O número de camas ocupadas por pacientes COVID volve medrar á espera do efecto da Semana Santa sobre os contaxios

Cribado da COVID nun centro de saúde da área de Santiago en febreiro de 2021 CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Os días festivos, especialmente en datas sinaladas (Nadal, Entroido, Semana Santa, pontes...) adoitan ter dous efectos sobre o número de contaxios da COVID e o control da enfermidade. Por unha banda, na medida en que se producen máis desprazamentos, mobilidade e encontros sociais, increméntase o risco dunha maior propagación da doenza, dun aumento da incidencia e da chegada do virus a concellos que ata agora estaban libre del. Pola outra, nestas xornadas lévanse a cabo moitas menos probas de detección e os propios posibles afectados moitas veces agardan aos primeiros días da semana seguinte para comprobar se teñen a enfermidade, o que dificulta o coñecemento da situación da pandemia e a localización de gromos.

Os datos destes días deben ser analizados con moita cautela, pois o número de probas PCR realizadas, coincidindo cos festivos, está a ser moi reducido. Este sábado foron 3.287 e o venres pouco máis de dúas mil

Nesta situación estamos, gozando duns días de grande estabilidade no que atinxe ao número de novos diagnósticos, pero tamén coa cautela das autoridades sanitarias ante a posibilidade dunha nova escalada dos contaxios e o comezo dunha nova vaga da pandemia que xa é unha realidade en boa parte de Europa e en varias comunidades autónomas, como Madrid ou Navarra.

De momento, o número de novos positivos en Galicia continúa a ser baixo, con 92 casos notificados este domingo polo Sergas, 81 deles detectados por PCR nas últimas 24 horas. A media diaria de novos casos mantense nos 113, un nivel no que se vén movendo nas últimas dúas semanas, despois de que deixase de reducirse, pero sen comezar a subir de novo. Este sábado, ademais, notificáronse tres novas mortes relacionadas coa Covid-19, o que eleva a 2.347 o número total de persoas falecidas en Galicia dende o comezo da pandemia.

Dentro dunha semana, máis ou menos, poderá comprobarse o efecto da Semana Santa sobre a extensión da enfermidade e a súa propagación polos concellos galegos que ata agora están libres da pandemia

A Incidencia Acumulada nos últimos 14 días en Galicia (65,62) é unha das máis baixas do Estado, fronte a unha media española de 151 e territorios como Madrid (267) ou Navarra (326) moi por riba. De igual xeito, a taxa de positividade segue en niveis moi reducidos, ao redor do 3%, unha porcentaxe que no conxunto do Estado leva días en ascenso, ata roldar o 6%. Con todo, todos estes datos deben ser analizados con moita cautela, pois o número de probas PCR realizadas nos últimos días, coincidindo cos festivos, está a ser moi reducido. Este sábado foron 3.287 e o venres pouco máis de dúas mil.

Haberá que agardar aos primeiros días da vindeira semana para que as cifras retomen a súa normalidade, o que podería provocar un inmediato ascenso no número de novos casos e da incidencia. De igual xeito, dentro dunha semana, máis ou menos, poderá comprobarse o efecto da Semana Santa sobre a extensión da enfermidade e a súa propagación polos concellos galegos que ata agora están libres da pandemia, practicamente a metade do país.

Destaca o empeoramento que nas últimas xornadas se está a producir na Pobra do Caramiñal e no Grove

A Pobra do Brollón, O Irixo e Beade seguen a ser os únicos concellos nos que a Incidencia Acumulada nos últimos 14 días supera os 500 casos por cada 100.000 habitantes. Outros catro sitúanse entre 250 e 500 e 16 máis aparecen entre 150 e 250. Destaca o empeoramento que nas últimas xornadas se está a producir na Pobra do Caramiñal e no Grove, con incidencias que roldan os 300 casos por cada 100.000 habitantes.

Pola contra, hai 147 concellos que non tiveron ningún novo diagnóstico de Covid-19 nos últimos 14 días e 183 non notificaron ningún novo positivo nos últimos 7 días. 

Pontevedra está a empeorar lentamente a súa situación

Nas cidades, non hai grandes variacións nos últimos días. A Coruña segue a ser a urbe cunha maior incidencia, pero en descenso e xa moi preto dos datos de Vigo, que se mantén estable. Pontevedra está a empeorar lentamente a súa situación e xa supera as cifras de incidencia de Ferrol e Santiago, á baixa.

Nos hospitais obsérvase un empeoramento da situación nos últimos días. Este domingo o número de pacientes Covid-19 nas UCI ascende a 34, a cifra máis elevada dende hai 9 días. O número total de doentes ingresados nos hospitais galegos cun diagnóstico positivo da enfermidade é de 213, trece máis que hai unha semana.

Máis de 25.000 doses aplicadas entre o xoves e o venres santo

O 7,22% da poboación galega maior de 16 anos ten xa as dúas doses da vacina e o 14,97% recibiu cando menos unha dose, lixeiramente por riba da media española

Finalmente, no que atinxe á vacinación, Galicia continuou administrando doses nos días festivos da Semana Santa, sumando un total de 25.264 entre xoves e venres, que se unen ás 20.420 aplicadas o mércores, un novo récord diario. A media diaria na última semana supera as 12.000, en claro ascenso despois do parón 'provocado' pola paralización temporal da vacina de AstraZeneca.

O número total de doses administradas en Galicia dende o nadal superou o medio millón (524.134), con 170.558 que recibiron xa dúas doses. Outras 353.576 recibiron cando menos unha dose. 

En canto á poboación maior de 80 anos, en Galicia o 74,5% recibiu cando menos unha dose da vacina (o 77,2% no conxunto de España)

En total, o 7,22% da poboación galega maior de 16 anos ten xa a 'pauta completa' e o 14,97% recibiu cando menos unha dose. No conxunto de España o 7,1% recibiu as dúas doses e o 14,2% cando menos unha. Galicia sitúase lixeiramente por riba da media estatal. 

En canto á poboación maior de 80 anos, en Galicia o 74,5% recibiu cando menos unha dose da vacina (o 77,2% no conxunto de España) e o 37,7% ten xa as dúas doses (44% no conxunto do Estado). Nos últimos días Galicia incrementou o seu ritmo de vacinación, o que lle permitiu reducir á metade o seu diferencial coas cifras estatais, que o mércores era de seis puntos para as persoas cunha dose.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.