"Non son muíños, son xigantes (xigantes económicos, claro)". Jaume Franquesa, profesor na universidade estadounidense de Buffalo, é un antropólogo recoñecido polo seu traballo no ámbito da enerxía, o medio ambiente e a política rural en Europa. Adoita empregar nas súas exposicións públicas un cadriño de El Roto na que Don Quixote lle di a Sancho esta frase, empregada como unha forma de crítica á concentración do desenvolvemento da enerxía renovable.
Entre as súas publicación destaca Power Struggles: Dignity, Value, and the Renewable Energy Frontier in Spain, centrado nas loitas sociais e políticas en torno á produción de enerxías renovables en España. E tamén o ensaio titulado, precisamente Molinos y gigantes. La lucha por la dignidad, la soberanía energética y la transición ecológica (Errata naturae), que afonda nestas cuestións.
O pasado martes Franquesa participou na terceira sesión do ciclo “Encontros Temáticos Transversais co Patrimonio Cultural” que organiza a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega. Falamos con el sobre as características e efectos do actual desenvolvemento das enerxías renovables no Estado e sobre as mobilizacións sociais iniciadas en moitos territorios en contra dalgúns destes proxectos.
"En España, cando a finais do noventa o Goberno aposta por desenvolver o paquete de enerxías renovables, hai un trato coas grandes eléctricas e apóiase un tipo de desenvolvemento renovable que se axusta tanto como sexa posible ao seu modelo tradicional"
Resulta paradoxal que a pesar de que as enerxías coma a eólica ou a solar permiten, polas súas características, un desenvolvemento máis descentralizado xeograficamente e na súa propiedade, semella que en España se optou por un modelo de renovables que se parece moito ao anterior modelo de xeración eléctrica: concentrado en poucos lugares e en poucas mans. Pero isto non é inevitable, senón que é unha decisión política, verdade?
Nos anos 70, cando empeza toda a idea de que hai que ir máis aló do petróleo, xorden dúas grandes vías: a vía que finalmente gañou -a vía nuclear- e despois o que hoxe chamamos renovables. A vía nuclear é pola que apostaron as grandes empresas do sector porque se axustaba ao seu modelo de distribución.
A outra vía, as renovables, quería ser unha alternativa ao modelo dominante non só por ser máis limpas, senón porque permitían, para que nos entendamos, un control máis de abaixo arriba. Son tecnoloxicamente máis simples e polo tanto ao alcance de máis sectores da poboación e hai menos vantaxes de economía de escala, co cal podía haber unidades produtivas de xeración máis pequenas. Nesas propostas, recollidas por exemplo en publicacións como a revista Alfalfa, había grupos de enxeñeiros moi vinculados ao primeiro ecoloxismo, un ecoloxismo de esquerdas emancipador, non tanto conservacionista. A promesa estaba aí e esas voces xa advertían de que as enerxías alternativas non eran alternativas porque si, senón que era necesario que o seu desenvolvemento cambie o sistema eléctrico.
"Outros apostaron polo contrario, en Dinamarca especialmente. En España podería ter sido distinto e aínda pode ser distinto"
Entón, en España, cando se aposta por parte do Goberno, a finais do noventa, por desenvolver o paquete de enerxías renovables, hai un trato coas grandes eléctricas e apóiase un tipo de desenvolvemento renovable que se axusta tanto como sexa posible ao seu modelo tradicional. Todo isto coincide co momento no que se está levando a cabo o proceso de liberalización do sistema eléctrico por unha mestura de directivas europeas e vontade do Goberno de Aznar. Entón promóvense parques o máis grandes posibles, concentrados en zonas nas que unha destas empresas tiña un monopolio tradicional e que eran áreas tradicionais de xeración eléctrica. E promóvese un modelo de desenvolvemento de renovables no que se manteñen moitas das características anteriores do sistema eléctrico: unidades de produción tan grandes como sexa posible, nun contexto de incremento de oferta sen pechar inicialmente as centrais térmicas e cunha conivencia entre empresas eléctricas e banca (este desenvolvemento apóiase sobre todo nas caixas rexionais).
"A España baleirada é, en parte, o resultado deste proceso de tratala como zona de sacrificio, de tratala como zona onde imos meter o que a outra xente non quere"
Ademais, hai exemplos moi próximos en Alemaña, Dinamarca, onde, por exemplo, o sector eólico se desenvolveu de forma distinta, con maior participación pública, con maior participación das comunidades locais...
Efectivamente, está claro que hai países que apostan por ter un modelo máis centralizado, como España. E outros que apostaron polo contrario, en Dinamarca especialmente. Alí, inicialmente, moito do que había eran pequenas cooperativas que tiñan un ou dous muíños, aínda que é verdade que co crecemento da industria e co desenvolvemento de economías de escala, agora hai outro nivel de investimento.
