O bispado de Ourense aparta un sacerdote investigado por abuso sexual

Catedral de Ourense CC-BY-SA Xunta de Galicia

A diocese ofrece a súa “total colaboración” coa Xustiza e lamenta “o posible dano causado á vítima e a súa familia”

O bispado de Ourense emitiu este venres un comunicado no que informa de que, tras coñecer que un sacerdote da diocese “está incurso nun procedemento xudicial en relación a un presunto delito de abuso sexual”, apartouno “cautelarmente do exercicio público do ministerio sacerdotal mentres o procedemento segue o seu curso”. O bispado non identifica o sacerdote nin o lugar dos feitos e di que, por respecto á investigación, “á intimidade da posible vítima e á presunción de inocencia do sacerdote”, non realizará “ningunha manifestación adicional a este comunicado ata que finalice o procedemento xudicial”. 

O bispo de Ourense, Lemos Montanet, no centro da imaxe CC-BY-SA Xunta de Galicia

O bispado non identifica o sacerdote nin o lugar dos feitos e di que, por respecto á investigación, “á intimidade da posible vítima e á presunción de inocencia do sacerdote”, non realizará “ningunha manifestación adicional"

Segundo o comunicado, tras coñecer da existencia do proceso xudicial contra o sacerdote, o propio bispo, José Leonardo Lemos Montanet, “púxose en contacto co sacerdote e, despois de manifestarlle a gravidade da situación, de acordo cos protocolos vixentes da Santa Sé e da Conferencia Episcopal Española, apartouno cautelarmente”. “Desde o primeiro momento, e dentro do respecto ao dereito constitucional á presunción de inocencia que asiste a todo cidadán, manifestamos a nosa total colaboración coa Administración de Xustiza”, di o comunicado, que engade que “tamén, con fonda dor, lamentamos o posible dano causado á vítima e á súa familia, e desde este momento poñémonos á súa disposición para prestarlle o apoio e a axuda necesaria”.

O bispado expresa a súa "firme condena e repulsa de calquera tipo de comportamento que atente contra a integridade física e moral dos menores e das persoas vulnerables"

O bispado di sentirse próximo “ás comunidades e lugares nos que o sacerdote exercía a súa labor pastoral polo desconcerto e preocupación que se poida xerar” e engade que a suplencia do sacerdote “será coordinada desde a Diocese de Ourense”. O comunicado manifesta tamén a "firme condena e repulsa de calquera tipo de comportamento que atente contra a integridade física e moral dos menores e das persoas vulnerables, promovendo a tolerancia cero con este tipo de actuacións”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.