Pere Mayans (L'Hospitalet de Llobregat, 1963) é licenciado en Filoloxía Catalá, posgraduado en Xestión da diversidade lingüística e cultural e catedrático de Lingua e Literatura Catalá no ensino secundario. Tamén xefe de Servizo de apoios e recursos lingüísticos da Conselleria d'Ensenyament da Generalitat de Catalunya, participou en Compostela nunhas xornadas sobre a situación do galego na escola aos dez anos da aplicación do decreto do plurilingüismo, organizadas por CIG-Ensino e a AS-PG. Antes, falou con Praza.gal sobre o proceso de normalización das linguas minorizadas e sobre o seu futuro.
O seu relatorio titúlase A escola no proceso de normalización lingüística do catalán en Catalunya. Segue a ser clave o papel do ensino na normalización dun idioma?
É importante reflexionar sobre o peso da escola no proceso de normalización, sobre todo nun momento no que ese peso non é mesmo que tiña a finais do século pasado, durante todo o século XX ou máis atrás. Ata tempos ben recentes, a escola érao practicamente todo para o alumno. As linguas nacionais ou estatais, naqueles territorios onde non se falaba esa lingua doi Estado, impóñense porque a escola é o referente básico onde se forman os cidadáns. No caso do catalán, o galego ou o vasco, cando accedemos á posibilidade de facer ensinanza nestas linguas, o peso da escola nos usos lingüísticos, nos referentes culturais ou na educación non formal é xa menos importante. A tal hora, os inputs lingüísticos e o comportamento lingüístico do noso alumnado non é exactamente, nin moito menos, ao de hai anos, onde o peso da escola era fundamental.
"O peso da escola no comportamento lingüístico do alumnado non é o de hai anos, nin moito menos; daquela o peso do ensino era fundamental"
Digamos que a rapazada ten moito máis influxo doutros ámbitos e que a escola non é tan importante?
É importante, claro que si, porque é o único espazo onde das a posibilidade de aprender a lingua do territorio en concreto, a única oportunidade de aprendela formalmente, a ler, a escribir... A escola é facilitadora de coñecemento, pero calquera política que só se basee na escola como o elemento normalizador ten agora unha competencia no uso da lingua maioritaria ou de mellor posición como nunca tivera antes. Hai exemplos claros...
Como cales?
Nos anos 80 e 90, os pequenos tiñan unha posibilidade de consumo televisivo onde a presenza do galego, do éuscaro ou do catalán nos seus territorios era bastante equiparable ao do castelán. Na actualidade, coas plataformas dixitais, a presenza das nosas linguas non é que sexa minoritaria, senón que é absolutamente minoritaria. E non é minoritaria a oferta, senón tamén o consumo que fan os nosos nenos e mozos de produtos culturais nas nosas linguas, A presenza da lingua do Estado, do castelán, é omnipresente. A escola é potente pero non é omnipotente. En calquera política lingüística é importante manter a lingua do país como lingua de referencia no sistema educativo, pero se deixamos de lado o resto dos ámbitos sociais, seguramente a conciencia de moito alumnado será a dun idioma que se emprega na escola mentres hai outra na que consome produtos culturais modernos, música e demais... A educación é importante pero coa educación non temos dabondo. Non é a única responsable da normalización. Se non hai outras cousas, non iremos cara adiante.
"O ensino é importante no proceso de normalización lingüística, pero co ensino non temos dabondo, fan falta moitas outras cousas"
Neses ámbitos de ocio e culturais dos que fala os poderes públicos teñen máis difícil actuar?
É máis complicado porque hai unha presión dos mercados, de toda unha industria cultural á que lle interesa moito máis que todo sexa homoxéneo e non tanto a diversidade. Aínda así, como puidemos comprobar con algunha serie en galego ou en catalán, as posibilidades que temos a nivel técnico de ofrecer tamén o produto nas nosas linguas son grandes. O que ocorre é que o mercado tende a simplificar e os poderes públicos han de traballar nesta liña, aínda que tampouco nos axuda o feito de non ter unha normativa nin unhas leis claras a nivel estatal. Con todo, non debemos renunciar; debemos seguir traballando e vendo as posibilidades de colaborar con todas estas plataformas dixitais, por exemplo.
Dá a impresión de que calquera medida de protección ou normalización dunha lingua é vista por algúns colectivos como un ataque á liberdade...
Mentres o francés ou o español teñen leis que protexen as súas linguas ante outras, algo que é normal, as linguas que non temos un referente estatal sempre temos a presión de grupos que consideran que é unha imposición protexer a túa lingua no teu propio territorio. Por facer a metade do que fan as linguas estatais sempre somos acusados, sistematicamente, de querer impoñer, de non respectar os dereitos individuais... No caso do ensino catalán é sempre así, sempre se nos acusa de impoñer o catalán... Se non o impoñemos nese ámbito, onde o imos impoñer? No entanto, os catalánfalantes que hai en Aragón non teñen dereito ao ensino en catalán. Daquela, as persoas non teñen os mesmos dereitos estean onde estean? Vese que non. Hai problemas, non só pola política, senón pola contorna económico-política que hai arredor da escola... E a pobre escola queda sempre no medio.
