O BOE fai oficial a incorporación de acuíferos baixo terra como o galego ao catálogo de espazos con escasa intervención humana
O Pedregal de Irimia xa é un dos 22 acuíferos de todo o Estado que integran a nova categoría de reservas hidrolóxicas subterráneas que vén de crear o Goberno de España. Así o fixo oficial este venres o Boletín Oficial del Estado.
Ata agora as reservas hidrolóxicas, espazos con escasa intervención humana a protexer, só incluían treitos de ríos, unha vintena en Galicia, pero agora incorpóranse tamén espazos lacustres e subterráneos, como o pedregal, un dos dous espazos que se disputan ser o nacemento do río Miño.
O espazo agora protexido non se limita ao pedregal visible senón que abarca tamén a súa contorna, un total de 140 hectáreas, que xa estaba protexida por outras figuras como a reserva da biosfera. A documentación coa que se tramitou a inclusión do pedregal na nova lista salientou o feito de que se pode escoitar a auga correr baixo o pedregal, cuestión que noutro proxecto paralelo a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil quere poñer en valor coa instalación dun punto de interpretación que permita achegarse mellor ao lugar.
Ademais do pedregal, tamén se incorporan ás reservas hidrolóxicas fluviais dous novos treitos de ríos galegos, no Xares e o San Xil, os dous no leste da provincia de Ourense
Por outra banda, as reservas hidrolóxicas fluviais existentes ata agora en Galicia eran 13 na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa (principalmente no Ulla e os seus afluentes, e na Mariña) e as restantes na demarcación do Miño-Sil. Agora nesa categoría de reservas fluviais incorpóranse 26 novos espazos en todo o Estado, dous deles en Galicia, un de 33 quilómetros de lonxitude no río Xares e outro de 5 quilómetros no río San Xil, os dous no leste da provincia de Ourense.
A actualización do catálogo de reservas hidrolóxicas agora aprobada tamén inclúe por primeira vez espazos lacustres, un total de 19 en todo o Estado. Destes non hai aínda ningún en Galicia, pero si dous nas proximidades, un deles con influencia nas concas hidrográficas galegas. É o complexo dos lagos da Baña, en León, xunto a Carballeda de Valdeorras, dentro da demarcación Miño-Sil. O outro é o lago de Seabra, en Zamora, na demarcación do Douro.