En España apostouse dende o inicio por un modelo de renovables centralizado e despois non houbo grandes medidas para mitigar isto, houbo moi pouco interese en promover iniciativas desde abaixo ou promover cooperativas e comunidades enerxéticas. Aínda que é certo que no últimos cinco anos se fixo un esforzo como mínimo a nivel retórico e de ofrecer subvencións e cambiou un pouco a postura, pero sen abandonar a aposta pola gran escala. Pero si, en España podería ter sido distinto e aínda pode ser distinto.
"O desenvolvemento das renovables debe ser visto como unha cuestión de planificación territorial orientada a mitigar as diferenzas entre territorios ricos e pobres e entre cidade e campo e non a exacerbarlas e a incrementar esa distancia"
O que tamén podería ser distinto ou pode ser distinto é o lugar de implantación destas centrais ou destas plantas ou destes parques eólicos. Ao final, optouse por concentralas no que podemos chamar zonas de sacrificio: áreas rurais ou pouco poboadas nas que se instalan moitos parques eólicos ou grandes centrais fotovoltaicas, no caso do sur de España. Esta mesma semana escoitamos a Elon Musk propondo dedicar o sur de España e Sicilia a producir toda a electricidade de Europa. E claro, como é Musk, as súas palabras xeraron moito rexeitamento, pero en realidade tampouco dixo algo moi distinto do que xa se está facendo, aínda que sexa a unha escala menor, dedicando uns determinados municipios ou unhas determinadas comarcas a concentrar os parques eólicos e as grandes plantas fotovoltaicas...
É unha realidade xa, efectivamente. E ademais o que dixo Elon Musk lévao dicindo bastante xente bastante tempo, desde posturas ideolóxicas distintas. É a idea da España baleirada como oportunidade, do que parecía ser un problema de súpeto é algo positivo. Aquí dáste conta, para empezar, de que a expresión España baleirada xa é en si un problema porque suxire a necesidade de enchela con algo. Neste caso, con esta oportunidade, que evidentemente non sería oportunidade tanto para os seus residentes como para aquelas empresas capaces de beneficiarse diso.
Eu diría máis, o feito de que xa estea a pasar alimentou isto. É dicir, a España baleirada é, en parte, o resultado deste proceso de tratala como zona de sacrificio, de tratala como zona onde imos meter o que a outra xente non quere. Isto é algo que xa se fixo ao decidir a localización dos reactores nucleares: optouse por zonas que se considerou que valían menos, zonas onde se considerou que o impacto que tería un accidente sería menor.
Creo que a clave debería ser a procura de equilibrio territorial. O desenvolvemento das renovables ten que ser un tema que debe ser visto como unha cuestión de planificación territorial e unha planificación que ten que ser orientada a mitigar as diferenzas entre territorios ricos e pobres, e entre cidade e campo e non a exacerbarlas e a incrementar esa distancia.
"Cando Franco inauguraba encoros facíao vendéndoo como unha gran oportunidade. Pasou tamén coas nucleares. E agora volve suceder. A realidade é que se ti vas a unha zona na que haxa unha gran central hidroeléctrica ou unha central nuclear non vas atopar moito desenvolvemento, todo o contrario"
Nestas zonas, cando se expón a instalación dun gran parque eólico ou unha gran planta fotovoltaica, normalmente véndese como unha oportunidade para os seus habitantes e para saír desa pobreza, desa falta de oportunidades de emprego, etcétera. Cando, en realidade, iso nin xera moito emprego nin cambia a mellor a vida desas persoas. Podería facelo en certa maneira ou en parte, se a comunidade participase nos beneficios que xera o parque eólico, pero iso dependería dun modelo distinto de propiedade destas centrais e parques que hoxe non é o habitual.
Si, a idea das promesas incumpridas vén desde sempre. É dicir, cando Franco inauguraba encoros facíao vendéndoo como unha gran oportunidade, dicindo que ía promover a agricultura... e que iso compensaba a desaparición dunhas cantas aldeas, sacrificadas no altar dun ben maior, sexa a patria ou o progreso. Pasou tamén coas nucleares. E agora volve suceder. A realidade é que se ti vas a unha zona na que haxa unha gran central hidroeléctrica ou unha central nuclear non vas atopar moito desenvolvemento, todo o contrario. E iso que as nucleares si xeran un número importante de postos de traballo a nivel local, algo que non se dá nos parques eólicos ou as plantas solares.
