Dende o pasado 13 de novembro Praza.gal vén relatando a través da conta de Twitter @Prestige20anos a crise medioambiental e política producida polo afundimento do petroleiro en 2002 e a reacción social á que deu lugar e que denunciaba a mala xestión do sinistro e o ocultamento da situación á opinión pública. Fixémolo nun falso directo, tentando axustar as publicacións á día e hora en que os distintos acontecementos se foron sucedendo.
Así, pouco despois das tres da tarde dese 13 de novembro demos conta de que un petroleiro situado a 28 millas de Fisterra viña de lanzar unha mensaxe de socorro. Nos días seguintes fomos publicando as novas sobre os cambios de rumbo do buque accidentado e o seu paseo pola costa, a chegada das primeiras manchas de fuel ao litoral, as optimistas e incorrectas declaracións dos representantes dos gobernos galego e español e as primeiras críticas e protestas sociais, dende o peche na Casa da Cultura de Laxe e a creación de Nunca Máis e Burla Negra ata a manifestación do 1 de decembro en Compostela.
E así continuamos ao longo de decembro, enumerando os feitos que se ían sucedendo, co incremento da mobilización social e da autoorganización da sociedade en paralelo á chegada dunha e doutra marea negra á costa galega. Este 31 de decembro, coincidindo co peche do ano finalizamos tamén as actualizacións da conta Prestige 20 anos.
Foron un total de 275 chíos que sumaron algo menos de 300.000 visualizacións en Twitter. Máis aló do impacto maior ou menor deste experimento, quixemos que a iniciativa servise para traer ao presente uns feitos que deben ser coñecidos e lembrados pola sociedade galega, tanto nas súas liñas xerais coma nos seus acontecementos máis puntuais, que queriamos rescatar con este minuto a minuto.
A conta estaba pensada para que as persoas que viviron aqueles feitos en directo os lembrasen e para que o fixesen, ademais, cunha ilusión de inmediatez, tentando revivir as sensacións que tiveran nese momento. Pero, sobre todo, buscaba que as novas xeracións, as persoas que mesmo non naceran no ano 2002 ou eran moi cativas, puidesen ter unha visión máis ampla do sucedido.
No berro de "Nunca Máis" estaba, por suposto, a demanda de que algo como aquilo non volvese suceder. Pero, implicitamente, inclúe a esixencia de que aquilo non se esqueza, pois é a memoria desa catástrofe o mellor escudo para estarmos seguros de non volver sufrir a traxedia que fixo calar o mar.
Co relato diferido, cronolóxico e detallado dos feitos quixemos honrar aos heroes e heroínas daquelas semanas: as xente do mar que frearon a marea negra coas súas propias mans, os milleiros de voluntarios que baixaron limpar as praias, as persoas que se mobilizaron nas rúas e nos seus centros de traballo... Pero, tamén, queriamos poñer de novo o foco nos erros de xestión e nas eivas de comunicación (ás veces, directamente mentiras lanzadas dende as estruturas de poder) que marcaron aquelas datas.
Pechamos, pois, a iniciativa, esperando que fora útil, agradable, emocionante ou cando menos interesante. Porque ás veces para contar o presente hai que botar un chisco a vista atrás.
Gustouche este proxecto?
Editamos un xornal plural grazas ao apoio das socias e socios. Dende moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas. Podes optar por unha cota mensual ou faceres unha achega puntual, agora tamén con tarxeta ou a través do Bizum. Ata o 80% do que achegues vénche de volta na declaración da renda.