"Sorprendíame moito de neno ver como os pais galegos dos meus compañeiros falaban entre eles en galego pero non llelo falaban aos fillos"
En Catalunya non é anormal ver rapaces falando entre eles en catalán malia ser de familia castelánfalante, mentres que en Galicia o fenómeno é moitas veces ao contrario: os rapaces falan en castelán malia ter o galego como lingua habitual na casa.
É certo que, no contexto escolar e especialmente en Primaria, si é posible esa interacción entre os rapaces en catalán, pero en Secundaria baixa bastante e, na sociedade en xeral, aínda máis. Non se conseguiu que ese fenómeno se xeneralice, nin moito menos. Respecto do que di do galego, eu son de L'Hospitalet de Llobregat e tiña moitos compañeiros na escola que eran fillos de galegos. Sorprendíame moito xa daquela que seus pais falasen entre eles en galego pero aos seus fillos non llelo falasen. Os catalánfalantes, en xeral, mantivemos a lingua e por iso me sorprendía moito aquilo, pero non tiña capacidade para preguntar e entender por que ocorría. Pasaba o que pasa aínda hoxe con moita xente: a lingua dominante era o castelán e as familias optaban por iso para evitarlles os problemas que eles tiveran, posiblemente, tamén co galego cando eran cativos.
En Galicia ocorría tamén coa emigración interior das aldeas e vilas ás grandes cidades...
Certo. Visto desde fóra, era unha cousa que me sorprende moito ao ir a cidades como Vigo. Toda a xente me explicaba que isto ocorría ao pasar a vivir nun contexto social onde a lingua dos que progresaban non era o galego senón o castelán. Aquí en Catalunya sempre foi un pouco diferente porque, polo xeral, as clases económicas máis privilexiadas non se pasaron ao castelán, agás as dun nivel máis alto, que si o fixeron durante o franquismo. En xeral, non houbo deserción lingüística, mesmo hai casos curiosos de xente que nos anos 60 falaba aos fillos en castelán pero que tras a Transición pasaron a falarlles en catalán. No fondo, todo o mundo quere falar aquela lingua na que pensa que pode progresar mellor socialmente... Agora atopámonos con políticos ou profesores de universidade que optan por falarlles en inglés aos fillos e isto, que podía ser unha anécdota, xa non o é porque se repite demasiado.
Que futuro lle ve a linguas minorizadas como o catalán, o galego o éuscaro neste mundo globalizado?
Hei de dicir, antes de nada, que a porcentaxe de catalanfalantes iniciais en Catalunya é moitísima máis baixa do que se pode pensar desde, por exemplo, Galicia. Non o temos fácil. Logo de que se nos acuse desde fóra de impoñer o catalán, de non respectar dereitos e demais, a situación da lingua é a que é e o castelán non desapareceu, nin moito menos. Convido a toda esta xente que fala desde fóra da situación lingüística a que escoite as conversas na rúa, por exemplo, en Barcelona. De cara ao futuro? Debemos ser consecuentes e coherentes e debe haber continuidade co que facemos na escola, así como ser esixentes co mantemento da lingua en diferentes ámbitos sociais e profesionais. Falo por exemplo de polémicas que chegan por casos como ese de Balears no que se criticaba que se esixise aos profesionais médicos saber catalán. Acaso unha persoa que fale catalán e á que lle custe expresarse en castelán non debe ter os mesmos dereitos que o resto? Estamos chegando a un nivel no que, nalgúns restaurantes ou locais de territorio onde se fala catalán, pregúntanche estrañados cando pides algo en catalán pero contestan sen problema se llelo pides en inglés. A pesar do que se diga, debemos ser esixentes no cumprimento da lei, apelar á responsabilidade dos falantes e incorporar as novas migracións á lingua, neste caso, catalá. Debemos ter claro que a lingua de cohesión social, a que dá igualdade de oportunidades é o catalán e iso non implica non aprender castelán ou non sabelo, nin moito menos.
"Galicia ten unha grande oportunidade potenciando a intercomprensión co portugués e non a súa separación"
Desde fóra, como ve a situación do galego no futuro?
Galicia ten unha cousa que non temos nós e que é unha oportunidade, a de poderse relacionar con moitos millóns de persoas mediante a intercomprensión co portugués. Quedei impresionado unha vez, estando en Galicia, cando vin como un xornalista galego entrevistaba un futbolista brasileiro en castelán. Alí decateime de que igual estabades perdendo unha grande oportunidade moi importante para darlle á lingua galega este mercado que as linguas minoritarias, por desgraza, non temos. Potenciar a intercomprensión e non a separación do portugués e do galego creo que sería moi importante.