A min unha cousa que facendo traballo de campo sempre me chocou é algo que moitas veces dicían as persoas da zona coas que falaba, que por unha banda non estaban en condicións de dicir que non se lles ofrecían 3.000, 4.000 ou 5.000 euros por ter un aeroxerador, porque son economías familiares que teñen problemas para chegar a final de mes. E polo outro tamén hai unha conciencia de que os parques eólicos ou as placas solares non lles van cambiar a vida a mellor: o que están a facer simplemente é alugar un espazo.
Outro argumento que se adoita dar, ademais do económico, é que lles din aos veciños que teñen que axudar a salvar o planeta. E a reacción é 'recoiro, nunca se lembran de nós e agora resulta que temos que salvar nós o planeta'. Que é algo moi cínico por parte das empresas, non?
"O habitante urbano quere ter conciencia social e quere consumir electricidade verde, pero non quere un muíño na súa casa, como é lóxico. Pero a cuestión é que hai xente que ten o muíño na súa casa, querendo ou non querendo, é dicir, hai un reparto dos custos e os beneficios que non é equitativo. E logo, claro, desde esa posición, acusar o terceiro de ser nimby ou retardista, pois non é posible"
Si, esa crítica tamén se fai ao movementos que se opoñen á instalación destas centrais ou parques: o NIMBY (Not In My Back Yard) "Ah, claro, a favor das renovables, pero non as queres no teu patio traseiro". A crítica pode ser razoable, pero dependendo de quen a faga, porque se a fai alguén desde unha cidade que non ten un parque eólico á vista ou unha megaplanta fotovoltaica, non ten moita xustificación. Ao final trátase, entendo, de distribuír o impacto, de que que non sempre caia no mesmo lado, non?
Non sei se lembras un anuncio de Iberdrola de hai uns cuantos anos no que un home está na súa casa e ten alí un aeroxerador e mira á cámara e pregunta: "para ter enerxía limpa teño que ter un muíño en casa?". E entón salta unha voz en off e di: "non, non te preocupes, só tes que contratar a electricidade connosco". É dicir, aquí temos esta situación na que o habitante urbano quere ter conciencia social e quere consumir electricidade verde, pero, oe, non quere un muíño na súa casa, como é lóxico. Pero a cuestión é que hai xente que ten o muíño na súa casa, querendo ou non querendo, é dicir, hai un reparto dos custos e os beneficios que non é equitativo. E logo, claro, desde esa posición, acusar o terceiro de ser nimby ou retardista, pois claro, non é posible...
Ollo, que creo que ás veces se vai á opción contraria, a de negar que nas mobilizacións contra a instalación dun parque eólico hai posicións nimby que son criticables. Claro que as hai, porque hai algunhas actitudes nimby que explican que en zonas de segundas residencias non haxa parques eólicos. Pero non é o dominante, a maior parte de crítica que vén do mundo rural ao berro de 'de renovables si, pero non así está moito máis baseada no que son as contradicións deste modelo, o seu mal reparto xeográfico, a súa centralización en mans de determinadas empresas, a pouca capacidade de participación local, o pouco consenso, etc.
"Creo que é importante se propositivo, é dicir, tentar promover modelos de xeración eléctrica distintos. Por exemplo, que o mesmo grupo que está a encabezar unha manifestación en contra dun determinado parque eólico, pois que tamén sexa grupo promotor dunha comunidade enerxética"
Estas mobilizacións, coas súas diferenzas entre elas, implican a unha comunidade que normalmente é pequena, de pouca poboación, que se atopa moi soa, que recibe estas acusacións, e que ás veces chega á conclusión de que "nos estamos a mobilizar para nada, ao final van poñer o parque eólico aquí, queiramos ou non, pois mira, prefiro que me paguen ese pouquiño a que ao final quede sen nada". Unha loita de alguén moi pequeno contra muíños e xigantes, contra algo que os supera, non si? Que lles recomendas e estes movementos?
Isto é o que explica tamén a elección de zonas. Obviamente un promotor vai buscar unha zona na que haxa moito sol ou moito vento, pero tamén busca o lugar no que cre que lle van pór menos trabas, no sentido de que haxa menos xente con capacidade para oporse e, ademais, con menor capacidade para dicir que non.
Por iso, para este tipo de mobilizacións, que localmente implican a un número pequeno de persoas, é importante que se creen complicidades entre distintas mobilizacións, aínda que non sempre traten do mesmo tema.
E, ademais, creo que é importante se propositivo, é dicir, tentar promover modelos de xeración eléctrica distintos. Por exemplo, que o mesmo grupo que está a encabezar unha manifestación en contra dun determinado parque eólico, pois que tamén sexa grupo promotor dunha comunidade enerxética. Ou, igualmente, ter a capacidade de dicir: mira, non queremos o parque eólico aquí, así que propomos que se instale aquí. Ou que teña finalmente a metade da súa dimensión.