O combustible do 'Blue Star' acumúlase xa en cuberta para ser extraído este venres

O 'Blue Star', encallado na costa de Ares © Delegación do Goberno en Galicia

No primeiro día sen alertas desde que o pasado sábado encallase o buque, os preparativos para extraer o combustible do Blue Star están listos. A operación está prevista finalmente para este venres e as 100 toneladas de fuel e gasóleo que contén a embarcación foron xa trasladados á cuberta, onde sobre unhas 18 persoas, entre técnicos e tripulación, traballaron desde primeiras horas da mañá. 

A mellora no tempo permitiu que os labores para trasladar o fuel a cuberta fosen satisfactorios, mentres que en terra quedaron acondicionadas xa as zonas para que se coloquen os tanques cisternas, aos que se lle facilita o acceso tamén coa construción de pistas específicas que acheguen os vehículos o máximo posible ao Blue Star nunha zona de cantís ben complexa. 

A tirolina instalouse durante esta mañá, o que permitiu que desde primeira hora da tarde se fose enganchando xa a mangueira que permitirá bombear o combustible dos depósitos de cuberta do buque aos tanques cisterna en terra. "Se as condicións meteorolóxicas o permiten, as tarefas comezarán mañá", advertiu a Delegación do Goberno na tarde deste xoves. 

O combustible, xa trasladado á cuberta, está á espera de ser extraído durante este venres "se as condicións meteorolóxicas o permiten"

Unha bomba de pulmón en proa está xa lista para bombear o combustible, nunha operación que podería levar unhas seis horas e que podería atrasarse se continúan as chuvias, pola inconsistencia do terreo

Ademais, durante a madrugada do mércores ao xoves, o remolcador contratado pola empresa SMIT para as tarefas de rescate do buque quimiqueiro sufriu un problema ao rachar o cabo que o unía co Blue Star e quedar enganchada na hélice, o que obrigou a que o remolcador María Pita tivese que trasladalo ao porto exterior de Ferrol para que fose amañado. 

O dispositivo xa preparado para bombear o fuel desde os depósitos da cuberta do 'Blue Star' © Delegación do Goberno en Galicia

Por outra banda, a plataforma Nunca Máis convocou a unha concentración en Ares este venres na praza do Concello antigo (20 horas) ante a “situación de indefensión da costa galega” e o “despropósito da actuación do Goberno español” no accidente do Blue Star. Segundo a plataforma, é “escandalosa” a “absoluta falta de información” na que incorre o Exectuvio central e pide que se deite luz sobre a orixe do sinistro ou as medidas tomadas antes de que encallase na costa. 

Nunca Máis convoca unha mobilización en Ares e pide máis información e a "transferencia a Galicia" das competencias de salvamento marítimo e anticontaminación

A plataforma fai un chamamento ás entidades do sector pesqueiro e marisqueiro e a toda a sociedade para reclamar á Administración “a adopción urxente de medidas”. Entre elas, unha “información pública, transparente e detallada sobre a xestión do accidente”, o “diálogo permanente” co sector do mar e que se informe “publicamente das decisións relativas á protección do ecosistema e da actividade produtiva, non vinculadas aos intereses privados”. 

Ademais, a plataforma pide a adopción de “medidas precisas” para evitar o derrame das 100 toneladas de combustible do buque e a instalación de barreiras anticontaminación, “garantir a dotación de medios, sistemas e protocolos de control de calquera incidente”, así como a “transferencia a Galicia das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.