Os orzamentos da Xunta volven conxelar o número de docentes, por debaixo das cifras de 2009

Laura Arrojo, secretaria de Acción Institucional e Área Pública da CIG e Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino © CIG

CIG-Ensino denuncia que a Xunta mantén en 30.424 a cifra de persoal docente nos orzamentos para 2025, a mesma cantidade xa existente dende o 2022

CIG-Ensino denunciou este venres que a Xunta mantén en 30.424 a cifra de persoal docente nos orzamentos para 2025, a mesma cantidade xa existente dende o 2022, e que o incremento orzamentario en materia de persoal se limita á suba salarial do 2024 e á inclusión de programas finalistas. O número total mesmo se sitúa por debaixo do do ano 2009, momento en que o PP accedeu ao goberno da Xunta.

Nese ano o número de persoal docente ascendía a 30.439 efectivos, unha cifra que foi descendendo nos exercicios seguintes, ata chegar a 29.942 no ano 2020. No 2021 produciuse un reforzo de persoal para afrontar así as consecuencias da pandemia de COVID, pero de novo a cifra descendeu no 2022 ara os 30.424 docentes, nivel que se mantén dende entón.

O sindicato critica que o orzamento en Educación está un 7,3% por debaixo do existente no ano 2009 en termos reais

O sindicato critica que o orzamento en Educación está un 7,3% por debaixo do existente no ano 2009 en termos reais, aplicando o incremento da inflación que se produciu dende entón (+32%). CIG-Ensino calcula que "para tan só igualar o esforzo orzamentario daquel ano" as contas deste 2025 terían incrementarse en 233 millóns de euros. O sindicato denuncia que "os cartos destinados a Educación soben por debaixo da media do que o fan as contas xerais da Xunta".

Ademais, CIG-Ensino critica que nos orzamentos "non se aborda a recuperación do pagamento dos meses de verán ao profesorado substituto que traballe cinco meses e medio", un logro "vinculado ás folgas e mobilizacións do ano 2006 e eliminado en cada lei de orzamentos, aínda que siga figurando no seu articulado".

Este sábado a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca en Santiago unha manifestación "contra os recortes e a propaganda e pola dotación do persoal necesario que demandan os centros educativos"

Este sábado a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca en Santiago unha manifestación "contra os recortes e a propaganda e pola dotación do persoal necesario que demandan os centros educativos", sobre todo para a atención ádiversidade. A marcha partirá ás 12 horas dende a Alameda.

A convocatoria responde a "un inicio de curso convulso, marcado polo contraste entre a propaganda da Consellaría e as protestas máis numerosas dos últimos anos protagonizadas polas ANPAs e polos centros educativos ante a falta de profesorado, sobre todo de especialistas para a atención á diversidade nos colexios de infantil e primaria". 

Cartel da manifestación convocada pola Plataforma Galega en defensa do ensino público © Plataforma Galega en defensa do ensino público

As organizacións convocantes denuncian "que a situación do ensino público non fixo máis que deteriorarse nos últimos anos con menos docentes, máis materiais afíns e docentes compartidos por varios centros, menos especialistas para a atención á diversidade, máis burocracia e menos recursos públicos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.