O número de persoas hospitalizadas pola COVID en Galicia acada o seu máximo en cinco meses

Nos hospitais increméntase a cifra total de camas ocupadas de 316 a 345, 17 máis que o martes pasado © Sergas

A quinta vaga da pandemia de COVID acadou o seu pico en Galicia hai case dúas semanas, no que atinxe ao número de positivos detectados cada día. Dende entón, iniciou un lento descenso que xa fixo diminuír os datos de incidencia acumulada e casos activos. Porén, os efectos no incremento de hospitalizacións aínda se están a notar agora e este luns a cifra de camas ocupadas por pacientes COVID é o máis elevado en Galicia dende os primeiros días de marzo, hai cinco meses. 

Este martes o Sergas notifica 781 novos positivos de COVID en Galicia, unha cifra algo inferior á comunicada o martes pasado (837)

Afortunadamente, o efecto da vacinación xeneralizada dunha porcentaxe moi ampla da poboación (73,3% ten xa a pauta completa), especialmente das persoas máis vulnerables, fixo que o elevadísimo número de contaxios que se está a producir só se traducise nun aumento leve do número de ingresos hospitalarios e mortes, moi diferente do que tivo lugar o pasado mes de xaneiro e febreiro.

Este martes o Sergas notifica 781 novos positivos de COVID en Galicia, unha cifra algo inferior á comunicada o martes pasado (837), que leva a unha pequena redución da incidencia acumulada a 7 días (256 casos por cada 100.000 habitantes) e a 14 días (550).

Nos hospitais increméntase a cifra total de camas ocupadas de 316 a 345, 17 máis que o martes pasado

Nos hospitais, en cambio, increméntase a cifra total de camas ocupadas de 316 a 345, 17 máis que o martes pasado (328). Trátase da cifra máis elevada dende o pasado 12 de marzo, hai case cinco meses. Nas UCI hai 54 camas ocupadas, unha menos que onte, pero 11 menos que hai sete días. O número de falecementos producidos pola enfermidade aumenta ata os 2.494, un máis que hai 24 horas.

O descenso no número de positivos rexistrados dáse en todas as áreas, agás A Coruña, onde segue a aumentar, e Ferrol, onde se mantén estable

O descenso no número de positivos rexistrados percíbese en todas as áreas sanitarias, agás A Coruña, onde segue a aumentar a incidencia acumulada a 7 días, e Ferrol, onde este indicador se mantén estable. O dato na área sanitaria coruñesa, por riba dos 400 casos por cada 100.000 habitantes, é o máis elevado dende o pasado 1 de febreiro.

Vigo (17,42%), A Coruña (15,97%) e Ferrol (14,21%) con as áreas sanitarias con peores datos de positividade

A taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo) mantense en niveis moi elevados, cunha media do 12,45% no conxunto de Galicia nos últimos sete días, máis do dobre do limiar do 5% recomendado pola OMS para manter controlada a transmisión comunitaria. Vigo (17,42%), A Coruña (15,97%) e Ferrol (14,21%) con as áreas sanitarias con peores datos. A taxa de positividade en Galicia mantense por riba do 10% dende mediados de xullo.

Alfoz, Monterrei, Fisterra, A Pobra do Brollón, Riós, Cee e Pontedeume teñen incidencias acumuladas en 14 días por riba dos mil casos por cada 100.000 habitantes

Alfoz, Monterrei, Fisterra, A Pobra do Brollón, Riós, Cee e Pontedeume teñen incidencias acumuladas en 14 días por riba dos mil casos por cada 100.000 habitantes. Vilas de importancia como O Grove, Burela, Viveiro, Sada e Sanxenxo achégase tamén a esa cifra. 

Tan só 32 concellos non rexistraron ningún positivo de COVID nos últimos 14 días e 60 non tiveron novos casos na última semana.

Nas cidades, mellora a situación en todas elas, mesmo na Coruña, que segue a ser a urbe con máis positivos con habitante (unha IA de 806 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días), pero que reduce a súa incidencia dende este luns. Vigo, Pontevedra, Lugo e Ferrol tamén teñen incidencias por riba da media galega, mentres que Santiago e Ourense son as cidades con mellores datos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.