Máis de 240.000 persoas pasan soas o confinamento en Galicia, a metade con máis de 65 anos

CC-BY-SA Oriol Lladró

Case 129 mil persoas maiores de 65 anos viven soas en Galicia, ao redor do 19% da poboación total por riba desta idade

Máis de 240.000 persoas viven soas en Galicia, segundo os datos do INE correspondentes ao pasado ano. Isto, que habitualmente podía non ser un problema, convértese nun factor que fai máis duro o día a día do confinamento para moitas persoas. No caso das persoas maiores é, ademais, un elemento que engade dificultades e risco e que limita a súa capacidade para obter subministros de todo tipo.

Como xa contabamos hai uns meses, case 129 mil persoas maiores de 65 anos viven soas en Galicia, ao redor do 19% da poboación total por riba desta idade. Entre elas hai moitas máis mulleres (93 mil) que homes (36 mil). Pola contra, por debaixo dos 65 anos son moitos máis os homes que viven sós que as mulleres (65 mil fronte a 48 mil).

Son moitos os concellos que dende o inicio da crise do coronavirus puxeron en marcha medidas para atender nos seus domicilios a persoas con necesidades diversas

Son moitos os concellos que dende o inicio da crise do coronavirus puxeron en marcha medidas para atender nos seus domicilios a persoas con necesidades diversas, sobre todo de idade avanzada ou con problemas de mobilidade, e que non podían ou escollían por precaución non saír á rúa. Tamén redes de voluntariado impulsadas polos Gobernos locais, como na Coruña, Vigo ou Pontevedra.

Tamén se están poñendo en marcha Grupos de Apoio Mutuo, formados por cidadáns e cidadás co obxectivo de detectar necesidade e achegar a súa colaboración e apoio emocional. Hai uns días falabamos con dúas persoas do GAM da Coruña, onde funcionan unha ducia de grupos noutros tantos barrios. E tamén en Ourense botaron a andar oito grupos a nivel de barrio, cun funcionamento semellante.

80 mil familias galegas pasan o confinamento cos seus fillos e fillas en vivendas de menos de 75 metros cadrados

Se para as persoas que habitan soas, mesmo para as máis novas, o confinamento pode facerse máis difícil que as que se atopan acompañadas, esta situación tamén se vive de forma diferente en función das características da vivenda de cada unha (comezando polo tamaño) e da súa clase social. Eldiario.es publica este luns unha análise das características das vivendas existentes do Estado Español, destacando por exemplo que o 46% das familias formadas por unha parella e tres fillos ou fillas viven en inmobles de menos de 90 metros cadrados.

En Galicia a situación é semellante nas sete cidades, aínda que no conxunto da comunidade autónoma, o tamaño medio das vivendas adoita ser maior. Aínda así, 80 mil familias galegas pasan o confinamento cos seus fillos e fillas en vivendas de menos de 75 metros cadrados.

Compostela

En Compostela, o Concello fixo un chamamento ás tendas de barrio para que colaboren na subministración de alimentos aos colectivos máis vulnerables

En Compostela, o Concello fixo un chamamento ás tendas de barrio para que colaboren na subministración de alimentos aos colectivos máis vulnerables. Os beneficiarios desta medida son aquelas persoas maiores que vivan soas, persoas con mobilidade reducida, ou persoas que se atopen en corentena. "Son as pequenas tendas, é o pequeno comercio, o que mellor coñece as veciñas e veciños do barrio e o que mellor coñece as súas necesidades", di Mila Castro, concelleira de Políticas Sociais. 

Desta iniciativa tamén se poden beneficiar as familias que acrediten escasos recursos económicos, que poderán recoller os alimentos e produtos de primeira necesidade nestas tendas sen ter que pagalos, xa que se aboarán a través dunha conta do Concello. Este chamamento á colaboración das tendas de barrio, faise despois da reunión mantida o luns coas grandes superficies comerciais, que tamén están colaborando co goberno municipal.

O Concello de Santiago habilitou o teléfono 010 para atender as necesidades dos colectivos de maior vulnerabilidade, como persoas maiores que vivan soas ou con outra persoa tamén de idade avanzada; persoas en situación de dependencia, que vivan soas ou que o seu coidador principal, non poida exercer adecuadamente o seu rol por atoparse baixo os efectos da enfermidade.

Lugo

Lugo reforzou as liñas telefónicas e o persoal para atender as necesidades básicas daqueles veciños e veciñas que se atopan sós e con problemas de saúde ou mobilidade

De igual xeito, en Lugo a concellaría de Benestar, Inclusión e Maiores reforzou as liñas telefónicas e o persoal para atender as necesidades básicas daqueles veciños e veciñas que se atopan sós e con problemas de saúde ou mobilidade. A área de Benestar reforzou as liñas telefónicas ás que pode chamar: 982297455, 982297458, 982297505 e 982297460.

A concelleira, Olga López, destaca que que “estamos xerando os mecanismos necesarios para darlle unha resposta a este amplo colectivo, que pode necesitar que alguén lle faga a compra, vaia á farmacia ou mesmo que teña necesidade de compañía, e aínda que esta compañía física non vai a ser posible polas medidas de prevención polo coronavirus, si se lles acompañará vía telefónica”.

Así mesmo, o Concello de Lugo puxo en marcha a través da concellería de Mobilidade un servizo de compra a demanda en colaboración coas taxistas da cidade e o 010. "Queremos facilitar que as persoas que forman parte dos grupos de risco poidan quedar na casa mentres dure o estado de alarma”, sinalou Rubén Arroxo, tenente de Alcalde.

Moitos concellos puxeron en marcha medidas para atender nos seus domicilios a persoas con necesidades diversas CC-BY-SA Noel Feáns

Outras localidades

En Vigo, o Concello promove un programa de acompañamento telefónico para paliar os efectos de illamento nas persoas da terceira idade

En Vigo, o Concello promove un programa de acompañamento telefónico para paliar os efectos de illamento nas persoas da terceira idade. Así mesmo, organizouse un servizo de voluntariado para atender a persoas vulnerables. Desde a Oficina de Voluntariado contáctase con todos eles para repartir traballos, que poden ir desde acompañamentos á compra ou ao médico ata as chamadas de teleasistencia.

Así mesmo, en Ferrol o Concello puxo en marcha o programa “Se non podes, imos nós”, un novo servizo de axuda a quen non poida saír do seu domicilio para facer compras de alimentos o medicamentos durante o estado de alarma.

En Ferrol o Concello puxo en marcha o programa “Se non podes, imos nós”, un novo servizo de axuda a quen non poida saír do seu domicilio para facer compras de alimentos o medicamentos

En Pontevedra, o Concello habilitou unha bolsa de voluntariado específica para a crise sanitaria, coordinada a través da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, co obxecto fundamental de atender as necesidades de colectivos vulnerables e de persoas maiores que viven soas e que precisan aprovisionamento de recursos básicos.

Pero tamén fóra das cidades concellos de máis pequeno tamaño puxeron igualmente en marcha iniciativas para axudar as persoas que viven soas, de idade avanzada en moitos casos. Un exemplo é o Concello de Viana do Bolo, que mantivo a pleno rendemento o servizo de Axuda a Domicilio tanto na modalidade de atención á dependencia, que atende a 61 persoas, como na modalidade de atención básica, que atende a 27 persoas. O Goberno local destaca que "aos usuarios e usuarias do Servizo de Axuda no Fogar sempre lles foron atendidas as súas demandas para achegarlles menciñas e alimentación aos seus fogares".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.