A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denuncia a falta de profesorado, sobre todo de especialistas para a atención á diversidade en infantil e primaria
"Nin recortes nin propaganda". Alumnado, familias e persoal docente chegado de todo o país manifestouse este sábado en Santiago convocados pola Plataforma Galega en defensa do ensino, que nas últimas semanas veu chamando a atención "ante a falta de profesorado", sobre todo de especialistas para a atención á diversidade e pola "desatención absoluta" ás demandas de alumnado e profesorado dos centros.
A marcha, que partiu da Alameda ás 12 do mediodía, finalizou na Praza de Praterías, onde se escoitaron berros a prol do "ensino de calidade para toda a sociedade", "máis profesorado e menos saturación" e reivindicacións específicas relativas á dotación de profesorado especialista para a atención á diversidade nos colexios de infantil e primaria e para as problemáticas das escolas rurais. Máis de catro mil persoas participaron na mobilización, segundo a organización.
A Plataforma reclama "unha reacción conxunta e contundente de toda a comunidade educativa, que non acepta parches nin remendos e na que se unan todas as reivindicacións, de todas as etapas educativas, de todos os colectivos"
Ao remate da marcha, representantes de alumnado, das familias e das docentes leron un manifesto no denunciaron situacións como que haxa alumnado que teña que "cursar materias de 2ºde Bacharelato a distancia", que "non se realicen desdobre"s nin se autoricen programas de diversificación curricular ou FP básica "sobre todo nas vilas e no rural". Tamén criticaron que "se incumpran as escasas medidas comprometidas pola Xunta ao respecto da redución de ratios nas aulas mixtas ou cando exista alumnado repetidor, con discapacidade e ou dependencia".
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público reclama "unha reacción conxunta e contundente de toda a comunidade educativa, que non acepta parches nin remendos e na que se unan todas as reivindicacións, de todas as etapas educativas, de todos os colectivos".
“A realidade dos centros non fai máis que desmontar a propaganda da administración”, sinalou Isabel Calvete, presidenta de ANPAS Galegas
As organizacións que conforman a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público -CIG-Ensino, ANPAS Galegas, ERGUER, Asociación Socio-Pedagóxica Galega /AS-PG), BNG e Galiza Nova- denuncian que este inicio de curso “está sendo caótico, inzado de propaganda e cunha falta de persoal e recortes que afecta a cando menos medio milleiro de centros educativos, é dicir case a metade dos centros públicos existentes no país".
As organizacións convocantes acusan á Consellaría de Educación de "mentir" ao asegurar que este curso "hai máis profesorado ca nunca"
“A realidade dos centros non fai máis que desmontar a propaganda da administración”, sinalou hai uns días pola súa banda Isabel Calvete, presidenta de ANPAS Galegas, na presentación da mobilización deste sábado. Neste senso, as organizacións convocantes acusan á Consellaría de Educación de "mentir" ao asegurar que este curso é o da “maior modernización do sistema educativo galego” ou ao defender "que hai máis profesorado ca nunca".
“Para as miles de docentes que levan anos soportando unhas condicións de traballo que, ou ben non tiveron ningunha mellora neste curso ou ben son claramente insuficientes”, esas afirmacións son “algo máis que unha falsidade, son unha falta de respecto porque afirman o contrario do que se afronta a diario nos centros e nas aulas”, sinalan.
A Plataforma denuncia que se dotou aos centros con "80 docentes menos de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe que no curso pasado"
A falta de persoal afecta directamente a un gran número de centros, como relataron as comunidades educativas de moitas das escolas afectadas, que participaron na mobilización deste sábado. O feito de que se dotasen os centros con 80 docentes menos de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe que no curso pasado, que non se atendesen máis dunha trintena de solicitudes de prazas de atención preferente ou que menos do 30% dos centros vaian contar cun reforzo do programa PROA+ e que sexa unicamente con docentes a media xornada “son exemplos evidentes das demandas non atendidas por parte da Consellaría”, afirman dende a Plataforma.
A Plataforma rexeita ademais o “forte e descontrolado” incremento da oferta privada da FP e as restricións para que non aumente a oferta na rede pública. Unha situación que provoca que “cada ano o alumnado teña que optar polo ensino privado cando os poderes públicos deberían garantir unha oferta pública e gratuíta suficientemente ampla”.
"Non queremos privilexios, non queremos tratos de favor, nin desde as alcaldías nin desde San Caetano. Queremos o que en xustiza nos corresponde: unha educación en igualdade, con todos os recursos, con políticas avanzadas, con inclusión e con orzamentos reais”, conclúe a Plataforma
A comunidade educativa denuncia o incumprimento das redución das ratios por discapacidade ou nas aulas mixtas "que afecta maioritariamente aos centros do rural e que o que no papel ía aplicarse con carácter inmediato".
O manifesto rematou subliñando que “queremos un ensino público de calidade e non estamos dispostas a que se nos minta nin se nos engane"."Non queremos privilexios, nin laborais nin sociais, non queremos tratos de favor, nin desde as alcaldías nin desde San Caetano. Queremos o que en xustiza nos corresponde: unha educación en igualdade, con todos os recursos, con políticas avanzadas, con inclusión e con orzamentos reais”, conclúe a Plataforma.
Na manifestación tamén se pediu a "rectificación" dos orzamentos da Xunta para o próximo ano e que se incremente o número de docentes totais
Na manifestación tamén se pediu a "rectificación" dos orzamentos da Xunta para o próximo ano e que se incremente o número de docentes totais.
Neste senso, este venres CIG-Ensino denunciaba que os orzamentos da Xunta volven conxelar o número de docentes, que se mantén por debaixo das cifras de 2009, momento da chegada do PP ao poder. O sindicato subliña que que o Goberno galego mantén en 30.424 a cifra de persoal docente nos orzamentos para 2025, a mesma cantidade xa existente dende o 2022. E alerta de que o orzamento en Educación é un 7% inferior ao de 2009 en termos reais.