Xa se pode ir á praia, con catro metros entre parasoles e queixas pola limitación da capacidade provocada pola preamar

Abel Caballero, este sábado en Samil © Concello de Vigo

Dende este luns, no que Galicia entrou na Fase 2 do desconfinamento, pódese tomar o sol nas praias e bañarse no mar. O regreso aos areais, ao igual que a recuperación da actividade noutros espazos, leva aparellada unha gran preocupación pola posibilidade de contaxios de coronavirus, sobre todo naqueles lugares nos que se reúna un gran número de persoas.

Débese respectar "unha distancia interpersonal de, cando menos, dous metros entre bañistas", sinala o Ministerio de Sanidade, que engade que "os eixes dos parasoles non se instalaran a distancias inferiores de 4 metros"

Nas últimas semanas puxéronse sobre a mesa algunhas propostas para controlar o aforamento dos areais e asegurar o mantemento da distancia física entre as persoas que ocupen as praias. A iniciativa da Xunta para establecer un sistema de acceso con cita previa foi rexeitado de forma rotunda polos concellos e, en cambio, algunhas cidades e vilas, optaron por outros métodos de control. 

No BOE do pasado sábado publicáronse as normas que deben rexer o acceso ás praias, conferindo aos concellos a potestade para limitar a capacidade e o tempo de permanencia nas praias. A orde subiña que o acceso "en todo caso será gratuíto", pero que os gobernos locais poden establecer limitacións na entrada e no aforamento dos areais "a fin de asegurar que se respecta a distancia interpersonal de, cando menos, dous metros entre bañistas". Así mesmo, poden fixar límites "nos tempos de permanencia nas mesmas, así como no acceso aos aparcamentos".

Praia de Carnota CC-BY-SA AnuskaCM

O Ministerio de Sanidade sinala que "o vento forte endémico dalgunhas praias podería ser transmisor de coronavirus polo que se aconsellarían mesmo distancias maiores aos 2 metros"

Así mesmo, nunhas Recomendacións para a apertura de praias e zonas de baño, o Ministerio de Sanidade especifica que para asegurar o distanciamento social "emprestarase atención á distancia entre parasoles e outros elementos", sinalando que "a efectos indicativos os eixes dos parasoles non se instalaran a distancias inferiores de 4 metros". Tamén se subliña que "o vento forte endémico dalgunhas praias podería ser transmisor de coronavirus polo que se aconsellarían mesmo distancias maiores aos 2 metros". E, ademais, non se recomenda a realización de deportes colectivos. 

Así mesmo, o Ministerio de Sanidade indica que "o xestor da praia poderá sectorizar a mesma para asegurar o distanciamento social", recomendando que estes elementos de parcelación teñan o menor impacto posible. De igual xeito, insta á "limpeza diaria da area da zona de baño, facendo especial fincapé na retirada dos residuos orgánicos e inorgánicos". Iso si, sinala que non é aconsellable a desinfección da area da praia. Pola contra, si que recomenda a "limpeza e desinfección diaria do mobiliario (duchas, lavapés, papeleiras) e zonas de tránsito (pasarelas de madeira)".

Canto miden realmente as praias galegas? Coa marea alta ou coa marea baixa?

Co obxectivo de garantir a distancia social, a orde do Ministerio de Sanidade pide respectar a capacidade máxima de cada praia, tendo en conta o número total de persoas que poden ocupala nun momento dado, tendo en conta esa distancia mínima de 4 metros entre parasoles ou toallas. A orde establece que "a efectos de calcular a capacidade máxima permitido por cada praia, considerarase que a superficie de praia a ocupar por cada bañista será de aproximadamente catro metros cadrados". E engade que "para ese cálculo descontarase da superficie útil da praia, como mínimo, unha franxa de seis metros a contar desde a beira en preamar".

As praias da costa atlántica e cantábrica (a diferenza das do Mediterráneo) teñen grandes mareas, e a orde ministerial insta a calcular o espazo dispoñible en base ao tamaño do areal coa marea alta

lPorén, esta disposición engade un problema nas praias da costa atlántica e cantábrica, e entre elas os areais galegos, que teñen unha mareas moi importantes que fan que a "superficie útil" da praia sexa moi distinta na preamar e na baixamar. Na costa mediterránea, en cambio, o carácter moito máis limitado das mareas fai que a diferenza sexa moi pequena.

