Máis de 500 mestres e mestras que exercían a súa profesión na provincia da Coruña en 1936 foron represaliados e represaliadas polas autoridades golpistas, a maior parte sendo destituídos ou trasladados, pero tamén a través dunha represión física (tortura, cárcere, exilio...) que acabou co asasinato ou a execución de 26 deles. Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés (Galaxia) afonda na represión sufrida polo profesorado da provincia a partir de 1936, afondando especialmente na represión administrativa (as depuracións) que se levou a cabo de maneira organizada e sistemática.
Máis de 500 mestres e mestras da Coruña sufriron a represión física ou administrativa, e 26 deles foron asasinados
Os grupos que apoiaron a sublevación militar contra a democracia republicana vían no ensino e sobre todo no ensino laico impulsado pola Segunda República un dos grandes males que aqueixaban ao país e consideraban os mestres e mestras os principais axentes dese proxecto de modernización. Necesitaban, ademais, que as persoas que impartisen docencia comungasen coa ideoloxía nacionalcatólica que o novo Estado franquista quería inculcar.
O profesorado foi, polo tanto, un dos principais obxectivos da represión franquista, unha represión á que a revista Sarmiento dedicou un número especial hai un par de anos. As depuracións de mestres e mestras enmárcanse dentro do conxunto de mecanismos de control social e de mobilización da poboación ao seu favor levados a cabo polo Franquismo en Galicia e que abranguían a todos os ámbitos e niveis da sociedade, pero que se cebaron naqueles colectivos que estiveran en primeira liña das transformacións sociais dos anos anteriores, dende os alcaldes e concelleiros ata outros traballadores que formaban parte "da xeración máis activa e capaz de achegar cousas novas" que, en palabras de Emilio Grandío, "quedou anulada en 1936". Falamos con Narciso de Gabriel, catedrático de Historia da Educación na Universidade da Coruña e ex-decano da Facultade de Ciencias da Educación (2005-2012).
Podemos dicir que a represión franquista se cebou especialmente co profesorado, máis aínda que con outros colectivos, polo papel clave que tivera o ensino no proceso de modernización da sociedade? Que importancia xoga a laicidade da educación na Segunda República, tendo en conta que a escola fora ata entón case un monopolio da Igrexa?
A represión tivo un carácter global e afectou a todas as persoas que non se resignaron á sublevación militar. Polo tanto, o espectro ideolóxico das persoas obxecto da represión era moi amplo. No caso do maxisterio e en xeral de todas as persoas que traballaban na administración pública, ademais da represión física -asasinatos, torturas, encarceramentos, mestres que tiveron que agocharse ou que exiliarse- houbo unha represión administrativa, as depuracións profesionais.
"Os franquistas consideraban que o profesorado, encargado de formar ás novas xeracións de españois, tiña que ser afecto ao seu ideario, polo que iniciaron un proceso de depuración sistemático"
Os franquistas consideraban que o profesorado, encargado de formar ás novas xeracións de españois, tiña que ser afecto ao seu ideario, polo que iniciaron un proceso de depuración sistemático. Aínda que ás veces se aducían motivos profesionais, as razóns principais foron de carácter político-ideolóxico. O título de Vermellos e laicos recolle os eixos fundamentais das acusacións que se dirixiron contra os mestres que foron represaliados.
Eran sindicalistas, afiliados principalmente á Asociación de Traballadores do Ensino; ou ben tiñan relación coa Fronte Popular ou con calquera dos partidos que a formaban, dende o socialismo a Izquierda Republicana ou ao galeguismo; ou ben era acusados de laicismo. O laicismo era unha práctica que estaba establecida pola Constitución da República e polo tanto os mestres estaban obrigados a aplicala. O espectro político das persoas contra as que se dirixía a represión chegaba ata as persoas que defendían o liberalismo democrático.
Como se levou a cabo esa represión? Cando comezou e ata cando se mantivo?
