O estado de alarma polo coronavirus prorrogarase cando menos 15 días máis

Pedro Sánchez, na xuntanza que tivo lugar este domingo cos presidentes autonómicos © Moncloa

O Goberno central prorrogará o estado de alarma, cando menos, 15 días máis. Así llo comunicou esta mañá Pedro Sánchez a todos os presidentes autonómicos esta mañá nunha xuntanza telemática na que tamén participaron os catro ministros delegados. O actual estado de alarma, que foi declarado o pasado sábado 14, remataría o vindeiro domingo 29, pero a incidencia do coronavirus, que non deixa de medrar e que aínda non chegou ao seu pico no Estado Español, obriga a estendelo.

A medida, que deberá ser aprobada polo Congreso, manterá o confinamento obrigatorio e a limitación de movementos ata o remate da Semana Santa

Esta extensión, de momento de 15 días máis, deberá ser aprobada polo Congreso dos Deputados, onde semella que o Goberno contará co apoio da maior parte dos grupos para esta medida, como así o anticipou hai días o líder do PP, Pablo Casado.

O estado de alarma e as súas medidas excepcionais para frear a propagación do virus, comezando polo confinamento obrigatorio e a limitación de movementos, chegaría así ata o vindeiro 12 de abril, abranguendo polo tanto toda a Semana Santa.

"Trátase dunha medida drástica, moi incómoda, que está afectando a todas as familias, pero os expertos coinciden que é unha medida efectiva na loita contra o coronavirus", sinalou Sánchez na rolda de prensa que concedeu unha vez rematada a xuntanza telemática. Ademais, Sánchez esixiu "responsabilidade social e disciplina cívica" á sociedade para frear o brote. "Non se pode saír todos os días a facer a compra. Quen se crea á marxe debe ser consciente de que se comporta como un aliado do virus", dixo.

"Non se pode saír todos os días a facer a compra. Quen se crea á marxe debe ser consciente de que se comporta como un aliado do virus", dixo Sánchez

Así mesmo, o presidente do Goberno informou de que quedarán restrinxidas durante 30 días as viaxes a España dende outros países, una restrición que non se aplicará dentro do espazo Schengen a persoas que se dirixan ao seu lugar de residencia. De igual xeito, Sánchez anunciou que os fogares con persoas infectadas polo coronavirus non poderán deitar o lixo nos contedores de reciclaxe, senón que as bolsas terán que ser depositadas "debidamente pechadas"  exclusivamente "no contedor de fracción resto". 

Alberto Núñez Feijoo, esta mañá na xuntanza con Pedro Sánchez e os restantes presidentes autonómicos © Xunta

Durante a xuntanza, Alberto Núñez Feijóo e outros presidentes autonómicos criticaron ao Goberno central a falta de equipos de protección, cuxa compra e xestión está centralizada no Executivo do Estado. Xa o pasado venres o presidente da Xunta denunciou publicamente que o Sergas leva nove días sen recibir estes subministros, unha crítica que este venres repetiu o vicepresidente Alfonso Rueda. Feijóo avanzou que a Xunta está a procurar posibles vendedores "para o caso de que se nos deixe mercar de forma directa"

Este sábado pola noite Pedro Sánchez xa subliñou que "o peor está por chegar" e anticipou que "os casos diagnosticados e o número de falecidos van aumentar nos vindeiros días"

Este sábado pola noite o presidente do Goberno central xa subliñou que "o peor está por chegar" e anticipou que "os casos diagnosticados e o número de falecidos van aumentar nos vindeiros días". "Estamos nun momento crítico e van chegar días moi duros, para os que nos temos que preparar dende o punto de vista psicolóxico e emocional", engadiu, facendo ademais un chamamento a manter a "unidade" e o respecto de todas as persoas ás medidas decretadas: "de todos nós depende que a situación cambie".

España suma 28.572 casos confirmados de coronavirus; ademais, producíronse 1.720 falecementos e hai 2.575 pacientes recuperados. Porén, as cifras seguen a aumentar de forma exponencial. Espérase que o pico da enfermidade chegue ao longo desta semana, que é cando se deberían percibir os efectos das medidas adoptadas o pasado sábado 14. O punto de inflexión da pandemia (o momento no que habería máis recuperacións que novos casos positivos) non chegaría ata mediados de abril.

España suma 28.572 casos, e houbo 1.720 falecementos

A situación en Madrid é a que máis preocupa, con 9.702 casos positivos, seguida de Cataluña (4.704) e País Vasco (2.097). Porén, na rexión de Madrid rexístranse máis da metade das mortes totais e ao redor do 40% do ingresos en UCI. 

Pedro Sánchez, este sábado pola noite na súa intervención © Moncloa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.