Dende hai algúns días varias voces alertan de que esa forma de calcular a capacidade da praia, descontando seis metros dende a beira en preamar, faría que moitos areais visen a súa capacidade reducida ao mínimo, a pesar de contar con moito máis espazo na realidade, cando menos fóra dos momentos de marea alta.

Os valos colocados na praia de Riazor, este luns © Concello da Coruña

A Xunta solicitou este luns ao Ministerio de Sanidade que os concellos galegos "poidan establecer dous aforos nas praias, en función da baixamar e a preamar"

A propia Xunta solicitoulle este luns ao Ministerio de Sanidade que os concellos galegos que así o consideren "poidan establecer dous aforos nas praias, en función da baixamar e a preamar". A Consellería de Sanidade sinala que a restrición introducida polo Ministerio "impediría o uso de moitos dos areais galegos". Para calcular a capacidade en baixamar a Xunta propón descontar da superficie útil da praia unha franxa de 4 metros dende a liña de baixamar. E, en preamar, propón descontar da superficie útil unha franxa dun metro dende a liña de preamar.

Por exemplo, segundo os datos oficiais do catálogo de praias do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a praia da Lanzada (O Grove) ten 6 metros de ancho en preamar e 70 en baixamar. Aplicando o cálculo recomendado polo Ministerio de Sanidade (descontando 6 metros dende o límite en preamar), non se podería acceder a este areal. Son moitas as praias galegas que presentan estas grandes diferenzas entre o momento de máis e de menos amplitude; por exemplo a de Patos, en Nigrán (20 metros en preamar e 80 en altamar), a da Ladeira en Baiona (28 e 68), a Mexilloeira do Grove (20 e 60) ou a de Montalvo en Sanxenxo (25 e 80).

Medidas aplicadas nos concellos

A maior parte dos concellos litorais galegos non estableceron de momento medidas especiais para controlar o acceso aos areais ou para garantir que non se supera a capacidade máxima permitida. Porén, tanto nas cidades da Coruña e Vigo coma en vilas costeiras que todos os anos rexistran unha grande afluencia de persoas ás súas praias, si que os Gobernos locais adoptaron medidas para garantir que se mantén a distancia persoal, comezando pola instalación de paneis informativos coas recomendacións e normas que se deben cumprir, como en Nigrán.

A maior parte dos concellos limítanse a pedir "responsabilidade" á poboación, pero increméntase o control da Policía Local

Na Coruña, por exemplo, colocouse un valado no perímetro da praia de Riazor; igualmente, en todos os areais do concello un dispositivo de entre 70 e 80 persoas controlará o cumprimento das normas. Así mesmo, o Concello prepara unha web específica sobre as praias, ademais dunha app para móbiles, que informará en tampo real sobre a ocupación existente nese momento nos areais.

En Vigo o Concello pediu á cidadanía "responsabilidade" para respectar a distancia social de dous metros. Ademais, a partir do vindeiro 15 de xuño, o Goberno local instalará un sistema de cintas de cores para garantir que se respecta a separación nos dous grandes areais da cidade, Samil e O Vao. O parcelamento das praias xa comezou a aplicarse en Sanxenxo ou Noia.

Praia de Silgar, en Sanxenxo CC-BY-SA Lmbuga

Cangas limitará o acceso en coche aos areais para as persoas de fóra do concello. Noia ou Sanxenxo xa comezaron a parcelar algunha praia e Vigo farao o 15 de xuño

En Vilagarcía de Arousa e A Illa de Arousa, ambos os dous concellos incrementaron a vixilancia da Policía Local e da Protección Civil para garantir que se respectan as medidas de seguridade e prevención. Na Illa, por exemplo, durante a fin de semana (cando aínda non estaba permitido tomar o sol nas praias), a Policía denunciou a 37 persoas que accederan aos areais.

Unha das medidas máis contundentes para controlar o acceso de bañistas aos areais foi a proposta en Cangas do Morrazo, que ata este luns tiña pechadas as entradas para os coches, agás para residentes. Os valados que impedían o acceso xa foron retirados, pero o Concello advirte que se volverán instalar o vindeiro 25 de xuño. A partir dese día tan só os residentes no concello, as persoas que teñan segunda residencia alí e tamén aqueles que se atopen aloxados en hoteis e apartamentos poderán acceder en coche. O resto de veraneantes deberá completar a pé o último quilómetro ou dous quilómetros de percorrido para poder chegar ás praias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.