O barco nuclear ruso 'Sevmorput' pasa este martes a 50 millas da costa galega vixiado por Mariña Mercante

O barco nuclear ruso Sevmorput CC-BY-SA Терский берег

O buque ruso Sevmorput, construído en 1988, é o único cargueiro con propulsión nuclear actualmente en funcionamento en todo o planeta. O pasado 5 de outubro partiu de San Peterbusrgo en dirección á Antártida, pero cando navegaba á altura das costas de Angola o barco comezou a presentar problemas, pode que provocados polo exceso de temperatura nas augas á altura do Ecuador, reducindo a súa velocidade. Ante a imposibilidade de ser reparado nalgún porto próximo, o 26 de novembro emprendeu o camiño de volta a San Petersburgo para solucionar alí as súas avarías.

O buque, que nos últimos días amosou problemas fronte ás costas africanas, diríxese a San Petersburgo para ser reparado

Nesta travesía o buque amosou algúns problemas, avanzando en en zigzag nalgúns momentos. Ademais, á altura das Illas Canarias o seu capitán tivo que ser evacuado nun helicóptero, enfermo de meninxite. Así e todo, o Sevmorput continuou o seu traxecto, superando o Estreito de Xibraltar e avanzando polas costas portuguesas en dirección ao norte. Agora atópase moi próximo a pasar fronte ás costas galegas, algo que sucederá a partir da madrugada do luns ao martes.

Ao longo de toda a xornada do martes o Sevmorput navegará a unha distancia aproximada de 50 millas das costas galegas, segundo informa a Dirección Xeral da Mariña Mercante, dependente do Ministerio de Transportes, que subliña que está realizando un "seguimento permanente" do buque e que a partir da noite deste luns "reforzará o control" a través do o Centro de Coordinación Nacional de Salvamento Marítimo e en colaboración co Consello de Seguridade Nuclear. Mariña Mercante sinala que o Sevmorput continúa o seu traxecto "sen que reportase novas incidencias técnico-náuticas". 

Ata agora os sistemas de vixilancia radiolóxica ambiental españois non detectaron valor anómalo ningún, pero Salvamento Marítimo está "listo para atender cualquera tipo de incidente que puidese producirse"

Pola súa banda, o Consello de Seguridade Nuclear informa de que o buque "non notificou ao Organismo Internacional de Enerxía Atómica ningún tipo de incidente nuclear durante toda a travesía, notificación que sería de obrigado cumprimento se se detectra calquera tipo de anomalía no buque que puidese supor risco de liberación de material radioactivo". Ademais, os sistemas de vixilancia radiolóxica ambiental españois non detectaron ningún valor de medida anómalo nos días que navegou pola zona marítima de Canarias. 

A Dirección Xeral da Mariña Mercante fai un chamamento á "tranquilidade", aínda que lembra que, se se producise calquera incidencia, "os medios de Salvamento Marítimo están preparados para dar unha resposta inmediata". Pódese seguir o percorrido do Sevmorput e a súa situación actualizada a través de páxinas como Vesselfinder.

Outra imaxe do Sevmorput CC-BY-SA Терский берег

O BNG pediu no Parlamento galego que a Xunta instase ao Goberno central a impedir o paso do Sevmorput fronte ás cosas galegas e reclamou que non empregase as rías galegas como porto refuxio en caso dun incidente

Cada ano máis de 12 mil barcos con materiais de risco, sobre todo hidrocarburos, pasan fronte ás costas galegas, ao redor de 33 cada día. Son ao redor de un de cada tres embarcacións que pasan fronte a Fisterra. Hai uns días o BNG pediu no Parlamento galego que a Xunta instase ao Goberno central a impedir o paso do Sevmorput fronte ás cosas galegas e reclamou que non empregase as rías galegas como porto refuxio en caso dun incidente. “Se a fatalidade fixese coincidir unha avaría total do Sevmorput ao seu paso polo corredor de Fisterra con temporal, como é habitual nestas datas, poderiamos estar, de novo, ante unha catástrofe, mais agora con risco nuclear”, afirmou a deputada Rosana Pérez. No Congreso tanto Unidas Podemos coma o BNG pediron que o Goberno central mantivese vixiado en todo momento o buque.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.