Galicia inicia agosto coa COVID á baixa en cinco das sete áreas sanitarias e o 65% da poboación vacinada por completo

Un enfermeiro do Sergas prepara unha dose de vacina contra a COVID e evolución das incidencias acumuladas por áreas CC-BY-SA Foto: Ana Varela / Xunta | Montaxe: Praza Pública

Durante o mes de xullo que vén de rematar, o Sergas rexistrou 28.640 casos novos da COVID-19, unha media de algo máis de 923 ao día. No mes previo, o de xuño, detectara 3.062 casos, pouco máis dun cento por xornada. O estoupido do que algunhas autoridades e medios deron en denominar quinta vaga, ligado á mobilidade do verán e á recuperación dalgunhas actividades en espazos interiores, veu sendo parello ao avance da vacinación. De aí que, con cifras de casos novos semellantes ás do pasado febreiro, os rexistros de hospitalizacións e mortes sexan moito menores. Non en van, con datos pechados polo Sergas a 1 de agosto, 1,75 millóns de persoas xa recibiron a pauta completa da vacina, o 65% da poboación total do país segundo os datos do padrón municipal pechados a 1 de xaneiro de 2021, o que supón máis do 70% da 'poboación diana'.

O Sergas rexistrou algo máis de 28.000 casos novos durante o mes de xullo e comeza agosto coa media diaria de infeccións diagnosticadas a 7 días baixando con claridade

Con este pano de fondo, Galicia rematou xullo e comeza agosto coa incidencia acumulada da COVID-19 a sete días, a máis inmediata, xa á baixa no dato global do país e tamén con tendencia claramente descendente en cinco das sete das áreas sanitarias. Isto sucede nunha xornada na que Sanidade notificou 939 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo e na que a media diaria a 7 días de infeccións activas diagnosticadas debuxa unha liña claramente á baixa, un chisco por baixo das 1.200.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a incidencia acumulada a sete días xa descende para o conxunto de Galicia, situándose nuns 312 casos novos por cada cen mil habitantes no último día con datos completos (o sábado, 31 de xullo). Faino porque en todas as áreas sanitarias agás A Coruña-Cee e Vigo este indicador xa non só deixou de subir, senón que baixa.

A incidencia máis inmediata apunta a que nas áreas da Coruña-Cee e Vigo a tendencia descendente chegará en días vindeiros

Así e todo, a comparación da incidencia acumulada a 7 días coa da mesma xornada da semana anterior (a coñecida como razón de taxas) tamén apunta a que nas áreas de Vigo e da Coruña-Cee (por esta orde), falta pouco para que chegue o descenso se as actuais tendencias se manteñen. Este indicador, se a división da incidencia acumulada dun día coa do mesmo da semana anterior dá como resultado menos de 1, significa que a tendencia é descendente. Isto xa sucede para o conxunto de Galicia e nas devanditas cinco áreas sanitarias. Nas dúas que faltan, Vigo vén de chegar ao 1 e á Coruña fáltalle apenas unha décima.

A esta tendencia favorable súmase o feito de que a incidencia acumulada a 7 días para o conxunto de Galicia (uns 312 casos novos por cada cen mil habitantes) xa é menos da metade que o dato a 14 días (algo menos de 650). Esta correlación implica tendencia descendente, como tamén o acredita o feito de que a razón de taxas da incdiencia a 14 días tamén estea a piques, como amosa o gráfico sobre estas liñas, de iniciar o camiño do descenso.

Clara moderación no incremento semanal da hospitalización

As 328 persoas coa COVID ingresadas ás seis da tarde do domingo eran 70 máis que unha semana antes. O domingo anterior, o incremento semanal era de 118 persoas

Como vén sendo habitual, o reflexo da moderación na incidencia tarda en chegar aos hospitais, igual que os empeoramentos tamén se traducen en novos ingresos unhas dúas semanas despois de que se produzan. Esta é a razón pola que as cifras de persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 continúan aumentando, aínda que marcando niveis moi inferiores a anteriores vagas e tamén moderando con claridade o seu ritmo de incremento.

As 328 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 ás seis da tarde do domingo eran 70 máis que unha semana antes. O domingo anterior, ese incremento intersemanal era de 118 persoas e o previo, de 74. O rexistro de ingresos en UCI situábase en 43 persoas e unha semana antes eran 25. Cómpre ter en conta ademais, como cada luns, que os datos da fin de semana están condicionados porque en sábados e domingos é habitual que os hospitais tramiten menos altas que de luns a venres.

O comportamento das cifras de mortalidade volve ser semellante ao da hospitalización: un claro incremento que vén despois do empeoramento da incidencia, pero tamén moi por baixo de vagas anteriores. O Sergas notificou 12 mortes de persoas coa COVID-19 nos últimos sete días e o mes de xullo pechouse con 28 falecementos -este dato aínda tarda uns días en consolidar, polo que podería variar-. O total situábase así en 2.464 persoas, se ben a últimas horas do luns o Sergas notificou 10 mortes de persoas coa COVID, correspondentes a catro días distintos, que se incorporarán ao cómputo oficial este martes, 3 de agosto. Cómpre ter en conta, como adoito, que non todas as persoas falecidas co virus teñen a COVID como causa da morte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.