Comeza o transvasamento do fuel do ‘Blue Star’ unha semana despois de encallar

O 'Blue Star' coa tubaxe coa que se está transvasando a terra o seu combustible Dominio Público @DelGobGalicia

Aínda sen data para reflotar o barco, a retirada do combustible pode durar días xa que só se realiza con boas condicións de luz e climatolóxicas

Máis dunha semana despois de que na noite do venres 22 ao sábado 23 de novembro encallase na costa de Ares o barco quimiqueiro Blue Star coas súas adegas baleiras, ás 11 da mañá deste sábado comezou o transvasamento a terra das algo máis de 100 toneladas de combustible para o seu propio funcionamento que o buque aínda tiña a bordo. Porén, tras fracasar os intentos dos servizos públicos de salvamento marítimo de remolcar e reflotar o barco e contratar o seu armador á empresa privada holandesa SMIT Salvage, a mesma que remolcara o Prestige, aínda non hai data para a súa retirada.

Un dos camións nos que este sábado se comezou a cargar o combustible do 'Blue Star' Dominio Público @DelGobGalicia

O transvasamento do combustible, que primeiro foi trasladado da popa á proa do buque, a parte máis próxima a terra, mentres que na costa de Ares se realizaban diversas obras para facilitar a operación, estaba anunciado para o venres, pero finalmente nesa xornada só se realizaron probas con auga. 

Finalmente foi este sábado pola mañá cando se comezou a bombear o combustible a terra, unha operación que aínda podería levar varios días xa que está condicionada tanto pola visibilidade como pola climatoloxía. Na zona, mentres, permanecen varios barcos de salvamento preparados para despregar barreiras contra a contaminación no caso de que se produzan fugas. 

Concentración de Nunca Máis na noite do venres en Ares Dominio Público @pnuncamais

O venres pola noite unha concentración de Nunca Máis en Ares congregou a varias ducias de persoas que reclamaron máis medios e mellores protocolos para evitar este tipo de sinistros marítimos

Mentres seguen as operacións para baleirar e retirar o Blue Star, Ares acolleu na noite deste venres unha concentración convocada pola plataforma Nunca Máis que congregou a varias ducias de persoas. Na protesta, que se produciu a dous días de que se cumpran este domingo 17 anos da primeira gran manifestación dese movemento social tras o afundimento do Prestige, reclamáronse máis medios e mellores protocolos para evitar este tipo de sinistros marítimos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.