No que vai de agosto xa son máis de 5.600 as hectáreas ardidas, tras as 34.000 da vaga de xullo
Cos incendios da pasada semana á fin estabilizados ou controlados, pero sen extinguirse aínda os de Boiro (2.200 hectáreas), Verín (600) e Ponte Caldelas (380), este martes declaráronse cinco novos lumes repartidos polos concellos de Laza, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa e As Pontes que nunha soa xornada, ata o mediodía deste mércores, queimaran por si sos outras 1.500 hectáreas. De todos eles o que máis rápido evolucionou foi o que se iniciou ás dez da noite deste martes na parroquia de Camba, en Laza, e que a primeira hora da tarde deste mércores xa acadaba as 740 hectáreas.
En Carballeda de Valdeorras, xa afectado polo incendio de máis de 10.000 hectáreas rexistrado en xullo, o concello rexistrou tamén este martes outro lume iniciado na parroquia de Casaio que no mediodía deste mércores chegaba xa ás 440 hectáreas.
Ademais, este martes tamén se declarou un incendio en Chandrexa de Queixa e dous nas Pontes que a mediodía deste mércores xa sumaban arredor doutras duascentas hectáreas ardidas en cada un dos dous concellos.
Con estes novos lumes no que vai de mes de agosto xa arderon en Galicia, só nos incendios dos que informa a Xunta -os de máis de 20 hectáreas ou que afectan a espazos protexidos ou poboacións-, máis de 5.600 hectáreas. Cifra que hai que sumar ás 34.000 que se queimaran na vaga de xullo.