O Constitucional anula a condena a César Strawberry polos seus tuits e ampáraos na liberdade de expresión

César Strawberry, líder de Def Con Dos © Alejandro Navarro Bustamante

Tras ser absolto primeiro pola Audiencia Nacional, o Supremo condenou ao líder de Def con Dos a un ano de cadea por enaltecemento do terrorismo e humillación ás vítimas

O Tribunal Constitucional vén de anular a condena a un ano de cárcere e seis anos e medio de inhabilitación absoluta que o Tribunal Supremo impuxo ao líder do grupo Def con Dos, César Strawberry, segundo adiantou El Mundo e confirmou eldiario.es. O alto tribunal considerouno culpable dos delitos de enaltecemento do terrorismo e humillación ás vítimas por seis tuits nos que ironizaba coa volta dos Grapo e ETA e sobre a morte Luis Carrero Blanco, presidente do Goberno no franquismo.

César Strawberry, segundo pola esquerda, nun concerto en México © Def Con Dos

Strawberry foi detido en 2015 e tras ser absolto inicialmente pola Audiencia Nacional, a Fiscalía recorreu o arquivo ao considerar que se “trivializaran” eses comentarios. Finalmente, foi condenado no Supremo en xaneiro de 2017. Aquela sentenza, da que foi relator o presidente da Sala do Penal, Manuel Marchena, sinalaba que "a liberdade de expresión non pode ofrecer acubillo á exteriorización de expresións que encerran un inxustificable desprezo cara ás vítimas do terrorismo, ata conlevar a súa humillación". Tres anos despois daquela condena, o Constitucional considera que aquelas mensaxes si están amparadas pola liberdade de expresión. 

Hai uns meses o Concello de Lugo incluíu o grupo de Strawberry, Def con Dos, formado en Vigo e que no seu momento participou no Xabarín Club da TVG, na programación de concertos do San Froilán. O PP criticara o goberno local por "amparar a radicalización".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.