O ensino rematou a semana con 579 casos activos de COVID e unha escola infantil pechada

Aula baleira nun centro escolar de Galicia © Xunta

Hai 32 aulas pechadas e as cifras amosan unha estabilidade da pandemia similar á do global da sociedade galega

A semana lectiva rematou este venres, segundo os datos divulgados este sábado pola Xunta, con 579 casos activos de COVID-19 nos centros de ensino non universitarios, unha cifra lixeiramente máis baixa que nas últimas semanas e en liña coa estabilidade xeral que veñen reflectindo os indicadores da pandemia no global da sociedade galega. Porén, a Xunta non facilita os novos positivos que se detectan, polo que as altas de contaxios anteriores poden deturpar a visión de conxunto. 

En total son 32 as aulas pechadas en toda Galicia, e hai un único centro educativo pechado por completo, a Escola Infantil Santa Susana, situada na Alameda de Santiago, de titularidade da Xunta. Nese caso o Goberno galego só cuantifica como pechado o centro e rexistra un 0 no número de aulas pechadas, malia que o positivo dunha traballadora de apoio que estivo en contacto con todos os grupos de idade da escola obrigou a poñer en corentena á totalidade dos seus 70 nenos e nenas.

O centro máis afectado é o CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal, de Oleiros, con 29 casos activos

Por centros, o máis afectado é o CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal, de Oleiros, con 29 casos activos e tres aulas pechadas, seguidos por dous centros da Coruña e Vigo con nove casos activos cada un. Outros cinco centros de toda Galicia contan con dúas aulas pechadas cada un.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.