A comarca do Carballiño rexistra diversos focos que ameazaron núcleos de poboación e en toda Galicia xa son preto de 7.000 as hectáreas ardidas no que vai de mes de agosto
Se o martes foi o leste da provincia de Ourense onde se rexistraron os principais novos incendios da xornada, en Laza, Chandrexa de Queixa ou Carballeda de Valdeorras, este mércores foi o oeste onde se concentraron os novos focos, coa comarca do Carballiño como principal afectada. Alí un incendio declarado no mediodía deste mércores na parroquia de San Cosmede de Cusanca, no Irixo, afectaba a última hora da tarde a 240 hectáreas e a primeira hora da mañá deste xoves xa ascendía a 470 hectáreas.
Ademais, a Xunta informa de diversos incendios na mesma zona, declarados no Carballiño, na parroquia de Longoseiros, e en Boborás, na parroquia de Astureses, que puxeron en risco diversos núcleos de poboación e que na mañá deste xoves pasaron a ser considerados varios focos dun mesmo incendio con xa 120 hectáreas. Só entre os incendios declarados o martes e o mércores, sen ter en conta os que aínda seguían sen extinguir, arderon máis de 2.700 hectáreas.
Segundo o parte oficial da Xunta da mañá deste xoves, había activos en toda Galicia un total de oito incendios -o Goberno galego só informa dos incendios que suman máis de 20 hectáreas ou dos que afectan a espazos protexidos e poboacións-.
Fronte ao empeoramento da situación rexistrado no oeste da provincia, no leste de Ourense as tormentas con chuvia da tarde deste mércores axudaron aos servizos de extinción. En Laza o incendio declarado o martes chega ás 1.350 hectáreas, pero xa non pon en perigo poboacións. E os de Carballeda e Chandreixa deixaron de medrar.
No resto de Galicia, nas últimas horas a Xunta informou da extinción dos incendios de Verín, tras queimar 600 hectáreas, e Xustáns, en Ponte Caldelas, con 380. Tamén se deron por controlados dos dous incendios que afectaban ás Pontes de García Rodríguez, que suman 165 hectáreas.
No que vai de mes de agosto arderon xa en toda Galicia preto de 7.000 hectáreas, que hai que sumar ás máis de 34.000 queimadas durante a vaga de xullo iniciada coas tormentas de raios do día 14.