O Ministerio deixa en mans da Xunta o número máximo de alumnado por aula para o vindeiro curso

Alumnado nun instituto galego © IES Rosais 2 (Vigo)

O Ministerio de Educación enviou xa ás comunidades autónomas o documento definitivo coas súas recomendacións sanitarias e medidas de seguridade para o vindeiro curso. O texto xorde da última conferencia sectorial, cando o departamento de Isabel Celaá presentou o seu borrador e instou as consellerías autonómicas a realizar as súas achegas, algunhas delas incluídas finalmente no documento. 

O Goberno central advirte da "obriga" de manter a distancia de 1,5 metros pero é a única medida que pode impor; o resto son "recomendacións" ás comunidades

O Goberno central advirte que, con carácter xeral, existe "a obriga" de manter a distancia de seguridade de metro e medio entre persoas. Pero esta é a única cuestión que pode impor o Ministerio, ao aparecer no decreto que regula a chamada nova normalidade. O resto de medidas non deixan de ser "recomendacións", dado que as comunidades teñen as competencias plenas en Educación e Moncloa non pode obrigar a nada. 

Baixo esta premisa, como explica eldiario.es, Educación aclara no documento que para as etapas de Infantil e Primaria "pódese optar pola alternativa de establecer grupos de convivencia estables de entre 15 e 20 alumnos" que non necesitarán manter a distancia, pero terán que evitar o contacto con outros grupos. No entanto, e ao non estar explicitamente regulado, a Xunta --e o resto de gobernos autonómicos-- poderán elevar o número de alumnado destas unidades de convivencia. Para as etapas superiores, Secundaria obrigatoria e postobrigatoria, o máximo de alumnos por aula será o que permita a distancia de seguridade. 

Alumnado dun centro escolar galego © Xunta

A Xunta poderá elevar o número máximo de alumnado por riba de 20 persoas en Infantil e Primaria

O Goberno galego xa reclamara ao Goberno central non reducir as ratios de alumnado por aula para previr o coronavirus, sinalando que non hai fondos para facelo e porque os grupos de ata 20 alumnos "representarían unha ruptura dos grupos xa establecidos nas aulas". Finalmente, será a Xunta quen decida esa cifra ao determinar o Ministerio que as consellerías de Educación "poderán flexibilizar o número máximo de alumnado para formar estes grupos, sempre que a autoridade sanitaria da comunidade autónoma o autorice". 

Ademais, o Ministerio tamén recomenda priorizar as actividades ao aire libre, facer quendas para entradas e saídas e horas de recreo ou "deseñar outras medidas organizativas para evitar aglomeracións e reducir ao máximo o número de desprazamentos de grupos de alumnos polo centro". 

Os ministerios de Educación e Sanidade, que tamén participou na elaboración do texto, introducen unha novidade entre as recomendacións. Malia que o documento afirma que se garantirá a "asistencia presencial diaria de todo o alumnado", prevé que isto non poida ser posible "pola evolución epidemiolóxica ou a falta de espazos". Nese caso, poderase contemplar "unha modalidade mixta (combinación de educación presencial e a distancia)". 

De darse esta situación, "manterase a presencialidad nos niveis e etapas inferiores (até os 14 anos)", pero está por ver como interpretan as comunidades, que ao final teñen as competencias, a posibilidade de que o alumnado de Bacharelato (que son os maiores de 14 anos e por tanto os que non acudirían aos centros no caso de que houbese que priorizar a docencia presencial) poidan non acudir aos centros a diario "por falta de espazo". 

Aula baleira nun centro escolar de Galicia © Xunta

Entre as medidas de hixiene persoal, ademais do lavado de mans frecuente e meticuloso, o Ministerio recomenda o uso de panos desechables e, ao tusir ou esbirrar, cubrir a boca e o nariz co cóbado flexionado. 

En canto ás máscaras, o seu uso "non é obrigatorio para os alumnos de Infantil". Tampouco o é, di Educación, para os de Primaria, "sempre que estean dentro do grupo de convivencia estable". Cando non o estean, si o será se non se pode manter a distancia de seguridade de 1,5 metros. A partir de Secundaria, igualmente é obrigatorio o seu uso se non se pode manter dita distancia. A partir dos 6 anos, será tamén obrigatorio no transporte escolar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.