A Garda Civil detivo na madrugada deste xoves unha persoa e investiga outras 16, entre elas varios médicos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), nunha operación contra o tráfico de medicamentos e drogas en Cangas e Vigo.
Esta operación, segundo informa o subdelegado do Goberno de España en Pontevedra, Abel Losada, está aberta desde hai meses. "O que máis nos preocupa, desde o máximo respecto á presunción de inocencia, é a presunta implicación nesta rede de médicos do Sergas de Cangas e de Vigo, así como de varias farmacias", lamentou nun audio difundido aos medios de comunicación.
A Garda Civil detivo unha persoa e investiga farmacias e varios médicos do Sergas de Cangas e Vigo
Noutro audio, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, dixo non ter aínda "información" sobre esta investigación, que lle merece o "máximo respecto", e advertiu que o seu departamento está "disposto a colaborar en todo o que sexa necesario".
Segundo varios medios, a operación é unha máis no intento de acabar co mercado negro do Rivotril, marca comercial do clonazepam, un ansiolítico que é mesturado con haxix (tamén con alcohol ou pegamento) e que serve para elaborar karbuki, denominación que recibe a denominada droga dos pobres que é cada vez máis popular entre algunha mocidade, tamén na comarca do Morrazo e de Vigo.
A presunta rede implica facultativos e farmacias na distribución irregular de Rivotril, un ansiolítico empregado para elaborar 'karbuki', a denominada 'droga dos pobres'
As autoridades levan amosando desde hai tempo a súa preocupación pola expansión desta droga, máis desde que o pasado mes de setembro un menor de 15 anos fose localizado en Cangas logo de consumir karbuki, que se pode conseguir no mercado negro por tan só tres euros, un baixo prezo que está a axudar a que o seu consumo se espalla entre algunha mocidade. Tamén diversos intentos de agresións e pelexas pactadas estarían relacionados co consumo deste estupefaciente entre a mocidade, o que levou a que se iniciasen as pescudas no Morrazo.
A investigación está sendo dirixida polo Xulgado de Instrución número 2 de Cangas e propiciou unha operación que de madrugada rematou coa detención dun home en Cangas por parte de varios axentes da Garda Civil. As pescudas indican que persoas que teñen pautado o Rivotril polo Sergas non só o consomen, senón que o intercambian con xente nova por outras drogas ou véndeno.
![](https://praza.gal/storage/uploads/photo-2025-02-13-16-39-15-1a810df.jpeg)
A nai dun menor chegou a retirar 5.800 comprimidos psicotrópicos en menos dun ano
Máis aló das graves consecuencias sobre a saúde que ten o consumo do karbuki, as administracións amosan tamén unha forte preocupación polo feito de que entre as persoas investigadas haxa facultativos do sistema sanitario público de Galicia, así como farmacias.
As pescudas que se iniciaron en 2023 acabaron coa investigación de ata unha ducia de farmacias por un delito contra a saúde pública, ao coñecerse que expedían o medicamento a menores de idade sen que achegasen as receitas necesarias. Durante as pescudas, segundo explica a Garda Civil, comprobouse que a nai dun menor que protagonizara diferentes incidentes chegou a retirar 5.800 comprimidos psicotrópicos en menos dun ano.
A partir de aí, segundo a operación centrouse tamén en tres médicos do Sergas, de centros de saúde de Cangas e Vigo, dous psiquiatras e un farmacéutico, ademais doutras dez persoas, tres delas menores de idade.
Tres médicos e dous psiquiatras do Sergas están a ser investigados por un presunto delito de falsidade de documento público e contra a saúde pública
Os tres médicos e os dous psiquiatras do sistema sanitario público de Galicia están a ser investigados como presuntos autores de falsidade de documento público, pola expedición de receitas, así como por delito contra a saúde pública. Ademais, un farmacéutico é tamén investigado por falsidade de documento ao incumprir o deber de comprobar a identidade da persoa que recolle a menciña e a prescrición do seu facultativo.
![](https://praza.gal/storage/uploads/oprivotril2-d0e5b12.jpeg)
Segundo fontes do persoal sanitario da zona, consultadas por Praza.gal, hai meses que os profesionais veñen detectando casos de persoas que empregan diferentes "argucias" en diferentes centros sanitarios, principalmente os PAC, para conseguir máis doses de Rivotril das que lles prescribiu o médico de cabeceira, alegando a perda da menciña ou o roubo das súas pertenzas.
Fontes do persoal médico da zona advirte de "argucias" de persoas que desde hai tempo procuran recibir máis medicación da prescrita alegando perdas ou roubos
Estas mesmas fontes advirten, pola información da que dispoñen neste momento, de que é unha práctica habitual e "sistemática" que as persoas implicadas aproveiten os cambios habituais de profesionais nas consultas para enganalos e conseguir máis doses das prescritas e descartan que o persoal médico estea vinculado a trama ningunha.
Ademais, na operación levada a cabo no Morrazo incautáronse máis de 500 pastillas de fármacos psicotrópicos, un parche de fentanilo, vinte gramos de marihuana e nove pastillas de metadona.