O pago a pacientes do Sergas que deben viaxar para tratarse deixa as pesetas: 30 euros diarios para aloxamento e comida

Máquina de radiodiagnóstico, en instalacións do Sergas CC-BY-SA Xunta

Coa nova normativa elévase o pagamento por quilómetro aos 15 céntimos fronte aos 12 actuais

Un decreto de hai 25 anos e unha orde de 2001 que establece as contías, aínda en pesetas, regula as compensacións que os pacientes do Sergas reciben polos seus desprazamentos ao seren derivados a centros de fóra do seu concello para algún tratamento. Á espera só de que sexa publicada no DOG, unha nova normativa actualizará en breve estes pagamentos e aumentará a cobertura dos gastos daqueles doentes -ou familiares- que se ven obrigados a ser atendidos fóra da súa localidade. 

Na actual normativa en vigor establécese que se abonarán 20 pesetas por quilómetro, equivalentes aos 12,02 céntimos que se pagan agora, unha cantidade que se elevará ata os 15 céntimos. Pero ademais, o Sergas abonará unha compensación de 30 euros por día a cada paciente para sufragar os gastos de comida e aloxamento se son derivados a outra área sanitaria ou fóra de Galicia. 

Unha paciente agarda na sala de espera dun hospital do Sergas CC-BY-SA Xunta

Os gastos de aloxamento e manutención do acompañante do doente tamén serán sufragados se o médico aconsella que non se desprace só

Como gran novidade, tamén será custeados os gastos de aloxamento e manutención dun acompañante do doente sempre que este sexa menor de idade, unha persoa con discapacidade igual ou superior ao 66% ou incapacitada legalmente. Ou, ademais, no caso de que o médico aconselle o paciente que se desprace acompañado, tal e como adiantara xa o Faro de Vigo.  

Estas axudas para hospedaxe e manutención pagaranse no caso de que o centro sanitario ao que se viaxe estea a máis de 100 quilómetros da área asignada ao doente ou no caso de que precise recibir asistencia ás 24 horas seguintes logo de ser atendido nun centro fóra do seu ámbito. Abonaríanse 30 euros por persoa -o propio doente e un acompañante como máximo- e o limite mensual será de 450 euros mensuais por cada unha delas

En canto aos gastos por desprazamento, e no caso de que a viaxe sexa en avión, a Consellería de Sanidade pagará o billete de ida e volta, cun máximo de 300 euros por persoa e en clase turista. Se o desprazamento é en tren ou autobús, abónase o importe dos billetes se é inferior ao que suporía o gasto por quilómetro indo por estrada. 

Se o tratamento a recibir é dentro da mesma área sanitaria, o desprazamento será compensado no caso de rehabilitación, diálise, quimioterapia e radioterapia e outros contra o cancro, algo que xa se abonaba ata agora. Ademais, pagarase a quilometraxe se o tratamento supón un número de viaxes igual ou superior a oito nun período de 30 días. 

Paciente nunha sesión de rehabilitación CC-BY-SA Xunta

A normativa inclúe tamén os pacientes derivados a outra área sanitaria ou a outra comunidade autónoma para diagnosticar ou confirmar unha enfermidade rara, obter unha segunda opinión ou recibir tratamento para algún destras doenzas que afectan unhas 200.000 persoas en Galicia. Cúmprense así cunha demanda histórica destes pacientes e das súas familias

Para solicitar calquera destas compensacións haberá que presentar unha solicitude por vía electrónica a través dun formulario da Xunta e achegar documentación, entre ela un xustificante do centro onde se levou a cabo o tratamento que indique as datas, así como facturas e xustificantes que demostren o uso de tren, avión ou bus ou o gasto en comidas, aloxamento ou alugueiro. 

Nos últimos anos, o gasto do Sergas en abonar as compensacións por desprazamento foi de arredor de 2,4 millóns por exercicio. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.