O empresario Juan Pérez Miramontes, antigo líder do desaparecido sindicato Xóvenes Agricultores, potente póla agraria do PP galego nos anos do fraguismo, vén de lograr saír da cadea. Segundo confirman fontes xudiciais consultadas por Praza.gal, o xulgado que instrúe o caso da presunta rede de trata de mulleres pola que foi detido o pasado abril deu luz verde á súa liberdade tras seis meses e medio en prisión provisional, se ben pesan sobre el medidas cautelares e continúa acusado de ser peza clave da trama de proxenetismo desartellada no marco da chamada Operación Chipa.
Pérez Miramontes levaba dende abril en prisión provisional; a investigación sinálao como peza clave na trama de proxenetismo e atribúelle o financiamento das viaxes das vítimas dende Paraguai
A Policía Nacional detivo a Pérez Miramontes en abril no marco dun dispositivo policial que se desenvolveu simultaneamente en Santiago e en Ciudad del Este, no Paraguai. O xulgado de instrución número tres de Santiago, que instrúe o caso, decretou o segredo de sumario sobre as actuacións, se ben os detalles ofrecidos pola Fiscalía paraguaia e, posteriormente, pola Policía española, permitiron coñecer que os investigadores situasen a Pérez Miramontes no centro da estrutura financeira da trama.
No momento do estourido da operación foran detidas ata 11 persoas, tres delas no Paraguai. Culminaba así a primeira fase dunhas pescudas que comezaran grazas á denuncia dunha das vítimas, que indicara "a existencia dunha organización criminal dedicada á explotación sexual de mulleres" procedentes dese país americano "en pisos" da capital galega. As mulleres, segundo a investigación, eran enganadas con falsas promesas de traballos en labores domésticos ou coidado de maiores e ao chegaren, eran prostituídas á forza e obrigadas a saldaren unha débeda "duns 10.000 euros" pola viaxe.
Segundo revelou a Policía o pasado xuño, a rede de proxenetismo na que Pérez Miramontes se encargaba, segundo a investigación, de "financiar as viaxes" das mulleres dende Paraguai, chegou mesmo a arrebatar o bebé a unha das vítimas. Esta muller "chegou a España embarazada de catro meses" e "en canto o líder da organización se decatou, iniciou xestións para que unha familia se fixese cargo do menor en canto nacese" mentres a vítima seguía sendo prostituída, informou a Policía.
A rede de trata chegou a arrebatar o bebé dunha das mulleres prostituídas á forza, segundo a investigación
Para tentar dar aspecto de legalidade á manobra, "un home colombiano de 40 anos fíxose pasar pola parella da vítima" no Rexistro Civil mentres a vítima era "coaccionada" e "ameazada" para desprenderse da criatura. A intervención xudicial e policial permitiu desbaratar esta adopción irregular e o bebé pasou a estar baixo tutela da Xunta.
Estes e outros feitos seguen a ser imputados a Pérez Miramontes. Non obstante, as fontes xudiciais consultadas por este diario sinalan que o xulgado considera que o ex-líder de Xóvenes Agricultores non ten que seguir en prisión provisional por "variaren as circunstancias que se tiveron en conta no momento" en que foi enviado a prisión sen fianza.