O Goberno central amplía a capacidade das praias e suprime limitacións para saídas de menores e deporte polo coronavirus

Praias de Panxón e Lourido, en Nigrán, que conforman a coñecida como Praia América, que en preamar queda moi reducida malia que en baixamar ten varias ducias de metros de ancho CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

O Ministerio de Sanidad permite as actividades no exterior máis dunha vez ao día  e sen límites xeográficos dentro da provincia e elimina a restrición de seis metros desde a preamar que fixara previamente para calcular a capacidade dos areais

O Ministerio de Sanidad publica este mércores no Boletín Oficial del Estado (BOE), con entrada en vigor inmediata, medidas de flexibilización do desconfinamento para os territorios en Fase 2, como Galicia. En concreto, amplíase a capacidades das praias e suprímense limitacións para saídas de menores e actividades deportivas, que xa non estarán restrinxidas a unha ao día nin xeográficamente máis alá do límite provincial. En todo caso, o BOE mantén a premisa de que, no caso das praias, os concellos "poderán establecer limitacións tanto de acceso, que en todo caso será gratuito", como de capacidade, límites de tempo ou control de aparcamentos.

Nenas paseando © Fundación Meniños

A decisión do ministerio facilita máis espazo que a proposta lanzada desde a Xunta, que pedía franxas de catro metros desde a preamar e dun metro desde a baixamar

Desde o pasado luns xa é posible ir ás praias baixo determinadas condicións de separación entre persoas, para o que o Goberno central establecera previamente un sistema de cálculo da capacidade dos areais que obrigaba a descontar unha franxa de seis metros desde a beira do mar en preamar. Esa situación facía que en Galicia numerosas praias quedasen na práctica inhabilitadas polas súas reducidas dimensións en preamar malia a moita maior superficie coa que contan en baixamar.

Agora o ministerio elimina a referencia á franxa de seis metros a descontar desde a beira e pasa a calcular a capacidade só coa referencia de que debe haber “aproximadamente catro metros cadrados” por persoa. A decisión do ministerio facilita máis espazo que a proposta lanzada desde a Xunta, que pedía franxas de catro metros desde a preamar e dun metro desde a baixamar.

Se ata agora seguía vixente a limitación a ese tipo de saídas unha vez ao día, agora establécese que “non rexerá limitación algunha respecto do número de veces ao día en que se poderán realizar as actividades previstas”

O BOE tamén elimina restricións para os desprazamentos da poboación infantil e a práctica deportiva en territorios en Fase 2. Se ata agora seguía vixente a limitación a ese tipo de saídas unha vez ao día, agora establécese que “non rexerá limitación algunha respecto do número de veces ao día en que se poderán realizar as actividades previstas”. Igualmente, suprímese a limitación que existía de que as saídas con menores só se puidesen realizar ata unha distancia dun máximo dun quilómetro desde o domicilio e que as actividades deportivas se limitasen ao termo municipal, polo que agora os dous tipos de saídas poden realizarse dentro de todo o límite provincial. Nesas saídas tampouco son de aplicación xa as franxas horarias agás as previstas para as persoas maiores de 70 anos, de 10 a 12 horas da mañá e de 19 a 20 horas da tarde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.