A situación do galego no ensino, a debate esta fin de semana en Compostela

Aula nun instituto galego Dominio Público IES da Cañiza

Ao pouco de cumprírense dez anos da histórica mobilización de Queremos Galego contra a politica lingüística de Feijóo e o decreto de plurilingüismo, unhas xornadas analizan en Santiago a situación do galego no ensino, así como o seu proceso de normalización comparado co do catalán e o éuscaro

Expertos na política lingüística en Euskadi e Catalunya participarán nas xornadas que avaliarán a situación do galego aos dez anos do decreto do plurilingüismo

Organizadas pola CIG-Ensinio e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), as xornadas terán lugar este sábado no  IES As Fontiñas e contarán coa presenza da profesora e escritora Pilar García Negro, de Pere Mayáns, xefe de Apoio e Recursos lingüísticos do departamento de Enseyament de Catalunya, e Paul Bilbao, secretario xeral do Kontseilua de Euskadi, así como de varias docentes galegas en activo que puxeron en marcha diferentes proxectos de fomento do galego nos seus centros.

Os debates tratarán de avaliar a situación do galego ao cumprirse unha década da aplicación do decreto de plurilingüismo e á vista dos últimos datos do IGE que "demostran o declive que sofre a nosa lingua" e ante "unha  administración que nin sequera cumpre co mandato do propio decreto de avaliar e poñer os medios para que isto non se dea", como destaca a CIG. 

Cartel das xornadas sobre o galego no ensino CC-BY-NC-SA CIG-Ensino

"Pretendemos reflexionar sobre a situación da nosa lingua no ensino e tratar de tomar iniciativas para reverter esta situación", explican os organizadores, que non pretenden "constatar unha desfeita ou un baleiro", senón "abrir as portas a un novo tempo", conforme consta no título da intervención da profesora e escritora Mercedes Queixas Zas, a través das "experiencias normalizadoras do profesorado do ensino público (baseadas en accións individuais) naqueles ámbitos nos que o decreto máis negativamente incidiu: Educación Infantil, Matemáticas, Actividades complementarias, Equipos de Dinamización da Lingua Galega ou no Plan Lingüístico de Centro". 

"Pretendemos reflexionar sobre a situación da nosa lingua no ensino e tratar de tomar iniciativas para reverter esta situación"

Nas xornadas, preténdese tamén dar unha mensaxe "en positivo" sobre as iniciativas levadas a cabo por docentes, polo que se analizarán proxectos en base a cinco ámbitos: Como reverter a situación do galego en Educación Infantil? Como loitar contra a prohibición do galego na área de Matemáticas, como desenvolver actividades complementarias normalizadoras desde as bibliotecas dos centros, como implicar o alumnado en actividades normalizadoras organizadas e/ou coordinadas polos reconvertidos ENL en EDLG e como desenvolver os PLC a través do tratamento integrado de linguas fuxindo do reparto do 33%?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.