Desde que comezou o mes de agosto van xa queimadas máis de 7.600 hectáreas na vintena de incendios dos que informou a Xunta
Contra as oito da tarde deste xoves a Xunta informou de que pasaba a considerar “controlado” o incendio de Boiro iniciado na parroquia de Cures a media tarde do pasado xoves día 4, e un día máis tarde, na tarde deste venres, deuno por extinguido. Máis dunha semana despois de declararse o lume, había días que xa non medraba a súa extensión, cunhas 2.200 hectáreas estimadas, pero aínda agora vén de ser apagado por completo. E nesa mesma liña, a de mellorar a situación, están a evolucionar tamén os incendios declarados na última semana.
No Macizo Central ourensán os incendios de Laza e Chandrexa de Queixa pasaron a ser considerados este xoves un só, que suma 2.100 hectáreas, pero xa non ten risco para núcleos de poboación e a Xunta di que “evoluciona favorablemente cara á súa estabilización”. Similar evolución teñen os incendios da comarca do Carballiño, onde tamén remitiu o risco para a poboación. E nas últimas horas a Xunta tamén pasou a considerar controlado o de Casaio, en Carballeda de Valdeorras.
A Xunta, no seu parte oficial actualizado a primeira hora da mañá deste venres -que permaneceu inalterado tamén pola tarde- xa só informaba polo tanto de seis incendios aínda non extinguidos en toda Galicia -cinco unha vez extinguido o de Boiro. E ningún deles medrou en extensión entre a tarde do xoves e a tarde deste venres.
Desde que comezou o mes de agosto van xa queimadas máis de 7.600 hectáreas na vintena de incendios dos que informou a Xunta, ás que hai que sumar as máis de 34.000 hectáreas queimadas na vaga de incendios de xullo iniciada coa treboada de raios do día 14.