O Blue Star xa non ten fuel, gasóleo nin aceites no seu interior. O barco quimiqueiro que encallou nas Mirandas, na costa de Ares, o pasado 23 de novembro quedou baleiro de substancias potencialmente contaminantes contra as cinco e media da tarde este 2 de decembro, tras algo máis dunha semana de traballos e tras un susto de última hora pola vertedura, na recta final da extracción, de varios litros de combustible sobre a cuberta do buque, algúns dos cales acabaron derramándose á auga.
A ruptura dunha mangueira na recta final da extracción provocou a vertedura duns 10 metros cúbicos de combustible, parte das cales caeron á auga, onde o carburante foi tratado con esponxas
A Delegación do Goberno central en Galicia confirmaba na tarde deste luns que "finalizou con éxito o bombeo do combustible do buque ás cisternas en terra". Xa están fóra do Blue Star "110 toneladas de gasóleo e fuel" e tamén "14 toneladas de aceite" que o buque portaba para o seu funcionamento habitual. "O barco limpo xa non supón risco por contaminación", detalla o departamento gobernamental.
Unhas seis horas antes do remate da extracción chegaba o contratempo e, con el, as pantasmas dun posible accidente que contaminase as augas. Como recolle Ferrol 360 e confirmou a propia Delegación, unha das mangueiras coas que foi extraído o carburante atascou, rompeu e dela caeron algo menos de 10 metros cúbicos de combustible, segundo informou o tenente da Alcaldía de Cabanas, Iago Varela (BNG), presente na zona.
A vertedura foi controlada mediante esponxas por parte das embarcacións presentes na zona e ficou controlado. O propio Varela lamentou que fose necesaria esta intervención de urxencia por non estar tendidas barreiras anticontaminación na zona por parte da empresa contratada pola armadora para realizar os labores de baleirado. "Aseguráronnos que estaban listas e serían colocadas antes do comezo do transvasamento", lamenta.
De calquera xeito, unha vez paliado este contratempo continuaron uns traballos que durante os últimos días estiveron fortemente condicionados pola meteoroloxía. Non en van, os sucesivos temporais impediron realizar a extracción do combustible dende o día do encallamento ata o pasado sábado, día 30.
Tras a retirada das 110 toneladas de combustible e 14 de aceites, a empresa contratada pola armadora debe continuar os traballos para desencallar o Blue Star
Unha vez neutralizado o risco de contaminación, a empresa armadora do buque (Singapur MTM) e a compañía holandesa SMIT Salvage -a mesma que remolcara o Prestige, contratada pola propietaria para estes traballos- deben emprender os labores para desencallar o barco. A complexidade da operación e o feito de que o propio Goberno central sinalase como "prioridade" a retirada do combustible potencialmente contaminante propiciou que, polo momento, aínda non haxa horizonte temporal para a retirada.
O accidente deste quimiqueiro, que viaxaba sen carga, avivou a memoria do accidente do Prestige poucos días despois do décimo sétimo aniversario do sinistro. Neste sentido, o pasado venres a plataforma Nunca Máis concentrábase en Ares para reclamar máis medios e mellores protocolos xa que, censuran, este sinistro evidenciou que a costa galega aínda é vulnerable diante de sucesos coma este.