A represión tivo varias fases. Unha primeira no verán de 1936, na que as depuracións foron dirixidas polo delegado militar de instrución pública, Jesús Quiroga, e polo reitor da Universidade de Santiago. En total, foi sancionado coa súa destitución ou con suspensión de emprego e soldo o 32% dos mestres e o 8% das mestras que exercían no ensino público nese momento. Nesa primeira fase concentrouse tamén o groso da represión física, e en total foron asasinados na provincia da Coruña 24 homes e 2 mulleres que nese momento exercían como mestres e mestras. A maior parte foron asasinados nese verán do 36, pero tamén houbo asasinatos en 1937 e mesmo en 1941.
"A segunda fase da represión foi comandada polas comisións depuradoras provinciais, que tiñan que solicitar catro informes sobre os mestres: un ao alcalde do concello, outro ao párroco do lugar, outro á Garda Civil e outro a un pai de familia"
A segunda fase da represión foi comandada polas comisións depuradoras provinciais, constituída na Coruña o 1 de decembro de 1936. Esa comisión tiña que solicitar catro informes sobre os mestres: un ao alcalde do concello, outro ao párroco do lugar, outro á Garda Civil e outro a un pai de familia. En función da información recollida, que era sobre todo información de carácter político-ideolóxico, elaborada unha proposta de sanción, que era habitualmente admitida polo Ministerio, publicada primeiro no BOE e despois, dada a gran cantidade de sancións, pasaron a publicarse nos boletíns oficiais provinciais.
Comezaron a publicarse sancións en 1937 e as últimas publicáronse en 1942 e nese período foron sancionados máis de 500 mestres na provincia da Coruña, que representaban ao redor do 47% dos homes e do 13% das mulleres. Por suposto, estas son cifras mínimas, porque seguramente houbo algunha sanción máis que non foi recollida nos boletíns.
Que tipo de castigos e sancións se impoñían? Foron permanentes ou unha parte dos mestres e mestras puido volver exercer?
"A sanción máis frecuente foi a separación definitiva do maxisterio, que afectou a unha de cada tres persoas represaliadas. A suspensión temporal de emprego e soldo afectou ao 29% e o traslado ao 22%"
A sanción máis frecuente foi a separación definitiva do maxisterio, que afectou a unha de cada tres persoas represaliadas. A suspensión temporal de emprego e soldo afectou ao 29% e o traslado (a outro lugar dentro da provincia, a outra provincia galega ou mesmo fóra de Galicia) afectou ao 22%. Moitos foron separados do ensino permanentemente, pero algúns recorreron e conseguiron ser readmitidos, sobre todo unha vez que os nazis foron derrotados na Segunda Guerra Mundial. Algúns conseguírono despois de moitos anos de reclamacións, como José Toba Fernández, mestre que fora concelleiro do Partido Galeguista no Concello de Santiago en 1936. Moitos dos suspendidos exerceron o ensino particular, en moitos casos con atrancos.
Como foi o traballo de investigación para dar coa información concreta das persoas depuradas? Tes previsto continuar a investigación?
"Algúns conseguiron ser readmitidos, sobre todo unha vez que os nazis foron derrotados na Segunda Guerra Mundial. Moitos dos suspendidos exerceron o ensino particular, en moitos casos con atrancos"
O traballo de investigación realizouse principalmente a través da revisión do Boletín Oficial do Estado e dos Boletíns Oficiais da Provincia, e tamén da prensa da época. E, sobre todo, a través da información contida no Arquivo Xeral da Administración de Alcalá de Henares, onde se conservan os expedientes das depuracións efectuadas en todos eses anos.
Nestes momentos estou rematando un libro que é complementario deste e que se vai centrar en 10 historias de mestres e mestras que foron represaliados e despois asasinados, entre eles Arximiro Rico Trabada, do que xa realicei unha investigación hai anos con Xosé Manuel Sarille.