Dende a última semana de febreiro o IES As Lagoas (Ourense) veu acollendo protestas do alumnado e as súas familias contra unha profesora de Matemáticas pola forma en que esta docente imparte a materia de 4º de ESO e 1º de Bacharelato e polas cualificacións que outorga
Dende a última semana de febreiro o IES As Lagoas (Ourense) veu acollendo protestas do alumnado e as súas familias contra unha profesora de Matemáticas pola forma en que esta docente imparte a materia de 4º de ESO e 1º de Bacharelato e polas cualificacións que outorga. A protesta, que encheu a contorna do centro de ensino de necrolóxicas denunciando a morte do "dereito a aprender matemáticas", criticaba o que consideraban unha "mala praxe docente" que poñía en risco unhas "notas medias" que "condicionarán o seu futuro inmediato".
As familias remitiron tamén unha reclamación á Consellaría de Educación na se queixaban da "maneira en que a profesora imparte as clases", criticaban "a pésima explicación do temario" e denunciaban os "cuestionables modais cos que se dirixe ao alumnado", afirmando que a mestra considera "disruptivos" os alumnos que fan preguntas e que se negaba a explicar o que estes non entendían.
Pais e nais iniciaron mobilizacións semanais ante o centro -todos os mércores ás 11 horas-, esixindo a dimisión da mestra e da directora do instituto e alertando do impacto das baixas cualificacións obtidas polo alumnado na materia, que "prexudica a media e failles imposible facer unha boa EBAU e entrar na carreira que elixan". O Inspector de Educación propuxo unha conciliación entre as familias, a mestra e o centro. E a dirección do instituto apoiou a continuidade da docente, despois de confrontar con ela as críticas recibidas.
A dirección do instituto apoiou a continuidade da docente, despois de confrontar con ela as críticas recibidas e denunciou o "acoso e derribo" iniciado por algunhas familias
A través dun comunicado publicado na web do IES As Lagoas, a directora denunciou as "graves acusacións infundadas e a ataques persoais totalmente fora de lugar nunha comunidade escolar, que están alterando a vida do centro e constitúen un acto de auténtico acoso e derribo". E o Claustro docente do centro quixo "dicir basta" ás "imposicións e inxerencias nos centros de certo tipo de familias que queren que se impoña o seu criterio e a súa forma de facer as cousas" e alertou da "indefensión pública que soportamos ante as acusacións gratuítas dalgúns usuarios".
A situación rematou coa baixa da profesora e a chegada dun substituto que contentou as familias, que sinalaron que "por fin os nosos fillos van ao instituto sen presión, sen dor de estómago, sen dor no peito".
Manifestación 'Pola dignidade do profesorado'
A situación rematou coa baixa da profesora e a chegada dun substituto que contentou as familias
Porén, a situación creada espertou entre a comunidade docente a solidariedade coa mestra obxecto das críticas e a preocupación pola "indefensión" en que traballa o profesorado ante estas campañas. A Xunta de Persoal Docente de Ourense convocou unha manifestación, que este mércores percorreu as rúas da cidade cunha participación masiva e baixo o lema "Pola dignidade do profesorado".
O presidente da Xunta de Persoal, Bieito Pereira Conde, sinalou que nas protestas das familias superánronse “todas as liñas vermellas ao entrar na descualificación persoal, o sinalamento público, o empapelamento do centro con consignas nas que se pon en cuestión a súa profesionalidade e o amedrentamento directo".
A situación creada espertou entre a comunidade docente a solidariedade coa mestra obxecto das críticas e a preocupación pola "indefensión" en que traballa o profesorado ante estas campañas
Pola súa banda, CIG-Ensino denunciou que a orixe da "campaña de difamacións" estivo na actitude dunha familia "tras a súa desconformidade coas cualificacións do seu fillo". E criticou a "estratexia de acoso" a partir de "difamacións vertidas nos medios de comunicación e nas redes sociais".
Na marcha, que rematou diante da Dirección Territorial da Consellaría de Educación, escoitaronse consignas como “O IES das Lagoas somos todos e todas” ou “Non ás agresións, si ás solucións” ou “Precisamos protección da inspección”. No manifesto final sinalouse que a actuación desta familia supón “un ataque directo e sen escrúpulos á hora de procurar os seus fins contra unha compañeira, contra o profesorado en xeral e contra os centros de ensino públicos, agredindo de forma infame ao profesorado e á dirección deste instituto”.
CIG-Ensino denunciou que a orixe da "campaña de difamacións" estivo na actitude dunha familia "tras a súa desconformidade coas cualificacións do seu fillo"
Así mesmo, no texto lido ao final da marcha alertouse de que se "está poñendo en tela de xuízo a imparcialidade do profesorado e cuestionando a nosa dedicación incansable ao traballo nas aulas, co que se procura mellorar sempre a calidade da educación, entendendo esta como único garante da igualdade de oportunidades que representa o ensino público”.
Tamén se pediu explicitamente que as autoridades educativas interveñan de forma contundente para protexer a docente afectada pero tamén o resto de profesorado que sofre situacións semellantes e para esixir que se cumpra a norma e os procedementos a respecto da reclamación de cualificacións. “A inspección, a Dirección Territorial e a Consellaría non poden permanecer en silencio mentres nos atacan e difaman, impasíbeis mentres denuncian con mentiras", sinalouse.
A masiva manifestación do profesorado denunciou as "agresións" e criticou o "silencio" da Xunta "mentres nos atacan e difaman, impasíbeis mentres denuncian con mentiras"
O manifesto subliñou finalmente que a dignidade do profesorado “hai que defendela, engrandecela e agradecela por tratarse de profesionais fundamentais no desenvolvemento das sociedades”. "O profesorado pon todo o seu saber ao servizo dos demais e fai un traballo honesto resolvendo día tras día mil cuestións que van máis alá da impartición dunha materia. Non hai profesión que teña unha maior responsabilidade de futuro”, engadiuse.