- MAPA INTERACTIVO | Restricións da Xunta pola COVID dende o 7 de agosto
O Sergas notificou este mércores, 4 de agosto, 1.042 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. Foron uns 200 máis que no mesmo período anterior de vinte e catro horas pero, lonxe da repunta que puidera suxerir a foto fixa do día, os datos máis recentes constatan o acougo desta vaga estival da pandemia.
A media a sete días de infeccións activas diagnosticadas polo Sergas rolda as 1.100 e traza unha liña claramente descendente
En termos de días naturais, os últimos dous con datos completos dispoñibles (luns e martes) quedaron na contorna dos 850 casos novos, isto é, dous días seguidos con menos de mil por primeira vez dende o 12 e 13 de xullo. Ademais, a media a sete días de infeccións activas diagnosticadas xa traza unha liña claramente descendente, con arredor de 1.100 por xornada. Hai apenas unha semana, este indicador superaba as 1.300. Todo, mentres os datos máis recentes do Sergas apuntan a que Galicia está piques de ter dous terzos da súa poboación total con pauta completa da vacina, fito que previsiblemente superará esta semana. A porcentaxe é xa do 65,18% coa vacinación rematada.
A tendencia descendente é máis intensa nas áreas sanitarias cuxos ascensos máis destacaron na actual vaga, Ourense e Pontevedra-O Salnés, e apóiase tamén na mellora relativa dos datos entre a poboación de 12 a 19 e de 20 a 29 anos, dous dos grupos aínda menos cubertos pola vacina. Non obstante, como amosa o gráfico sobre estas liñas, o indicador da incidencia máis inmediata, a sete días, xa amosa liñas descendentes en seis das sete áreas, todas agás a da Coruña-O Salnés, o cal permite que o dato xeral galego tamén baixe e rolde agora os 287 casos novos por cada cen mil habitantes na última semana.
Como vén acontecendo nos últimos días, os empeoramentos das pasadas semanas aínda seguen traducíndose en incrementos intersemanais no número de persoas coa COVID-19 que precisan atención hospitalaria, aínda que esas subas seguen moderando o seu ritmo e os totais continúan sendo moi inferiores aos de vagas anteriores. As 303 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus que se rexistraban ás seis da tarde do martes eran 39 máis que unha semana antes e 46 delas estaban na UCI (hai sete días eran 30).
A carga asistencial, non obstante, si segue sendo moi elevada noutros puntos do sistema sanitario. A cifra de casos activos comezou tamén a aliviar nos últimos días, pero seguen sendo máis de 18.000, o que implica unha elevada presión para a Atención Primaria e mais para servizos como o de rastrexo de contactos.
Dende o comezo da pandemia, a presión hospitalaria veu reflectindo os empeoramentos epidemiolóxicos cuns dez días de marxe e o mesmo viña sucedendo, aproximadamente, coas cifras de falecementos de persoas coa COVID-19. Nesta ocasión, nun panorama marcado polo avance da vacinación, o número de persoas falecidas con test positivo do coronavirus comezou a aumentar despois dun intervalo de tempo máis prolongado e ademais, cando menos de momento, está a facelo cunha intensidade moi inferior á de anteriores vagas.
Nos últimos sete días, o Sergas notificou 24 mortes de persoas que contraeran a COVID
Nos últimos sete días, o Sergas notificou 24 mortes de persoas que contraeran a doenza e a media a unha semana vista pasou de apenas un falecemento por xornada a máis de tres. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a tendencia á alza é clara nas últimas xornadas, pero as cifras seguen sendo moi inferiores á da anterior vaga con datos de casos novos comparables.
O pasado febreiro, con datos de incidencia semellantes aos actuais (e comparables, dado que a capacidade diagnóstica era semellante), Galicia chegou a rexistrar unha media a sete días superior ás 25 mortes de persoas coa COVID cada día. Como adoito cómpre ter en conta, ademais, que non todas as persoas que morren co virus teñen a COVID como causa do seu falecemento. O total chega así a 2.479.