A marcha reclamou accións a favor do galego en todos os ámbitos, "para reverter a situación de emerxencia lingüística" e chamou a atención sobre os incumprimentos do Plan de Normalización, aprobado por unanimidade hai 20 anos
Milleiros de persoas manifestáronse en Compostela este venres 17, Día das Letras, convocadas pola plataforma Queremos Galego, baixo o lema 'Un idioma galego vivo é a mellor garantía dunha Galiza viva'. A marcha reclamou accións a favor do galego en todos os ámbitos, "para reverter a situación de emerxencia lingüística" e chamou a atención sobre os incumprimentos do Plan de Normalización, aprobado por unanimidade hai 20 anos.
A plataforma reinvidica "a nosa lingua e a nosa existencia como pobo que quere para si o mesmo que para todos os pobos do mundo: dignidade, igualdade, liberdade e paz".
O manifesto da mobilización subliñou que "precisamos dun goberno realmente comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma, cun galego vivo" e fixo un chamamento ás administracións, en especial á Xunta, para que asuman "a súa responsabilidade legal e moral co idioma" e acompañen "a sociedade que actúa e se mobiliza día a día".
"Cómpre darlle a volta á regresión que vén sufrindo o Plan Xeral de Normalización Lingüística nos últimos anos e comezar unha nova etapa de avances para o galego", destacou Marcos Maceira
"Cómpre darlle a volta á regresión que vén sufrindo o Plan Xeral de Normalización Lingüística nos últimos anos e comezar unha nova etapa de avances para o galego", destacou Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da plataforma Queremos Galego.
O voceiro da plataforma salientou no seu discurso que "os pobos que aspiran a níveis altos de desenvolvemento social mantéñense e apóianse na normalidade da súa lingua para todos os usos e en todos os espazos, como necesidade que indica a fortaleza, autoestima e confianza en si propios". Maceira recordou, tamén, que "como tantas veces Luísa Villalta", a sociedade galega que onte se manifestou polas rúas de Compostela "non fica impasíbel perante o xenocidio ao que está a ser sometido o pobo de Palestina". "A loita por Galiza e polo galego tamén é a solidariedade coa loita do pobo Palestino", afirmou.
A desaparición do galego nas escolas infantís, as dificultades para as aulas en galego con EDIXGAL, a ausencia de contidos audiovisuais infantís en RTVE, o acceso ás webs da administración por defecto en castelán ou os servizos que non entenden nin atenden en galego, foron algunhas das cuestións sobre as que Queremos Galego pon o foco. Elementos todos que, denuncian, están a favorecer a perda de falantes e que dificultan o obxectivo de "vivir en galego con normalidade".
Na marcha participaron líderes políticos, coma a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a eurodeputada do BNG Ana Miranda, de novo candidata nas eleccións do vindeiro 9 de xuño; o eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares, en postos de saída para esta convocatoria; ou o candidato Sumar Galicia aos comicios europeos, Juan Díaz Villoslada.
Pontón reclama a Rueda “un cambio de rumbo en relación co noso idioma”
“Cando o PP propón un gran pacto pola lingua, nós o que dicimos é que o primeiro que ten que facer o PP é dar marcha atrás en todas esas políticas que se fixeron en contra do galego e derrogar o decreto da vergoña”, dixo Pontón
Ana Pontón reivindicou “mil primaveras máis” para o galego e aproveitou para reclamarlle ao Executivo de Alfonso Rueda “un cambio de rumbo en relación co noso idioma”. “Cando o Partido Popular propón un gran pacto pola lingua, nós o que dicimos é que o primeiro que ten que facer o PP é dar marcha atrás en todas esas políticas que se fixeron en contra do galego e derrogar o decreto da vergoña”, dixo en referencia ao Decreto de Plurilingüismo.
A líder do BNG acusou ao PP de levar 15 anos traballando “en contra da lingua galega”, incumprindo a lexislación e a normativa, como por exemplo o Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade no Parlamento hai agora 20 anos.
A líder do BNG acusou ao PP de levar 15 anos traballando “en contra da lingua galega”
“Ao final, un de cada tres mozos e mozas acaba o ensino obrigatorio sen saber falar galego”, lamentou Pontón, que tamén denunciou que “está prohibido impartir as materias de Física e Química, Matemáticas ou Tecnoloxía en galego”. Unha prohibición "plasmada no decreto da vergoña” que “o PP disfraza de plurilingüísimo cun resultado penoso, porque as novas xeracións non saben máis galego, nin saben máis inglés”, rematou.
Intervencións das entidades que fan parte de Queremos Galego
Mónica Fernández Valencia, Coordinadora de Traballadores/as pola Normalización da Lingua, recordou o 20 aniversario da aprobación por unanimidade parlamentar do PXNLG, elaborado coa participación de máis de 1000 persoas de todos os ámbitos, con 400 accións e medidas concretas en cada un deles, non só non se desenvolveu senón que se produciron importantes retrocesos.
Xerardo Roca, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, defendeu que "para unha Galiza viva, activa e consciente das súas capacidades, precisamos dun goberno realmente comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma, cun galego vivo".
Alba Quiroga, de Erguer - estudantes da Galiza, reivindicou o ensino en galego, "que garanta a competencia no noso idioma permitindo a incorporación de novos falantes e o coñecemento da nosa realidade fronte ao actual modelo desgaleguizador".
Mónica García, da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, defendeu un audiovisual que, como reclama a Iniciativa Xabarín, "garanta a oferta en versión orixinal ou lexendada e cumprimento dos mínimos que estabelece a lei para menores de 12 anos".
Paulo Carril, da Confederación Intersindical Galega, pediu un galego vivo na administración, nos servizos públicos, na sanidade, na xustiza, nas relacións e información comercial, "onde a atención inicial en galego que indicaba o PXNLG debe ser garantida incluíndo a disposición da lingua nas xestións telefónicas, telemáticas ou presenciais".
André Laxe, de Galiza Cultura, recordou que o galego está vivo "na pegada da lingua sobre o territorio en todos os seus espazos e lugares, a que de novo pretenden borrar e perseguir coa permisividade dos gobernos central e autonómico".
Celia Armas, da Mesa pola Normalización Lingüística, asegurou que para avanzar na normalización do noso idioma precisamos da acción dos poderes públicos, da acción política. "Só unha activa e real política lingüística favorábel ao galego e que acompañe á sociedade que xa actúa será posíbel reverter a tendencia negativa e a emerxencia lingüística", recordou.
E Cesáreo Sánchez Iglesias, da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, concluiu: "é hora dos gobernos asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma, a comezar pola Xunta de Galiza, e acompañar á sociedade que actúa e se mobiliza día a día para termos o galego vivo, Galiza viva".