dos seus artigos, atendendo ao recurso presentado por Galicia Bilingüe no ano 2012. A ordenanza orixinal aprobárase nese ano 2012 por unanimidade, contando mesmo co voto favorable do PP.
O Concello de Lugo valorara recorrer a sentenza do Supremo ante o Tribunal Constitucional, pero finalmente acordou acatar o ditame, malia non compartilo, sinalando a alcaldesa Lara Méndez que "consideramos que o galego hai que defendelo, porque ten un peso inferior ao do castelán". A rexedora lembrou, ademais, que a norma se aprobara por unanimidade e que, ademais, contara co visto bo da asesoría xurídica co Concello.
O Concello de Lugo valorara recorrer a sentenza do Supremo ante o Tribunal Constitucional, pero finalmente acordou acatar o ditame, malia non compartilo
Así, finalmente o pasado 30 de xaneiro o pleno municipal aprobou a nova norma modificada, cambiando ou eliminando trece dos seus artigos e poñendo fin a un longo percorrido, unha década despois da aprobación da ordenanza e sete anos despois da sentenza do TSXG.
O recurso presentado por Galicia Bilingüe, no marco doutras iniciativas legais contra a normalización da lingua galega, incidía especialmente na consideración do galego, como lingua propia de Galicia, como "idioma oficial do Concello". As dúas sentenzas anularon tamén artigos que establecían que "nas súas comunicacións administrativas orais, o persoal do Concello empregará preferentemente a lingua galega como lingua vehicular" ou que "os cargos electos do Concello de Lugo, cando interveñan en actos públicos de carácter institucional, expresaranse en galego".
No artigo 1, ademais de recoller que "o galego é lingua oficial da Administración local e, xa que logo, do Concello de Lugo", engade que "tamén o é o castelán como lingua oficial do Estado"
Os principais cambios na ordenanza
- No artigo 1, ademais de recoller que "o galego é lingua oficial da Administración local e, xa que logo, do Concello de Lugo", engade que "tamén o é o castelán como lingua oficial do Estado"
- No artigo 3 elimínase a obriga de redactar en galego a rotulación de oficinas e despachos e tamén os rogos e preguntas.
- No artigo 4 suprímese o apartado que prevía que o Concello esixirá dos seus contratistas e provedores que fagan uso do galego nos bens e servizos que sexan obxecto do contrato
- No artigo 5, aínda que se mantén que "todos os expedientes administrativos do Concello de Lugo serán tramitados en lingua galega", recóllese que "cando a persoa interesada o solicite, entregaráselle a documentación que lle afecte en castelán", unha solicitude que non debe ser realizada "formalmente", como se establecía antes.
Elimínase o apartado que establecía que as comunicacións orais e escritas das actividades subvencionadas polo Concello debían estar sempre en galego.
- No artigo 7 suprímese o apartado que establecía que "nas súas comunicacións administrativas orais o persoal do Concello empregará preferentemente a lingua galega como lingua vehicular". A nova redacción prevé que "o Concello fomentará o uso da lingua galega nas comunicacións administrativas orais, coa salvedade de que calquera administrado solicite, explícita ou implicitamente, ser atendido en castelán".
- No artigo 10 suprímese a parte que prevía que "os cargos electos do Concello de Lugo, cando interveñan en actos públicos de carácter institucional, expresaranse en galego".
- Suprímese o artigo 15, que prevía que os contratistas, concesionarios e provedores que traballaran para o Concello usasen a lingua galega en rótulos, recibos e na atención ao cliente.
- No artigo 26 elimínase o apartado que establecía que as comunicacións orais e escritas das actividades subvencionadas polo Concello debían estar sempre en galego.