Galicia cruza o limiar do 70% da campaña de vacinación da COVID e a actual vaga achégase ao pico de incidencia

Espera para a vacinación contra a COVID no Gaiás o pasado 26 de xullo e evolución da vacinación e das incidencias acumuladas CC-BY-NC-SA Praza Pública

Un total de 1,73 millóns de persoas recibiran ata o pasado mércores en Galicia a pauta completa da vacina contra a COVID-19. Isto quere dicir que o 70,4% das persoas consideradas como diana da campaña de vacinación, todas as maiores de 12 anos, xa completaron o proceso. E implica, daquela, que o 64,1% da poboación total do país ten xa a vacina completa, mentres que o 70,4% recibiu cando menos unha dose, o 77,3% da poboación diana, segundo os datos divulgados este xoves polo Ministerio de Sanidade.

A cobertura con pauta completa de vacina entre a poboación de 30 a 39 anos aumenta 8 puntos en vinte e catro horas e rolda o 32%. No total de maiores de 40 supera o 93%

O avance da vacinación segue marcando o ritmo da pandemia e de aí a importancia da incorporación á campaña da poboación de entre 20 e 29 anos, un dos dous grupos con maior incidencia acumulada a 14 días e que agora rolda o 12% con cando menos unha dose. E de aí tamén a relevancia no avance en segundas doses do grupo de 30 a 39 anos: a elas foron boa parte das case 31.000 administradas durante a xornada do mércores, cun avance de 8 puntos na cobertura con pauta completa, ata case o 32%.

Con estas cifras, en Galicia ían administradas ata o mércores un total de 3,53 millóns de doses de vacinas, o 98,5% das recibidas ata ese día. Entre a poboación maior de 40 anos, a porcentaxe de cobertura con pauta completa sobrepasa amplamente os limiares sinalados dende diferentes voces expertas para a inmunidade grupal, cun 93,2% de cobertura.

Máis de mil casos rexistrados ao día, pero cada vez máis sinais de freo

O Sergas notificou este xoves 1.077 casos novos e a suma no que vai de xullo rolda os 24.000. Mentres, a tendencia da incidencia acumulada a sete días achégase ao terreo da diminución

Mentres a vacinación comeza a chegar aos grupos de idade máis afectados pola actual vaga da pandemia -precisamente por non estaren aínda vacinados-, esta comeza a amosar sinais de achegarse ao seu 'pico' tras levar unhas dúas semanas freando o seu ritmo de incremento. O freo apréciase con claridade precisamente nos grupos máis afectados, que pasan dun avance intersemanal de máis de mil puntos á contorna dos 300.

Este xoves, o Sergas notificou 1.077 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. En termos de días naturais, no último dispoñible con datos completos (o martes) foron 1.240. No que vai de mes de xullo, a suma rolda os 24.000 e dende o pasado día 14, todos os días agás un foron rexistrados máis de mil casos novos.

Sendo todo isto certo, non o é menos que o impacto da vacinación está a propiciar que o país rexistre unha quinta parte de hospitalizacións e 17 veces menos mortes que a anterior ocasión en que rexistrou  mesma incidencia, o pasado febreiro. Os últimos datos dispoñibles sitúanse nuns 660 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e arredor de 350 a 7 días. Este indicador máis inmediato, o da última semana, leva días sendo claramente descendente na área sanitaria de Ourense (278), amosa sinais de descenso na de Pontevedra-O Salnés, a que o ten máis alto (485) e nas áreas onde aínda aumenta, o seu ritmo de incremento é cada vez menor.

O dato global galego de incidencia aínda aumenta tanto a 7 como a 14 días, pero a comparación da taxa de cada día coa da mesma xornada da semana anterior -a coñecida como razón de taxas- evidencia esa tendencia ao freo. Neste indicador, cando o resultado da división é superior a 1 é sinónimo de aumento da incidencia e cando baixa de 1, de descenso. Tanto a incidencia acumulada a 7 días como o seu equivalente a 14 baixan de ritmo de incremento dende mediados de mes, tal e como amosa o gráfico sobre estas liñas e, no caso do indicador a sete días, está a pouco máis dunha décima de internarse no terreo da diminución.

Como vén sendo habitual, do mesmo xeito que os incrementos da incidencia tardan en trasladarse ás cifras de hospitalización unhas dúas semanas, o mesmo acontece cando chega o momento do freo. As 277 persoas ingresadas con test positivo da COVID ás seis da tarde do mércores eran 102 máis que unha semana antes e 35 delas estaban na UCI -sete días antes eran 22-. O ritmo semanal de incremento, non obstante, tamén tende a moderarse.

Tamén as cifras de falecementos de persoas coa COVID-19 tardan unhas dúas semanas en comezar a incrementarse despois de cada empeoramento. No que vai de mes de xullo, en Galicia notificáronse 19 falecementos de persoas que contraeran o coronavirus, mentres que en todo o mes de xuño foran 16. Na anterior ocasión en que Galicia rexistrou taxas de incidencia do virus semellantes ás actuais, o pasado febreiro, o mes finalizara con máis de 400 mortes de persoas infectadas. O total sitúase agora en 2.455.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.