Nos primeiros días do pasado abril regresou aos titulares da prensa quen fora protagonista nos principais espazos de poder político en Galicia durante o fraguismo. Juan Pérez Miramontes, empresario e ex-presidente da desaparecida organización Xóvenes Agricultores, noutrora poderosa póla agraria do PP galego, viña de ser detido nunha operación internacional contra a trata de mulleres. Un espectacular dispositivo policial despregado ao mesmo tempo en Compostela e mais en Ciudad del Este (Paraguai) viña de desmantelar unha presunta rede de proxenetismo en cuxas finanzas Pérez Miramontes era sinalado como peza clave.
A Policía confirma que o bebé, agora baixo tutela da Xunta, foi entregado en adopción ilegal apenas dous días tras o parto e despois de que a muller continuase "sendo explotada sexualmente" durante o embarazo
O segredo de sumario da Operación Chipa decretado polo xulgado de instrución número tres de Santiago, que instrúe o caso, impediu naquel momento coñecer máis detalles que os revelados pola Fiscalía paraguaia, que acusaba a Pérez Miramontes de ser "financiador das viaxes" das mulleres enganadas no Paraguai para, presuntamente, seren prostituídas pola forza en pisos de Santiago. Tres meses despois do estourido da operación a Policía Nacional vén de ofrecer máis información, entre a que destaca o roubo dun bebé dunha das vítimas, entregado en adopción ilegal pola rede para que a nai "continuase exercendo a prostitución". Actualmente está baixo tutela da Xunta.
Como xa transcendera, o corpo policial ratifica que no momento do desartellamento da rede foron detidas un total de 11 persoas, tres delas en Paraguai, e dado o peso de Pérez Miramontes na trama foi enviado directamente a prisión mentres eran liberadas ata 13 mulleres. As pescudas comezaran grazas á denuncia dunha das vítimas, quen "indicou a existencia dunha organización criminal dedicada á explotación sexual de mulleres procedentes de Paraguai en pisos" da capital galega.
"En canto o líder da organización se decatou" do embarazo, "iniciou xestións" para entregar o bebé a unha familia simulando unha operación legal
Unha das vítimas da rede de explotación, que segundo a investigación foi enganada baixo a promesa dun falso traballo "en labores domésticos ou coidado de persoas maiores", "chegou a España embarazada de catro meses". Sempre atendendo á investigación, "en canto o líder da organización se decatou, iniciou xestións para que unha familia se fixese cargo do menor en canto nacese". Non obstante, "durante todo o embarazo" a muller "seguiu sendo explotada sexualmente".
Para tentar outorgar aspecto de legalidade á manobra, "un home colombiano de 40 anos fíxose pasar pola parella da vítima, recoñecendo o menor como propio no Rexistro Civil" como primeiro paso para que "a súa nai, de 60 anos, se fixese cargo del aparentando ser a súa avoa", informa a Policía. O roubo foi practicamente inmediato ao nacemento: apenas dous días despois "pasou a mans da nova familia e a vítima rexeitou facerse cargo del baixo ameazas e acoaccións da organización". Dúas semanas despois "os axentes confirmaron que a vítima continuaba traballando para a organización".
Mulleres "en situación de vulnerabilidade"
Como avanzara o Ministerio Público paraguaio, a Policía española dá por acreditado mediante o testemuño dos axentes que desartellaron a rede que "as vítimas eran captadas no seu país de orixe". O grupo de Pérez Miramontes aproveitábase "da súa situación de vulnerabilidade e necesidade ao contar con escasos ingresos" ea o seren, "en moitas ocasións, a única fonte" de sustento das súas familias.
Tras chegaren a Galicia enganadas coa promesa de "traballos moi ben remunerados" eran prostituídas á forza e obrigadas a saldar unha débeda "duns 10.000 euros", di a investigación
"Viaxaban baixo promesas de traballos moi ben remunerados" en labores de coidados e no propio Paraguai facilitábanlles os billetes nunha axencia de viaxes, onde tamén as "informaban de cal debía ser o seu comportamento" ao chegaren. A viaxe non era directa "para evitar sospeitas", senón que eran desprazadas ata São Paulo, no Brasil; alí voaban cara Italia para despois seren enviadas a Madrid e, dende alí, "eran recollidas por algún membro da organización, que as trasladaban en vehículos de aluguer aos pisos situados en Santiago" para prostituírenas. Unha vez en Galicia "retirábanlles os pasaporte" e "informábanas" de que contraeran unha débeda "duns 10.000 euros" coa rede.
A operación internacional contra a trama saldouse coa intervención nos pisos composteláns de "abondoso material informático, teléfonos móbiles", documentos con "anotacións esclarecedoras" sobre a extorsión económica ás vítimas e "dous vehículos", ademais de cartos. "O líder da organización e a súa parella permanecen en prisión provisional", confirma a Policía.