A vaga estival da COVID emprende o descenso por onde comezara a subir: mocidade e as áreas de Ourense e Pontevedra

Mocidade agardando para participar nun cribado da COVID en Muros, o pasado xullo CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Muros | Montaxe: Praza Pública

Os datos viñan apuntando dende finais de xullo que o pico da vaga estival da pandemia da COVID estaba a piques de chegar e as primeiras cifras no inicio de agosto así o constataron. A incidencia acumulada máis inmediata, a que mide os casos novos por cada cen mil habitantes a sete días, xa está en claro descenso e o indicador a 14 días disponse a facer o mesmo tras rozar máximos de 350 e 650 casos novos por cada cen mil habitantes, respectivamente, segundo cálculos elaborados a partir dos datos do Sergas.

A incidencia acumulada a 7 días xa baixa con claridade e o indicador a 14 días disponse a facer o mesmo

Esa información da Xunta, combinada cos datos por idades que divulga o Ministerio de Sanidade -que a Consellería transmite ao Estado, pero non publica- permite concluír, ademais, que esta vaga da pandemia comeza a descender, como cabía agardar, alí por onde comezara a ascender: grupos de idade mozos aínda non cubertos pola vacinación masiva -ou acabados de incorporar a ela- e, territorialmente, polas áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés e Ourense, as que marcaron incidencias de casos novos máis elevadas.

Os datos do Ministerio de Sanidade a día 2 de agosto amosan que as incidencias a 14 días máis elevadas seguen en Galicia, con diferenza, entre os grupos de 20 a 29 e de 12 a 19 anos. Pero son tamén os primeiros grupos nos que a evolución semanal deste indicador é claramente positiva, pasando de medrar máis de mil puntos en sete días hai pouco máis de dúas semanas a descender ata 300 puntos, segundo os datos divulgados o martes, que tamén reflicten unha diminución semanal da incidencia no grupo 30-39 e, con todas estas melloras, tamén do dato xeral galego. 

Agora o grupo no que máis medra a incidencia a 14 días -pero co crecemento freando aos poucos- é o da infancia menor de 12 anos e a continuación, pero a moita distancia, sitúanse xa os grupos moito máis cubertos pola inmunización. Todo, cando Galicia xa cruzou o limiar (cos datos máis actualizados do Sergas) do 65% da poboación total coa vacinación completa. Tras varios días de freo no ritmo de vacinación, os datos do mércores volverán reflectir cifras máis avultadas polo retorno ás vacinacións masivas. 

A 'curva' de infeccións activas xa deu a volta

Todo isto sucede despois de que o pasado 1 de agosto fose o primeiro día natural dende o 18 de xullo no que o Sergas rexistrou menos de mil casos novos da COVID (856) e nunha xornada, a deste martes, na que Sanidade notifica 837, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. Estas cifras rexístranse nun contexto no que, como amosa o gráfico baixo estas liñas, a curva de infeccións activas diagnosticadas polo Sergas xa deu a volta con claridade: a media dos últimos sete días rolda os 1.135 diagnósticos por xornada. Hai unha semana eran arredor de 1.300.

O Sergas diagnosticou unha media diaria dunhas 1.135 infeccións activas na última semana; sete días antes eran máis de 1.300

Esa evolución reflíctese tamén nos datos de incidencia acumulada a 7 días por áreas sanitarias. Cos datos do último día completo dispoñible (o domingo, 1 de agosto), a tendencia á baixa neste indicador máis inmediato xa chegou a todas as áreas sanitarias agás a da Coruña-Cee, que así e todo está tamén a piques de encarar o descenso, agás un improbable cambio brusco. As que descenden con máis vigor son as áreas que máis arriba chegaron nesta vaga: Pontevedra-O Salnés, aínda con máis de 370 casos novos por cada cen mil habitantes a sete días, e mais Ourense, agora cuns 216.

Entre os novos positivos atópanse tamén os detectados nos últimos días en residencias de maiores (32) e persoas con discapacidade (32), 64 en total tras notificar o Sergas outros 18. Dada a ampla extensión da vacinación nestes centros, practicamente total, é habitual que os positivos sexan detectados en cribados rutineiros ou en buscas tras positivos en membros do persoal ou familiares, dada a escasa -ou mesmo nula- presenza de síntomas.

Claro freo no incremento da hospitalización e dez mortes en catro días

Cabe agardar que durante os vindeiros días a mellora relativa da situación epidemiolóxica se reflicta tamén nas cifras asistenciais do Sergas. Polo momento, as 303 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 ás seis da tarde do luns eran 37 máis que unha semana antes, consolidando así o freo no incremento da hospitalización en termos semanais. Ademais, ese total de ingresos supón que as persoas hospitalizadas eran 25 menos que un día antes, unha baixada na que tamén inflúe a tramitación de altas non dadas durante a fin de semana.

A situación asistencial semella comezar a acougar nos hospitais ou, cando menos, transitar por un pico moito menos elevado que nas anteriores vagas. A presión segue moito máis alta noutros puntos do sistema, como a Atención Primaria ou o rastrexo, toda vez que os casos activos -que xa comezan a descender- aínda son máis de 18.000. [O Sergas mudará de empresa de rastrexo da COVID por outra que presentou unha oferta máis barata]

A metade das dez mortes notificadas polo Sergas producíronse o 1 de agosto. As persoas falecidas tiñan entre 79 e 95 anos 

Xunto cos devanditos indicadores de cambio de tendencia a mellor, a última actualización de datos do Sergas trae consigo tamén un indicador máis desfavorable: a notificación de dez mortes de persoas que contraeran a COVID. A de menos idade tiña 79 anos e a de máis,95.

Trátase de falecementos que se produciron dende o 30 de xullo, se ben resulta significativo que o 1 de agosto, con 5 mortes, fose o día con máis pasamentos de persoas infectadas polo virus dende o pasado abril. Cómpre ter en conta, non obstante, que o feito de que estas persoas morresen co coronavirus non implica -necesariamente ou en todos os casos- que a causa do falecemento fose o virus, toda vez que todas elas padecían tamén outras doenzas. O total chega así a 2.474.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.