O mal tempo evita a festa de Samaín na Illa de San Simón que indignara as asociacións de memoria histórica

Illa de San Simón © Praza Pública

A empresa Nabia organizara para este xoves, véspera do vindeiro Día de Defuntos, unha festa de Samaín na illa de San Simón. Con saída e chegada desde Vigo, a navieira ofrecía un roteiro, unha cea e varias actividades con disfraces neste espazo que foi campo de prisioneiros do franquismo e onde foron represaliados e morreron centos de persoas. 

A navieira que organizaba a festa de Samaín na Illa de San Simón decidiu suspendela "por mor das malas condicións climatolóxicas previstas"

Desde hai xa varios días, asociacións de memoria histórica, familiares de represaliados, partidos políticas e administracións como a Deputación de Pontevedra denunciaran a "profanación" do lugar e solicitaran á Xunta que denegase o permiso para esa festa, concedido e ratificado nos últimos días. 

Na tarde deste mércores, a navieira Nabia decidiu suspender a viaxe organizada "por mor das malas condicións climatolóxicas previstas", segundo aclaran desde a compañía, que mantiña a media tarde a oferta na súa páxina web pero que asegura que sería retirada "axiña". Negan, tamén que as queixas das entidades de memoria histórica tivesen algo que ver. 

Cartel que anuncia a festa de Samaín na illa de San Simón CC-BY-SA Praza Pública

O anuncio deste evento causara a indignación entre asociacións da memoria historica como Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) que denunciou "a profanación" do lugar xusto no día no que os restos de Franco eran exhumados do Valle de los Caídos. 

Iniciativa Galega pola Memoria denuncia a "profanación" do espazo cunha actividade lúdica "impensábel" en calquera outro campo de prisioneiros 

A entidade IGM, que agrupa ducias de entidades culturais e memorialísticas de Galicia, censurara esa "profanación dun espazo da memoria a través dunha actividade lúdica" e considerara que  un acto así sería "impensábel en ningún outro campo de prisioneiros do mundo". "En moitos lugares de Europa resultaría mesmo delictivo", din. 

Así, esixiron "que a Xunta de Galicia impedise dunha vez a continua e reiterada aldraxe á memoria e ridiculización da dor das vítimas do franquismo, preservando a Illa de San Simón como lugar de homenaxe e recordo".

Días despois, familiares de represaliados e presos que foron encarcerados e fusilados na Illa cualificaron de "indecente e insultante banalización do mal" a festa organizada pola navieira e pediron tamén ao Goberno galego que reaccionase. 

Desde o BNG, o seu deputado Luís Bará mesmo presentou unha proposición non de lei na que solicita que se prohiban este tipo de actividades na illa de San Simón, así como a eleaboración dun plan de usos para o espazo que impulse a súa función como lugar de "recuperación, divulgación e dinamización da memoria histórica democrática galega e da loita polas liberdades e os dereitos civís". 

A Deputación de Pontevedra opúxose á celebración da festa e censura que a Xunta dese o visto e prace á actividade

Ademais, a Deputación de Pontevedra, a través da súa deputada no departamento de Memoria Histórica, María Ortega, rexeitou tamén esta actividade na Illa de San Simón e censurou a autorización que a Xunta deu a esta festa do 31 de outubro. 

"A illa foi cárcere e lugar de terror para milleiros de veciños da provincia", dixo a nacionalista Ortega, que pide "respecto en memoria destas persoas, as súas familias e pola saúde dunha sociedade democrática" e que non se converta o lugar nun "parque temático". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.