Mantense a moderación da incidencia da COVID e da atención hospitalaria

Persoas xa vacinadas fronte á COVID-19 repousando tras recibir a súa dose CC-BY-SA Xunta de Galicia

Na última xornada rexistráronse 191 novos casos e Sanidade cualifica a evolución da incidencia como un "aumento que semella máis unha estabilización, cunha porcentaxe de cambio diario de 0,8 %”

Na actualización deste sábado dos datos oficiais da pandemia por parte do Sergas, recollidos ata as 18 horas do venres, incorpóranse á serie histórica outros 191 novos casos de COVID-19, 168 deles confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Unhas cifras que van en liña coas rexistradas nos dous últimos meses e coas que se chega á fin do estado de alarma e á activación, a partir das cero horas deste domingo, dunha nova flexibilización das restricións por parte da Xunta. Neste enlace pode consultarse a súa publicación oficial nun DOG extraordinario emitido a última hora deste venres e ao final desta mesma peza informativa, de xeito máis visual, no noso habitual mapa interactivo.

A propia Consellería de Sanidade, na orde na que establece as novas restricións, refírese á evolución cara á estabilidade da tendencia diaria da incidencia da COVID en Galicia nos últimos meses sinalando como desde finais do pasado ano se poden percibir “tres tramos, un deles con tendencia oposta, primeiro crecente, a un ritmo do 7,1 % ata o 22 de xaneiro, e despois unha primeira decrecente, cunha porcentaxe de cambio diario de -6 % e outra, cun aumento que semella máis unha estabilización, cunha porcentaxe de cambio diario de 0,8 %”.

Na última xornada non se comunicaron novos falecementos, aínda que os datos poidan ser revisados posteriormente, e realizáronse unhas 8.400 probas PCR, en liña coas cifras das dúas últimas semanas. 

Hai 192 persoas hospitalizadas fronte ás 220 que chegou a haber hai dúas semanas

Canto á situación nos hospitais, seguen reducirse lixeiramente as cifras con dous casos menos en UCI (43) e tres menos en atención convencional (149), ata un total de 192 persoas hospitalizadas. A cifra foi descendendo con altibaixos nas últimas dúas semanas desde as 220 hospitalizacións que se chegaron a rexistrar.

Vigo, a cidade coa peor incidencia, leva dez días de mellora constante das súas cifras

Nas cidades a tendencia é tamén a estabilidade nas cifras de incidencia, con só A Coruña e Vigo superando os 100 casos acumulados nos últimos 14 días por 100.000 habitantes, pero coa segunda das urbes nunha clara melloría ao longo dos últimos dez días.

Canto ás areas sanitarias, a estabilidade é a nota dominante en todas elas, cunha peor situación comparativamente nas de Pontevedra e Santiago por mor dos brotes rexistrados en varios concellos dar rías de Pontevedra e Arousa.

Máis de 1,3 millóns de doses administradas

O ritmo de administración das vacinas continúa acelerándose en Galicia, con máis de 133.000 doses aplicadas entre o martes e o xoves, o 10% en só tres días das máis de 1,3 millóns de doses administradas desde decembro. Preto do 40% da poboación galega adulta recibiu cando menos unha dose, e preto do 20% ten a pauta completa, porcentaxes que se duplican no caso das persoas de 60 anos ou máis.

As novas restricións

Estas son as novas restricións que entran en vigor ás cero horas deste domingo. Aquí poden consultarse no DOG extraordinario emitido a última hora deste venres.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.