Agosto comezou en Galicia coa COVID deixando atrás o pico da vaga estival en todas as áreas sanitarias

Toma de mostras para un cribado da COVID nunha localidade ourensá CC-BY-SA Sergas

O Sergas notificou este 5 de agosto 1.111 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores. En termos de días naturais, o último día dispoñible con datos completos (o martes 3) finalizou un chisco por riba dos mil casos novos (1.095) e os dous primeiros días do mes roldaron os 800, o que implica que o país encadeou dúas xornadas completas por baixo do milleiro por primeira vez dende mediados de xullo.

Cinco das sete áreas debuxan curvas claramente á baixa nas súas incidencias acumuladas a sete días e nas dúas onde o descenso aínda non é tan claro, A Coruña-Cee e Ferrol, a comparación cos datos de hai unha semana tamén apunta a decrecemento

Alén da foto fixa dun día puntual, a media a sete días de infeccións activas do coronavirus diagnosticadas polo Sergas segue a trazar unha liña descendente e isto tradúcese en que as sete áreas sanitarias do país semella que deixaron xa atrás o pico dunha vaga estival da pandemia marcada, en todo caso, polo avance da vacinación. Como amosa o gráfico baixo estas liñas, todas as áreas debuxan curvas claramente á baixa nas súas incidencias acumuladas a 7 días agás A Coruña-Cee e Ferrol. Non obstante nestas dúas o cálculo da razón de taxas (comparación da incidencia acumulada dunha xornada coa do mesmo día da semana anterior) amosa que a tendencia tamén é descendente.

Para os datos globais de Galicia esa razón de taxas tamén indica un claro retroceso da incidencia a 7 días, situada agora na contorna dos 280 casos novos por cada cen mil habitantes (cando este indicador está por riba do 1 indica incremento da incidencia e cando baixa do 1, retroceso). 

No que atinxe á incidencia a 14 días, vén de entrar en terreo de decrecemento por primeira vez dende finais de xuño aínda que o seu descenso é polo momento feble. Cos últimos datos dispoñibles, aínda roza os 630 casos novos por cada cen mil habitantes. Ambos indicadores están agora en Galicia por riba da media estatal, segundo os datos actualizados polo Ministerio de Sanidade este xoves.

Situación asistencial coa hospitalización contida

Mentres os indicadores epidemiolóxicos apuntan a que o pico da vaga estival da COVID vai quedando atrás, as cifras de hospitalización seguen contidas na contorna das 300 persoas ingresadas con test positivo do virus. Ás seis da tarde do mércores eran 302, vinte e cinco máis que unha semana antes, o que acredita que o incremento semanal segue a moderarse con claridade. O dato menos favorable da xornada é que a hospitalización en UCI de persoas co coronavirus supera as 50 por primeira vez dende o pasado maio. Así e todo, como amosa o gráfico baixo estas liñas, as cifras de hospitalización seguen moi por baixo de anteriores vagas.

O outro indicador asistencial de referencia, os casos positivos considerados activos, aínda segue falando de forte presión sobre outros puntos do sistema sanitario, como a Atención Primaria e o de rastrexo de contactos. A cifra aínda é notablemente elevada (seguían sendo máis de 18.600 ás seis da tarde do mércores) aínda que, en termos semanais, o crecemento acouga con moita claridade.

Na última semana, o Sergas notificou unha media diaria dunhas 3 mortes de persoas que contraeran a COVID. Con incidencias acumuladas semellantes, o pasado febreiro este indicador deu en superar as 25 mortes diarias

Ao tempo, as altas taxas de incidencia das últimas semanas seguen traducíndose agora en novos falecementos de persoas co coronavirus que, non obstante, se sitúan en cifras moi inferiores ás de vagas anteriores. A media dos últimos sete días con datos completos é de algo máis de tres mortes ao día de persoas coa COVID-19. O pasado febreiro, con incidencias acumuladas semellantes ás actuais, este indicador chegou a superar as 25 mortes ao día. O total sitúase agora en 2.481 persoas sempre tendo en conta, ademais, que non en todos os casos o virus é a causa directa do pasamento. [A metade dos falecementos con COVID en residencias da Xunta foron en centros xestionados por DomusVi]

Nestas claras diferenzas nos datos de hospitalización e falecementos ten unha importancia crucial o avance da vacinación. Non en van, segundo os datos máis recentes do Sergas, o 72,8% da poboación total de Galicia recibiu xa cando menos unha dose e practicamente dous terzos do total de habitantes (65,99%) teñen xa a pauta completa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.