A ordenanza sobre o uso do galego foi un dos acordos políticos máis amplos dos últimos anos no Concello de Lugo. Saíu adiante no ano 2012 por unanimidade de toda a corporación, daquela formada por PSdeG, PP e BNG, e estivo en vigor sen sobresalto ningún ata o ano 2016. Foi daquela cando o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, atendendo parcialmente un recurso dunha asociación denominada Galicia Bilingüe, decidiu anular parte desta normativa. Diante desta decisión o goberno lucense recorreu ante o Supremo, que vén de avalar a anulación. Por iso o gabinete que dirixe Lara Méndez estuda se levar o conflito ante o Tribunal Constitucional.
O Supremo avalou a anulación de varios artigos da ordenanza, aprobada por unanimidade, en 2012, referidos ao uso da lingua en elementos como os sinais viarios e de oficinas ou ao galego como lingua vehicular no funcionamento cotián do consistorio
Os artigos da ordenanza anulados polo Tribunal Superior de Galicia van dende os que se referían á evidencia de que "o galego, como lingua propia de Galicia, é idioma oficial" do Concello -preceptos recollidos no Estatuto, na Lei de Normalización Lingüística e na lei de uso do galego polas entidades locais-, aos rótulos indicativos de oficinas e despachos municipais, á "demanda" de uso do galego por parte das empresas que contraten co Concello ou ao uso do idioma propio de Galicia como lingua vehicular no funcionamento cotián do consistorio. Tamén no que atinxe á formación do persoal municipal ou sinais viarios.
O Supremo, no seu aval a esta anulación, razoa que os "termos imperativos" dos artigos anulados "supoñen unha preterición da lingua castelá", isto é, que obvia a que o castelán tamén é oficial. E non explicitalo é "contrario a dereito" e non está "xustificado" por "unha política de fomento da lingua galega". A sentenza, asegura para contradicir o defendido polo Concello, "non vulnera a igualdade e normalización lingüística", senón que protexe a "cooficialidade" do castelán, proclaman.
Lara Méndez: "Esta ordenanza busca poñer os dous idiomas oficiais en igualdade de condicións, na que non están"
Pero o Concello non concorda. Como tampouco o fixera cando, tras a primeira anulación, todos os grupos da corporación asinaron unha declaración institucional na defensa da ordenanza. A alcaldesa xa trasladou ao resto de grupos que so servizos xurídicos do Concello "estudan" a pertinencia de "defendela" tamén ante o Constitucional porque "non estamos de acordo coa sentenza do Supremo". "Esta ordenanza -resalta a socialista- aprobada por unanimidade en 2012 busca poñer dous idiomas oficiais que temos en Galicia en igualdade de condicións, igualdade na que non están". Ben ao contrario, advirte, "mesmo se produce un retroceso" no uso do galego, "como reflicten os datos".
A xuízo de Méndez son "reveladores" do "devalo" do idioma galego datos como o descenso de falantes de galego entre a poboación menor de 30 anos, moi especialmente na infancia, reflexo "da perda de transmisión interxeracional do galego". "A principios dos anos 90 o galego era a lingua inicial para o 62% das persoas maiores de 15 anos" e "vinte anos despois, só para o 43%, resalta. Por todo isto, "as Administracións debemos realizar unha protección e impulso especial" da lingua, afirma a rexedora.
Queremos Galego convoca unha concentración en defensa da ordenanza para o 6 de marzo ás 12 da mañá ante a casa do Concello
De xeito paralelo á vía xudicial e á toma de posición política do Concello, a plataforma Queremos Galego anuncia tamén mobilizacións para defender, o vindeiro 6 de marzo ás 12 da mañá fronte á casa consistorial de Lugo, a integridade do texto da ordenanza. "A sentenza ataca elementos da política de normalización da lingua galega completamente asumidos e apoiados maioritariamente polo pobo galego", sinala o voceiro da plataforma, Marcos Maceira. Proba disto, agrega, é que a norma saíra adiante por unanimidade. O Goberno local confirmou o seu apoio a esta mobilización.