As vacinas xa mudaron os picos da pandemia: de 25 mortes diarias a apenas 3, de 1.400 hospitalizacións a 300

Preparación dunha dose de vacina da COVID para ser administrada no recinto de vacinación do Gaiás, mapa de incidencia a 5 de agosto e evolución da vacinación CC-BY-SA Foto: Ana Varela / Xunta | Montaxe: Praza Pública

Os datos de finais de xullo apuntábano e os do comezo de agosto, confírmano. Galicia xa deixou atrás o pico da vaga estival da COVID-19 -que as autoridades deron en ordenar como "quinta"-. Xa é posible, daquela, comparar esta vaga coa anterior e máis intensa, a posterior ao Nadal. Esta comparación é moito máis precisa que as que se poidan realizar, por exemplo, co acontecido na primavera de 2020 ou mesmo no verán dese ano, cando nos comezos da pandemia a capacidade diagnostica do sistemas sanitarios era moi inferior.

A media diaria a 7 días de infeccións activas diagnosticadas rolda os 1.050 casos; a finais de xullo eran máis de 1.300

Que o pico quedou xa atrás evidénciano os datos de casos novos rexistrados. Alén da foto fixa de cada xornada -este venres, por exemplo, o Sergas notificou 1.018 casos novos-, a media a sete días de infeccións activas diagnosticadas descende con claridade dende finais do pasado xullo e rolda agora as 1.050 ao día (hai apenas dúas semanas eran máis de 1.300). 

Estas cifras de casos novos propician que as incidencias acumuladas a 7 días (uns 280 casos novos por cada cen mil habitantes) e a 14 días (arredor de 630) xa descendan. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a razón de taxas -comparación da incidencia de cada día coa da mesma xornada da semana anterior- amosa un claro retroceso do indicador a sete días (un valor inferior a 1 implica descenso) e tamén reflicte como o valor a 14 días vén de entrar en terreo descendente.

En cifras redondas, o máximo de persoas ingresadas coa COVID-19 simultaneamente é cinco veces inferior ao pico de hospitalizacións na vaga posterior ao Nadal

Dado que xa é posible comparar os picos da actual vaga -a primeira cunha ampla extensión da vacinación- e a anterior -a derradeira sen apenas vacinas administradas-, xa cabe tamén comparar a súa repercusión en dúas das variables que mellor reflicten a gravidade dos casos: a hospitalización e os falecementos. O pico da actual vaga deixa nos hospitais galegos un máximo dunhas 300 persoas hospitalizadas ao mesmo tempo con test positivo do coronavirus e en torno a medio cento delas, en coidados intensivos. 

Tras o Nadal, con incidencias acumuladas semellantes, en Galicia chegara a haber case 1.500 persoas ingresadas simultaneamente coa COVID. En cifras redondas, cinco veces máis. As UCI galegas chegaran a acoller 250 pacientes ao mesmo tempo co coronavirus, igualmente quintuplicando a situación actual.

As 308 persoas ingresadas con test positivo da COVID ás seis da tarde do xoves eran apenas 6 máis que o mesmo día da semana anterior. Constátase así, como reflicte o gráfico, o acougo do incremento interesemanal de hospitalizacións.

O outro indicador asistencial de referencia, o dos casos positivos activos, si se mantén polo momento en cifras moi avultadas malia á obvia tendencia descendente, o que implica aínda unha forte presión na Atención Primaria e no rastrexo de contactos. Ás seis da tarde do xoves eran 18.195, isto é, 690 menos que unha semana antes.

A diferenza entre vagas é obvia no que atinxe á hospitalización e o mesmo sucede, mesmo con maior evidencia, no que atinxe á mortalidade de persoas coa COVID. No pico da vaga posterior ao Nadal, Galicia rexistrou varias xornadas cunha media a 7 días superior aos 25 falecementos de persoas co coronavirus cada xornada. Actualmente, este dato sitúase na contorna das 3 mortes ao día, oito veces menos en cifras redondas. Cómpre ter en conta ademais, máis aínda coa vacinación, que non todos os pasamentos de persoas coa COVID son directamente atribuíbles ao virus. O total sitúase agora en 2.483. [A metade dos falecementos con COVID en residencias da Xunta foron en centros xestionados por DomusVi]

Medio cento de concellos sen casos novos a 7 días

Seis das sete principais cidades trazan liñas descendentes na súa incidencia acumulada a 14 días

O descenso das incidencias acumuladas a nivel global de Galicia e por áreas sanitarias tamén se vai percibindo sobre o mapa de concellos, perso paseniñamente. Aínda son apenas medio cento os que non rexistraron casos novos nos últimos sete días e son en torno a unha vintena os que non tiveron casos novos en dúas semanas. A principios do verán, eran máis de 200.

Como amosa o mapa, boa parte dos concellos coas incidencias acumuladas máis elevadas sitúanse en contornas eminentemente turísticas, caso da comarca do Salnés ou da Mariña. É o caso do Grove e Sanxenxo, nas Rías Baixas, ou de Viveiro, Foz e Burela, na contorna mariñá. Máis illadamente, seguen destacando as incidencias de municipios como Monterroso ou Monterrei.

No que atinxe ás sete principais cidades, a tendencia da incidencia acumulada a 14 días é agora descendente en todas agás na Coruña, que ten o valor máis elevado da Galicia urbana neste indicador e segue superando os 800 casos novos por cada cen mil habitantes. Na banda contraria sitúanse Ourense, que tras unha pronunciadísima caída rolda os 474 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días, e tamén Santiago (531).

Todos estes datos cómpre encadralos no avance da vacinación. Coa última actualización do Sergas, publicada este venres, son xa case dous millóns as persoas que recibiron polo menos unha dose de vacina e 1,78 millóns teñen xa a pauta completa. Isto implica que o país está preto de ter a tres cuartas partes da poboación con cando menos unha dose e que xa superou o limiar dos dous terzos coa pauta completa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.