Juan Pérez Miramontes xa pasou o seu primeiro día no cárcere. O que fora líder de Xóvenes Agricultores, a moi poderosa antiga póla agraria do PPdeG, disolta en 2016 por orde xudicial tras anos a acumular débedas co seu pesoal, coa banca, con Facenda e coa Seguridade Social é sinalado pola investigación da operación Chipa como un dos responsables da presunta rede de trata de mulleres que viña sendo investigada dende finais de 2018 e foi desartellada esta semana nunha operación conxunta das policías paraguaia e española.
Aínda que o xulgado de instrución número tres de Santiago, que instrúe o caso, decretou o segredo de sumario sobre o conxunto da operación, a Fiscalía do Paraguai si achegou á prensa dese país algúns detalles sobre o acontecido e sobre o papel das persoas prendidas. Así, segundo fontes do Ministerio Público citadas polo xornal paraguaio Vanguardia, o único detido de nacionalidade española, Miramontes, figura como "financiador das viaxes" das mulleres que ao chegaren a Santiago, Málaga ou Madrid eran prostituídas á forza, segundo a investigación.
Fontes da fiscalía paraguaia citadas en xornais deste país explican que nas súas pescudas Miramontes figura como "financiador das viaxes" das mulleres que presuntamente eran prostituídas á forza pola rede desartellada
As doce mulleres liberadas nos rexistros simultáneos practicados nas devanditas tres cidades "estaban en carácter de víctimas de explotación sexual", segundo o Ministerio Público paraguaio, o que reforzaría as teses da propia investigación. Segundo estas pescudas, desenvolvidas tamén dende as Brigadas de Estranxeiría de Santiago e Madrid, as mulleres eran "recrutadas" a través dunha axencia de viaxes en Ciudad del Este. Éranlles ofrecidos traballos vinculados como traballos de limpeza ou coidado de maiores e, ao chegaren, eran forzadas a exerceren a prostitución.
Diante dos feitos investigados e ao consideráreno como peza clave na presunta trama, o ex-presidente de Xóvenes Agricultores foi enviado a prisión comunicada e sen fianza xunto a outra das persoas detidas na operación. Mentres, segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, as outras tres persoas detidas en Santiago quedaron en liberdade, pero foilles retirado o pasaporte e deben comparecer cada dúas semanas nos xulgados.
Os estreitos e prolongados vencellos de Pérez Miramontes co PPdeG durante lustros provocaron que a súa detención non tardase en chegar tamén ao ámbito político. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inicialmente optou por lle desexar "sorte" no proceso xudicial, "como a calquera galego", na primeira ocasión en que foi preguntado ao respecto. Non obstante, tras as primeiras críticas ao respecto, o titular do Goberno galego agregaba o pasado xoves, ao remate do Consello da Xunta, agregou que lle "gustaría" que "ningún galego" se vise en "problemas coa xustiza", se ben as condutas atribuídas a Miramontes lle parecen "inaceptables".