Nove mortes e máis presión nos hospitais galegos pola COVID mentres as probas positivas se estabilizan no 8%

Recollida de mostras para probas PCR no 'COVID auto' do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Días de cifras récord para as que convén contexto. O Servizo Galego de Saúde agregou no seu cómputo 604 novos casos do coronavirus entre as seis da tarde do sábado, 31 de outubro, e a mesma hora do domingo, 1 de novembro (597 deles, diagnósticos mediante PCR nese intervalo). Supón un notable descenso tras tres días seguidos por riba dos 700 casos novos, unha baixada en case idéntica proporción (arredor do 20%) á do número de probas PCR procesadas (de 9.974 a 7.710), como vén sendo habitual nas fins de semana, especialmente nos domingos.

Sanidade suma 604 novos casos tras tres días por riba dos 700, un descenso en proporción case idéntica ao do número de probas PCR realizadas na última xornada

Malia a ese descenso, o número de test segue sendo moi alto e, aínda que a porcentaxe dos que dan positivos segue estable na contorna do 8%, contribúe a que saia á luz unha maior cifra de positivos que segue elevando a incidencia acumulada a 14 días (casos novos por cada cen mil habitantes) no dato global galego (312) e en todas as áreas sanitarias agás a de Ourense. O ritmo de ascenso segue sendo especialmente acusado na área de Ferrol, que cos datos pechados do pasado sábado (último día completo con datos) xa cruzaba o limiar dos 500 casos. 

Cinco dos nove falecementos notificados polo Sergas son de persoas que vivían en residencias de maiores

O empeoramento das últimas semanas segue traducíndose en novos falecementos de persoas de idade avanzada que foran diagnosticadas da COVID-19, moi especialmente entre as que residen en centros de maiores. Este luns entran no cómputo oficial de Sanidade nove mortes notificadas ao longo do domingo, nove persoas das que cinco viviran en residencias: unha muller de 89 e un home de 81 procedentes da residencia de San Cibrao (Cervo), dúas mulleres de 73 e 90 anos que viviran nas residencias Nosa Señora dos Anxos (Ribadavia) e Valdegodos (Viana do Bolo) e outra muller de 84 anos da residencia Ballesol de Oleiros.

Ademais, o Sergas deu conta doutros catro falecementos en Ourense, A Coruña e Pontevedra. Trátase de dúas mulleres de 88 e 85 anos no complexo hospitalario ourensán, un home de 80 no hospital de Pontevedra e outro de 92 anos ingresado na Coruña. O total de mortes que o Sergas liga á pandemia son xa 923.

Positividade estable malia ao gran número de probas

A semana que vén de rematar foi a que rexistrou un maior número de probas PCR rexistradas en Galicia dende o comezo da pandemia. A falta de pechar os datos do domingo día 1 (a información chega polo momento ata as seis da tarde), neses sete días o Sergas procesou algo máis de 55.000 destes test. Foi un forte incremento con relación a semanas e meses anteriores que, non obstante, non implicou que se disparase a porcentaxe das que dan positivo, que segue na contorna do 8%.

Esa estabilidade, non obstante, implica tamén que Galicia segue sen sinais de descender cara ao limiar do 5%, que a Organización Mundial da Saúde sitúa como referencia para dar por controlada a epidemia nun territorio concreto. O país estivo por baixo desde límite dende finais de abril (cando se realizaban moitas menos probas) e ata comezos de agosto e despois, moito máis fugazmente, entre finais de setembro e os primeiros días de outubro.

A peor evolución, na área de Ferrol

Se achegamos o foco á última semana, igual que no caso da incidencia acumulada, a maior porcentaxe de probas positivas tamén é a da área sanitaria de Ferrol. A positividade media dos sete días anteriores situouse durante toda a semana na área ferrolá por riba do 12%, achegándose ao 14% en varias xornadas. Como amosa o gráfico baixo estas liñas, a tendencia tamén foi ascendente neste indicador nas áreas de Pontevedra e Vigo e empeorou, aínda que en menor media, nas da Coruña e Lugo.

As áreas de Ourense e Santiago finalizaron a semana coa media de probas PCR positivas en liña descendente

Mentres, dúas das área sanitarias a respecto das que o Sergas veu amosando máis preocupación nas últimas semnaas, Ourense e Santiago, emprenderon sendas descendentes na positividade media de probas PCR. Así, finalizan a semana cun 6,87% como media de probas PCR positivas nos últimos sete días, no caso ourensán (que abrangue toda a provincia) e cun 5,61%, no caso da área de Santiago-Barbanza. 

Cómpre ter en conta, non obstante, que todos estes datos están por riba do limiar fixado pola OMS. Tamén que o Sergas non especifica na súa información a taxa de positividade por concellos, máis alá de evidenciar que é moito máis elevada nas cidades que nas áreas rurais.

Novo máximo da segunda vaga nas UCI

Galicia rexistra máis de 500 hospitalizacións de persoas diagnosticadas do coronavirus por primeira vez na segunda vaga da pandemia

Todo o anterior reflíctese nos hospitais coa forma de máis pacientes con test positivo da COVID-19 que requiren ser ingresados, xa sexa en unidades ordinarias ou de coidados intensivos. Os datos deste luns apuntan a que Galicia rexistra máis de 500 hospitalizacións por primeira vez nesta segunda vaga da pandemia (523, 41 máis) e delas, 77 precisan atención na UCI (tres máis). Esta ocupación das unidades de coidados intensivos ligada á pandemia non se rexistraba en Galicia dende finais de abril, cando o protocolo para cálcular os ingresos era diferente.

Por áreas sanitarias, a que maior número de persoas hospitalizadas rexistra en termos absolutos continúa sendo a da Coruña-Cee (125), pero a que ten máis pacientes na UCI segue sendo a de Ourense (16 das 96 persoas hospitalizadas, segundo os datos difundidos este 2 de novembro). Na banda contraria segue a área sanitaria de Lugo, con 38 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19, segundo o Sergas, todas elas en hospitais públicos e a maioría, no Lucus Augusti (27, 5 delas na UCI.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.